10 estreas mundiais, 7 concertos, 2 obradoiros, 9 conferencias e 15 países representados. VertixeVIGO chega á súa terceira edición para consolidarse como un dos espazos europeos de difusión da música contemporánea máis innovadores e a principal plataforma española para coñecer a creación musical experimental emerxente no ámbito internacional.

Poderemos escoitar estreas mundiais de compositores provintes de diferentes partes do planeta que escolleron esta plataforma para a súa presentación en España. Juan Pablo Carreño (Colombia), Pablo Galaz (Chile), Arash Yazdani (Irán), Natalia Prokopenko (Rusia), Edgar Barroso (México), Elena Rykova (Rusia), Miguel Ángel Tolosa (España), Ingar Zach (Noruega), Andrés Nuño De Buen (México) e Murat Çolak (Turquía). Tamén estarán por primeira vez en Galicia Espai Sonor de Sueca (Valencia), Nou Ensemble de Palma de Maiorca ou V. Salvi xunto a Miguel Carvhallais do Porto (Portugal)

Nesta nova singradura incorporamos os singulares proxectos educativos ALIEN e MÚSICAPORDENTRO coa vontade de afianzar a presenza internacional das institucións galegas procurando modelos interinstitucionais que promovan a innovación e aglutinen propostas illadas para a súa mellor visibilización.

Organizada por Vertixe Sonora, un dos colectivos máis destacados na aposta pola música contemporánea e polo diálogo e a confluencia entre a música e as artes, esta cita converte a cidade de Vigo nunha sala de concertos, nunha caixa acústica total na que se exploran novas relacións entre os espazos e o público.