Nove concertos e unha miríada de residencias artísticas, actividades e conferencias espalladas por Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela. Un outono cargado de músicas de vangarda. Comeza o Vertixe 11!

Malí, agosto de 2020. Os militares toman o poder, expulsan as tropas francesas e piden a Putin o despregue de mercenarios do Grupo Wagner. Así da inicio un ciclo de asonadas que terá continuidade en Chad (abril de 2021), Guinea (setembro de 2021), Burkina Faso (setembro de 2022), Níxer (xullo de 2023) e Gabó (agosto de 2023). Inestabilidade en Senegal e máis países da contorna. A Françafrique desmoróase. África central e occidental prefiren mirar a Moscova, moi hábil incorporando novas áreas de influencia. E a Pequín, que verteu millóns de yuans no continente na construción da Nova Ruta da Seda. A saída da COVID presenta inesperadas bifurcacións no nacente mundo multipolar e, coa guerra de Ucraína como fondo insoportable, o novo colonialismo ruso e chinés sustitúe ao vello neocolonialismo francés. África no centro da Historia. África no foco. África…

Vigo, Auditorio Martín Códax. Domingo 8 de outubro de 2023. Son ás 18h. Coprodución internacional dirixida polo prestixioso Mariano Chiachiarini (Bos Aires, Arxentina, 1982) e comisariada por Lukas Ligeti (Viena, Austria, 1965). En colaboración con El Contemporáneo – Festival de Música de Canarias e os World Music Days da ISCM que este ano celebran os 100 anos da International Society of Contemporary Music en Johannesburgo e Cidade do Cabo (Sudáfrica). Dous anos de traballo que terán a súa plasmación en NJANGI. Estamos en África. A casa Njangi é o termo africano para unha antiga forma de partillar os recursos comunitarios despois da colleita. Como espazo radical de convivencia, lugar para comer e beber, espazo de arte e plataforma discursiva, a casa Njangi procura comprender, negociar e abrollar novas formas de entendemento entre África e Europa, entendendo a práctica artística coma un exercicio que constrúe convivencia. A través da música de Ahmed Essyad (Sale, Marrocos, 1938), Monthati Masebe (Xohanesburgo, Sudáfrica, 1995), Ayo Oluranti (Ibadan, Nixeria, 1972), Daniel Roca (As Palmas de Gran Canaria, España, 1965) e Ramón Souto (Vigo, España, 1976), Njangi, aposta por un achegamento á música do continente africano no limiar que antecedente ás nocións de occidental e non occidental. Aproximación, irmandamento, afondamento de lazos de acollida. E no ar a impresión de que as cousas poderían ter sido doutro xeito. Encabeza o programa o vibrante dúo para trompeta e percusión Tangle de Lukas Ligeti auténtico animador dunha iniciativa en cuxo corazón parece latexar a súa propia traxectoria artística e vital.

Continuamos con CORROSION RESISTANCE, o sábado 14 ás 19h unha sesión de hardcore sonoro e brutalidade ruidista. A forma máis común de protexer un elemento da corrosión é illando a súa superficie para que non entre en contacto con substancias que a poidan degradar. O saxofonista Pablo Coello someteranos a unha proba de presión sonora coa música de Yann Robin (Courbevoie, Francia, 1974), Ferrer-Orozco (1976, México DF) e Víctor Ibarra (1978, México DF). Decibelios e decibelios de corrosión auditiva.

Domingo 22 outubro ás 20h, IMPORT/ EXPORT no Auditorio Martín Códax. Estreas mundiais de Alireza Shahabolmolkfard (Austria / Iran, 1991), Jorge Villoslada (España, 1997), Katharina Roth (Austria / Alemaña, 1990), Tobias Leibetseder (Austria, 1973) e Aleksandra Bajde (Austria / Eslovenia, 1987). A segunda parte dun programa comisariado por Jorge Elizondo que nos achega experiencias multimedias da vangarda austríaca enfatizando o uso de novos medios e da tecnoloxía, o teatro musical e as tradicións transdisciplinares (teatro musical, escultura, instalación sonora, arte multimedia e outros).

Venres 27 outubro ás 20h. Tamén no Auditorio Martín Códax en Vigo. Por vez primeira vez no festival un clásico da música contemporánea española. O mítico PLURAL ENSEMBLE dirixido por Fabián Panisello (Bos Aires, Arxentina, 1963). Unha agrupación con vinte anos de percorrido que ten configurado o son contemporáneo no noso país. En PLURAL presentan as recentes estreas mundiais para ensemble a cargo de Carolina Cerezo (Málaga, 1993), Félix Ibarrondo (Oñate, 1943) e os recentes gañadores da Convocatoria para Jóvenes Compositores PluralEnsemble Josuè Blanco (España, 1997) e Aarón Esteve (España, 1997). Finalizarán co concerto dándonos a coñecer a música da compositora e directora grega Konstantia Gourzi (Atenas, Grecia, 1962), e agasallarán a Tomás Bretón (1850-1923), no centenario da súa morte.

Domingo 29 outubro ás 19h. Trasladámonos a Santiago de Compostela, para presentar no marco do ciclo ÓPTICAS CONTEMPORÁNEAS organizado pola Xunta de Galicia a través da Cidade da Cultura, en colaboración co Miso Music, o Warsaw Autumn Festival e a Ernst von Siemens Music Foundation, a recente ópera de Miguel Azguime interpretada polo Sond’ar-te Electronic Ensemble e dirixida polo maestro portugúes Pedro Neves, UN RISO PARA CHORAR. Será no Andar -1 do Museo Centro Gaiás. Miguel Azguime (Lisboa, Portugal, 1960), o grande amigo portugués de Enrique X. Macías (1958 -1995), garante do seu legado e da nosa educación sentimental, presenta un teatro metafísico, unha reflexión sobre o poder hexemónico de destrución da memoria e de devastación da Terra e o colapso da propia humanidade. Un proxecto de A NEW OP-ERA project (unha nova era para opera) con Miso Music Portugal, Sond’Ar-te Electric Ensemble e Vertixe Sonora.

Tres concertos coma remate final do festival. O sábado 11 de novembro ás 18h. no Auditorio Martín Códax en Vigo continuaremos a reflexión sobor da itinerancia iniciada en Cardinais a través da estrea mundial de Sina Fallahzadeh (Teherán, Irán 1981) en EXILIOS. Ao día seguinte, domingo 12 de novembro pero desta vez ás 13h LIMINARIS onde a Compañía de Músicas Abertas formada por Edith Alonso (Madrid, 1974), electrónica, e Elena Juárez (Madrid. 1981), visuais presentarán Momento 0.3 (peza da súa autoría) e Brain 1 obra de Antony Maubert (París, 1974) e Edu Cortina (Zaragoz, 1972). E remataremos esta edición á seguinte semán, o domingo 19 de novembro ás 13h, con Roberto Alonso, violinista e un dos máximos instigadores a nivel internacional do uso de procesos de intelixencia artificial en contextos sonoros que presentará a distopía cyberpunk, ARCHON. Verbas do Demiurgo. Acompañarao un entorno de aprendizaxe automatizado programado polo enxeñeiro, experto en intelixencia artificial e robótica, Marek Poliks e o propio violinista. Unha criatura viscosa e terrorífica que suplanta os instrumentos pola transferencia de estilo; a xeración de bibliotecas de mostras, a proliferación de patróns e o propio estudo por operacións de conformidade preparadas, na crenza de que a música do futuro terá como punto de partida o post-traballo.


Avance

Domingo 11 de xuño, 19h. | COAG, Vigo
OUTRA VOLTA DE TORCA*
*Entrada de balde ata completar aforamento

Concertos

Todos os concertos son de entrada gratuita ata completar aforamento salvo que se indique o contrario

Domingo 8 de outubro, 18h. | Auditorio Martín Códax, Vigo
NJANGI

Sábado 14 de outubro, 19h. | MARCO, Vigo
CORROSION RESISTANCE

Domingo 22 de outubro, 20h. | Auditorio Martín Códax, Vigo
IMPORT/ EXPORT

Venres 27 de outubro, 20h. | Auditorio Martín Códax, Vigo
PLURAL

Domingo 29 de outubro, 19h. | Museo Centro Gaiás Andar -1. Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
UN RISO PARA CHORAR*
*Entradas 5€ en Ataquilla.com

Sábado 11 de novembro, 18h. | Auditorio Martín Códax, Vigo
EXILIOS

Domingo 12 de novembro, 13h | MARCO, Vigo
LIMINARIS

Domingo 19 de novembro, 13h | MARCO, Vigo
ARCHON

En paralelo

Varias datas e espazos
RESIDENCIAS

Varias datas e espazos
ENSAIOS ABERTOS

Varias datas e espazos
PRÁCTICAS DE MÁSTER EN ENSINANZAS ARTÍSTICAS

Mércores 1 de novembro, 12h | Museo de Pontevedra
CARTOGRAFÍAS DA MÚSICA CONTEMPORÁNEA

Venres 20 de outubro, 17h | CSM, Vigo
AUTORRETRATO SOBRE FONDO SONORO

Xoves 26 de outubro, 17h | BBAA, Pontevedra
O NEW OP-ERA PROJECT

Domingo 29 outubro, 18h | CIDADE DA CULTURA, Santiago de Compostela
VERTIXE DIXITAL

Sábado 18 de novembro, 12h | MARCO, Vigo
INTELIXENCIA ARTIFICIAL. PASADO PRESENTE E FUTURO

Entrada libre ata completar aforamento salvo onde se indique o contrario