Edición especial conmemorativa polos dez anos de historia dun festival que se espalla xeográficamente na décima tirada como un regato sinuoso, espumante e celebrativo. 

Dicía Jorge Teiller: “ante o caos da existencia social e cívica, os poetas dos Lares buscan afirmarse nun mundo ben feito, sobre todo no mundo da orde inmemorial das aldeias e dos campos, onde sempre se produce a mesma rotación segura de cultivos, colleitas, enterro e resurrección, tan semellantes á xestación dos deuses e dos poemas”. Así tamén nós na brusquedade: cal é a insolente fascinación da música?, a música que nos transfigura de intensidade perante o ruído enxordecedor e violento das mutacións que estalan impenetrables, implacables?

Atopámonos. Cun irrefrenable e indómito desexo de escoitar e descobrir, con espírito aventureiro, coa vontade de investigar, de compartir: escoitar, compoñer, tocar, crecer, crear, cuestionar, debatir, imaxinar, pensar, aprender… Música en directo. Como mudou o mundo daquela, cando inxenuos e insensatos decidimos escomezar esta aventura.

Comenzamos a edición especial nun maio nihilista coa residencia e o concerto da ópera NIHIL no marco da colaboración co Ensemble for New Music Tallinn que se presentou perante o público o domingo 8 de maio, ás 6h da madrugada no  PARKING CIDADE DA CULTURA, Santiago de Compostela. Dous días máis tardeo martes 10 ás 20h no MARCO de Vigo BALTICUM monográfico de música estona. E xa en xuño, concretamente o domingo 17 ás 20h. MINIMÁQUINA un proxecto arredor da música dos colombianos Camilo Méndez e Daniel Zea  no CENTRO DOTACIONAL DO MEDIO RURAL DE TORROSO en Mos. Este proxecto forma parte das dúas residencia artéstica enclavadas no marco de Cardinais que ten a Colombia como país convidado nesta edición: Entre o mércores 13 e o sábado 16 no horario de 10-14 e 16-20 estaremos con CAMILO MÉNDEZ gravando o seu monográfico para NEOS. E despois no mesmo espazo o o domingo 17 entre as 10-14 e as 16-18h con DANIEL ZEA. Tamén en xuño, o martes 12 entre as 10 e as 14h en  NEMONON, Pontevedra estaremos con francés SYLVAIN MARTY nunha nova edición do seu proyecto Nod coeud.

E chega o outono dos días e con el asoma o frío da existencia… aínda que a remoente ladaíña de desacougantes novas convite a desaparecer, acougo. Para os que teñen acompasado o ritmo dos seus corazóns nesta navegación procelosa,  desaparecidos e desaparecidas, público impenitente, intérpretes, creadores, creadoras que enriqueceron o tesouro do tempo que nos foi dado: amizade, tenrura e amor para todos e todas vos.

Falando de amizades e recoñecementos. Este ano, para dar un comezo todavía máis sinalado a esta edición especial do Festival Vertixe, dez anos de historia, fogos de artificio. Convidámosvos á mobilidade, a surfear dous envites:

Envite número un: o domingo 2 de outubro ás 15h., na previa da Reunificación Alemá, en Strodehne (Brandenburgo (Alemaña), moi preto de Berlín) onde as mesas da veciñanza xuntaranse na praza para celebrar, ao ar libre unha Kaffeetafel certamente atípica. Ata alí desplazarémonos para inaugurar o festival nunha «tola» colaboración hispano-xermana coa participación da vila ao completo. Un convite do colectivo Landmade. As Kaffeetafel son merendas típicas para xuntarse, parolar, tomar chocolate, té, café… e tartas, moitas tartas. DIE KUNST SICH AN EINEN TISCH ZU SETZEN. A arte de sentarse á mesa do rico e variado repertorio das Tafelmusik, «músicas para banquetes» de enorme repercusión na Francia e Alemaña dos séculos XVI e XVII. Unha multitudinaria e singular merenda artística, un traballo colaborativo deseñado e concebido por Ramón Souto (compositor), Ignacio Barcia (artista visual), Gabriele Konsor (artista visual) e Birte Hoffmann (fotografía).

Envite número dous: Outra senlleira conmemoración, a dos 50 anos dos Encontros de Pamplona (1972-2022) fito da vangarda artística española.  Alí estaremos, man a man, entre o 7 e o 16 de outubro, nunha colaboración co Colectivo 7.2 de Pamplona camiño da reflexión profunda arredor do futuro da música. CAIXAS Á DERIVA tende ao xogo como elemento central de interacción. Regras moi sinxelas de activación verbal estructuran arquitecturas sonoras en distintos puntos da cidade. Coqueteando cos preceptos constructivos dos espazos para xogo de Aldo Van Eick experimentan a convivencia sonora do excéntrico recuperando a rúa como escenario natural de escoita, encontro e socialización; reflectindo modelos de creación colectiva, abertos e transparentes, construidos in situ.

O martes 4 de outubro ás 20:30h no PARANINFO DA UNIVERSIDADE en Santiago de Compostela, a fecunda GOT LOST coa soprano Yuko Kakuta e a pianista Yukiko Sugawara. Unha oportunidade única para escoitar a dúas intérpretes irrepetibles en directo. Especialistas autorizadas e máximas garantes do legado musical do grande mestre de Estugarda, o noso benquerido Helmut Lachenmann, que este ano cumple o seu 86 aniversario. E a dous dos seus máis sobresaíntes alumnos: o parisino Mark Andre e o montevideano Álvaro Carlevaro que estreará eiquí a súa derradeira obra.

O domingo 9 de outubro na IGREXA DE BONAVAL en Santiago de Compostela estrea mundial de CARGA CHEA/ OUTROS PLANS. O compositor e director arxentino residente en Berlín, Beltrán González, constrúe un dispositivo que nos sumerxe na vida a bordo dos bacallaeiros galegos que faenaban no gran banco de Terranova nos oitenta. “Unha homenaxe a aqueles mariñeiros que convivían seis ou sete meses na estreiteza dun barco sometidos a longas xornadas de estresante traballo”.  E tamén serán estreas mundiais do proxecto interactivo  que presenta o dúo 1ll0~ (Guillermo Almo, e JuanLu Montoro) para 30 performers e ensemble e os derradeiros traballos de Vitali Karagkezidis e Ramón Otero que completan a proposta.

CIRRUS o domingo 16 de outubro ás 18h na IGREXA DE SAN FRANCISCO en Tui. Catro estreas mundiais de Natalia Solomonoff, Mary Bellamy, Juan Pablo Carreño e Anselmo Ugarte. Natalia Solomonoff adica a súa obra ao ancestral e insondable Paraná que nutre e abraza a cidade de Rosario (Arxentina), o seu lugar no mundo. Mary Bellamy pasma mirando nubes, os cirros: de grande altitude, delgadas como fíos, que se desprenden de parches de cristais de xeo.  Juan Pablo Carreño loita con unllas e dentes por espazos de supervivencia como unha oleaxe de enerxía resiliente. Anselmo Ugarte “soña con paxaros dende unha casa de madeira” inspirado por textos do poeta lárico Jorge Tellier (1935-1996).

O luns 17 de outubro ás 20h en SIRVENT, Vigo, música acusmática para soporte fixo, notacións abertas que artellan improvisacións de base electrónica, partituras de escrita tradicional… ABERTO/PECHADO no que conviven diferentes modos de atrapar, pensar e comunicar a creatividade sonora. Con obras de: Mathias Pintscher (Marl, Alemaña 1971), Igor C Silva (Oporto, Portugal, 1989), Kelley Sheehan (Chicago, Ee.Uu., 1989), Rogelio Sosa (Cidade De Mexico, Mexico, 1977), López Estelche (Santoña, España, 1983), Panayiotis Kokoras (Ptolemaida, Grecia, 1974), Cano Valiño (Buenos Aires, Argentina, 1991) e Filipe Lopes (Oporto, Portugal, 1981).

Zahir, na súa primeira estadía en Galicia presenta un díptico de música española dos derradeiros cincoenta anos: BOLBORETAS NEGRAS e TRANSPARENCIAS. Será o venres 21 e o sábado 22 no AUDITORIO MARTÍN CÓDAX en Vigo ás 20h. e na sala NEMONON en Pontevedra ás 12:30h. respectivamente. Dous concertos con música de Anna Malek (Nisko, Poland, 1977), Sergio Blardony (Madrid, 1965), Eneko Vadillo (Málaga, 1973), e César Camarero (Madrid, 1962) na primeira cata; e de  Cristóbal Halffter (Madrid, 1930 – Villafranca del Bierzo,  2021)​, Alberto Carretero (Sevilla, 1985), Mercedes Zabala (Madrid, 1963) Bipolar* (2022) e Eneko Vadillo (Málaga, 1973), Luis de Pablo (Bilbao, 1930 – Madrid 2021)​ nos dixestivos.

O sábado 29 de outubro ás 20h no VERBUM de Vigo Hanatsu Miroir presenta CONVITE un vívido percorrido por pezas adicadas recentemente ao conxunto de Estrasburgo: a estética doce e resiliente de Ian Whillock, as sonoridades corrosivas de Jonah Haven, os drons de Fernando Curiel, a densidade post Xenakis de Matias Rosales e a vivacidade eléctrica de Daphné Hejebri. Luxazo!

En UN DÍA ÚNICO no AUDITORIO MARTÍN CÓDAX de Vigo o domingo 30 de outubro ás 20h, Jorge Gómez Elizondo (Austria/ México, 1986) propón unha escolmavienesa da creación transdisciplinar: novos medios, teatro musical, escultura, instalación, arte multimedia e butoh. Estreas mundiais do propio Elizondo (Austria/ México, 1986), Roberta Lazo Valenzuela (Austria/ Chile, 1991) e Yoav Chorev (Israel, 1989). E obras de Yiran Zhao (Alemania/ China, 1988 ) e Kristine Tjøgersen para completar o programa.

Continuaremos a finais de novembro, o mércores 30 con ARTIFICIAL, o esperadísimo espectáculo de Oscar Carmona para violín, viola, percusión e electrónica tantas veces adiado por mor da pandemia. Será ás 20h en VERBUM, Vigo. Unha exploración do impacto da tecnoloxía na nosa vida diaria construida a partir de algoritmos, bucles de programación, sistemas mecánicos e intelixencia artificial. 

E rematamos co PREMIO NACIONAL DE MÚSICA 2005, o Grup Instrumental de Valencia, clásico da escena contemporánea española que pechará esta edición o domingo 12 de nadal ás 18h no AUDITORIO DO CONCELLO de Vigo con VIA LATINA cun percorrido polos distintos pobos íberos: Helga Arias (Bilbao, 1984), Sara Mínguez (Madrid, 1978), Luis Tinoco (Lisboa, Portugal, 1969), Oscar Colomina I Bosch (Valencia, 1977), Andreia Pinto-Correia (Lisboa, Portugal, 1971).


Concertos

domingo 8.5, 6h | PARKING CIDADE DA CULTURA, Santiago de Compostela
NIHIL

martes 10.5, 20h | MARCO, Vigo
BALTICUM

domingo 17 julio, 19:00H | Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso, Mos
MINIMÁQUINA

xoves 25 agosto, 18:30H | Abadía da Cova – Adegas Moure
TEMPO 1

venres 26 agosto, 12:00H Pazo de Rivadulla, Vedra
TEMPO 2

sábado 27 agosto 20:00H | Igrexa de San Domingos de Bonaval
TEMPO 3

domingo 2.10, 15h | PRAZA DA VILA, Strodehne 
DIE KUNST SICH AN EINEN TISCH ZU SETZEN

martes 4.10, 20:30h | PARANINFO DA UNIVERSIDADE, Santiago de Compostela
GOT LOST  Concerto Edición Especial

venres 7 a domingo 16.10, 20h | DIFERENTES UBICACIÓNS, Pamplona
CAIXAS Á DERIVA

domingo 9.10, 18h | IGREXA DE BONAVAL, Santiago de Compostela
CARGA CHEA, OUTROS PLANS

domingo 16.10, 18h | IGREXA DE SAN DOMINGOS, Tui
CIRRUS

luns 17.10, 20h | SIRVENT, Vigo
ABERTO/PECHADO

venres 21.10, 20h | AUDITORIO MARTÍN CÓDAX, Vigo
BOLBORETAS NEGRAS

sábado 22.10, 12.30h | SALA NEMONON, Pontevedra
TRANSPARENCIAS

sábado 29.10, 20h | VERBUM, Vigo
CONVITE

domingo 30.10, 20h | AUDITORIO MARTÍN CÓDAX, Vigo
UN DÍA ÚNICO

xoves 1.12, 20h | VERBUM, Vigo
ARTIFICIAL

domingo 11.12, 18h | AUDITORIO DO CONCELLO, Vigo
VÍA LATINA

Residencias

martes 12.07 10-14h | NEMONON, Vigo
NIHIL

martes 12.07 10-14h | NEMONON, Pontevedra
SYLVAIN MARTY MONOGRÁFICO

domingo 17.07 10-14/16-18h | CENTRO DOTACIONAL DO MEDIO RURAL DE TORROSO, Mos
DANIEL ZEA MONOGRÁFICO

mércores 13.07 – sábado 16.07 10-14/16-20h | CENTRO DOTACIONAL DO MEDIO RURAL DE TORROSO 
CAMILO MÉNDEZ. MONOGRÁFICO.

varios días  | DIVERSAS LOCALIZACIÓNS
RESIDENCIAS-ARTISTICAS

Obradoiros

sábado 8 – domingo 9.10 | IGREXA DE SAN DOMINGOS DE BONAVAL, Santiago de Compostela
OBRADOIRO 1ll0~

venres 23.9 – domingo 16.10 | IES SAN PAIO/ IGREXA DE SAN DOMINGOS,  Tui
ROZAMENTO/ROZADURA

Didáctico

venres 28.10, 11.30h | VERBUM, Vigo
CONVITE MATINAL

mércores 30.11, 11.30h | VERBUM, Vigo
ARTIFICIAL MATINAL

Entrada libre ata completar aforamento salvo onde se indique o contrario