ISCM – ESPAÑA

Vertixe Sonora, Sección Española da Sociedade Internacional para a Música Contemporánea.

A International Society for Contemporary Music (ISCM), Sociedade Internacional de Música Contemporánea, fundouse en 1922 durante a «Salzburger Festpiele» por iniciativa da Segunda Escola de Viena. A ISCM, a máis antiga e unha das máis importantes institucións de promoción da música contemporánea no mundo, conta actualmente con máis de 50 países participantes e varias seccións rexionais en cada continente. Ten como principais obxectivos a promoción á escala internacional de todos os aspectos vencellados á creación musical contemporánea, favorecendo a produción, creación, investigación, difusión de obras, actividades pedagóxicas, etc…

Entre as varias iniciativas que promove destaca o World Music Days, que dende fai décadas se reafirma como un momento prominente no calendario internacional de festivais, e que procura promover a creación musical de todos os países membros, programando anualmente cerca de 150 obras de compositores de todo o mundo.

España incorporouse á ISCM xa en 1923, figurando entre os seus impulsores Manuel de Falla, se ben a andadura de España nesta organización foi bastante descontinua por circunstancias diversas. Soamente en dúas ocasións España albergou o World Music Days: na Barcelona do 36 (durante o que se estreou o célebre Concerto para violín de Alban Berg tres meses antes do fatídico golpe de estado), e no Madrid do 65. Entre os varios presidentes da sección española figuran Óscar Esplá, Enrique Fernández Arbós, Cristóbal Halffter, Luis de Pablo ou Alfredo Aracil.

A ISCM escolleu a Vertixe Sonora para a recuperación da ISCM España en 2021, coincidindo co décimo aniversario co obxectivo de dar un novo pulo á presenza da música española no contexto internacional. E Vertixe Sonora asume coa maior das ilusións a tarefa de consolidar e desenvolver esta delegación para a maior e mellor visibilidade internacional dos nosos autores e músicas. Dende entón Vertixe Sonora representa anualmente a España nas asembleas xerais, comisións e calquera das diferentes iniciativas que se organizan no eido da ISCM contribuíndo activamente á promoción dos compositores españois e aos seus traballos.

Dende Vertixe Sonora entendemos esta designación como un recoñecemento á nosa traxectoria e afrontamos o reto que representa con alegría, humildade e afouteza, coa enorme honra que conleva e a responsabilidade histórica de favorecer o coñecemento e difusión internacional da música española así como contribuír ao intercambio cultural no eido da creación sonora internacional.

 

ENLACES
iscm
revista-arquivo 
ciclos colaborativos

ENTRADAS NA WIKIPEDIA
español
alemán
inglés

BIBLIOGRAFÍA
Haefeli, Anton. Die Internationale Gesellschaft für Neue Musik (IGNM): Ihre Geschichte von 1922 bis zur Gegenwart
ISBN 10: 3761105967 ISBN 13: 9783761105962 Atlantis Musikbuch-Verlag, 1982