I Festival Vertixe VIGO 2013
Aguzar o oído I 2013
Curso

23 claves de escoita para entender a modernidade

Emilio Lede

16/10/2013 - 30/4/2014
Vigo

serie de conferencias coordinadas por Emilio Lede

Información e inscripcións: info@marcovigo.com

  • Inscripción: 130 € (desconto do 20% para membros da Agrupación de Amigos do MARCO e para estudantes, previa acrecitación).

  • Descontos especiais por inscrición en 2 e 3 cursos.

  • Destinatarios: público en xeral con interese en achegarse á música contemporánea.

Co curso titulado ‘AGUZAR O OÍDO. 23 claves para escoitar a modernidade’, o MARCO continúa o seu labor de divulgación da arte do noso tempo ofrecendo un novo espazo de achegamento á música contemporánea e ao resto de experiencias estéticas nas que o son é o centro de investigación artística. Son 23 sesións que percorren diferentes aspectos da arte musical en relatorios minuciosos, cunha linguaxe accesible, amena e didáctica que pretende suscitar debate entre os asistentes, espertar complicidades, habilitar espazos recónditos de emoción e escapar do academicismo abrindo novas vías de disfrute e proximidade á escoita. Organizado conxuntamente con Vertixe Sonora Ensemble, e coa participación de Emilio Lede como relator principal, conta coa colaboración de diversos especialistas na materia de ámbito estatal (xornalistas, musicólogos, investigadores, artistas sonoros, compositores, músicos) que complementan unha proposta que ten a vontade de abarcar a diversidade da paisaxe musical actual.

‘AGUZAR O OÍDO’ completarase con puntuais intervencións musicais a cargo dos solistas de Vertixe Sonora Ensemble, que permiten vivenciar experiencias de concertos de pequeno formato.

Para esta edición dos cursos, e no marco do convenio asinado pola Universidade de Vigo e a Fundación MARCO, está en marcha a solicitude para a concesión de créditos de libre elección e ECTS para alumnado da Universidade de Vigo.

CALENDARIO E PROGRAMA 

  • Sesión 1 (16 outubro) Como escoitar música contemporánea?  

  • Sesión 2 (23 outubro) As diversas tendencias do cambio de século

  • Sesión 3 (30 outubro) Gustav Mahler, un compositor entre dous mundos

  • Sesión 4 (20 novembro) O apolíneo e o dionisíaco, o “belo” e o “feo” na música e na arte de principios do século XX

  • Sesión 5 (27 novembro) Claude Debussy e Maurice Ravel: o timbre refinado e sensual, transparente e preciso

  • Sesión 6 (11 decembro) O expresionismo da II Escola de Viena, exacerbación do pathos romántico alemán

  • Sesión 7 (18 decembro) O Neoclasicismo: unha reacción contra a “expresividade” romántica. Os nacionalismos musicais, a idealización romántica da música popular

  • Sesión 8 (8 xaneiro) Igor Stravinsky, cosmopolita a contracorrente dende a periferia

  • Sesión 9 (15 xaneiro) As vangardas convértense en academias. Que é a modernidade? Os que non son nin vangarda nin academia

  • Sesión 10 (22 xaneiro) Un proceso histórico: tonalidade – atonalidade – música dodecafónica – serialismo

  • Sesión 11 (29 xaneiro) Os cursos de Darmstadt nos anos 50 do século XX e a importancia da estrutura, do elemento arquitectónico na música

  • Sesión 12 (5 febreiro) Pierre Boulez: líder da vangarda na posguerra, promotor do IRCAM e intérprete esclarecedor

  • Sesión 13 (12 febreiro) O estudo (científico) do timbre e a música espectral

  • Sesión 14 (19 febreiro) A música textural de György Ligeti e a aleatoriedade de John Cage

  • Sesión 15 (26 febreiro) Complexidade e simplicidade, acción e reacción

  • Sesión 16 (mércores 5 marzo) Breve historia da música electrónica

  • Sesión 17 (12 marzo) Lachenmann e Sciarrino, xeitos complementarios de entender a composición

  • Sesión 18 (19 marzo) A postmodernidade e a disolución das fronteiras culturais e estilísticas

  • Sesión 19 (26 marzo) Formas de arte total nunha nova era visual

  • Sesión 20 (2 abril) Paisaxes sonoras: unha posición ética de escoita

  • Sesión 21 (9 abril) Un novo sentido do tempo?

  • Sesión 22 (23 abril) O ensemble: a agrupación dunha época

  • Sesión 23 (30 abril) Música e tecnoloxía

NOTA: tanto o programa xeral como as sesións a cargo de relatores invitados poden sufrir variacións nas súas datas e contidos, en función da dispoñibilidade dos relatores e do propio desenvolvemento do curso.

** Durante a tempada 2013-14, por coincidir con festivos e outros eventos, non haberá curso os seguintes mércores: 6 e 13 de novembro, 4 e 25 de decembro, 1 de xaneiro, 16 de abril.

O relator

Emilio Lede. Barro, Pontevedra, 1974. Comeza os seus estudos musicais da man de seu pai. Estuda piano e óboe, máis tarde composición con Joam Trillo, quen esperta o seu interese pola análise e, finalmente, pola musicoloxía. Interesado pola interpretación, dirixiu, entre outras agrupacións, o coro de cámara A Laranxa, así como a Nova Orquestra Juan Crisóstomo Arriaga de Majadahonda. As súas liñas de investigación musicolóxica céntranse na historia da harmonía, na relación da análise coa interpretación e nas correspondencias entre a música e as demais artes. Publicou artigos en diversas revistas especializadas –Relafare, Cuatro42, Diapente e Sul Ponticello–. Deu conferencias de reflexión sobre a escoita e o achegamento á música contemporánea no CGAC de Santiago de Compostela, na galería de arte Lilliput e no Conservatorio Superior de Música de Vigo. No ano 2012, publicou na editorial Dos Acordes o libro Análisis musical y guía para la interpretación. Partita para flauta sola BWV 1013 de J. S. Bach. Sonata para flauta sola de C. Ph. E. Bach. Colabora regularmente coa Fundación Arriaga, a ESMAE do Porto e a Vertixe Sonora Ensemble, e imparte cursos sobre interpretación en distintos conservatorios de Galicia. Actualmente, é profesor de Historia da Música e Análise, no Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra.

Dende a súa apertura no 2002 a cidadanía viguesa sempre acolleu as propostas do MARCO con especial interese. A programación presenta unha oferta moi variada co obxectivo de conectar cos visitantes e, por riba de todo, crear e fomentar hábitos de consumo cultural. A liña de programación do MARCO céntrase en exposicións temporais, temáticas e colectivas, que dende o 2009 se complementa cunha nova liña de exposicións individuais. O programa educativo e o conxunto de actividades complementarias -xornadas, seminarios, conferencias, concertos, ciclos de cinema…- son outros compoñentes esencias da súa oferta.

Sito no antigo edifico dos xulgados e cárcere de Vigo (1880) —lugar moi vencellado á memoria colectiva— na súa reconversión no centro artístico de referencia en Vigo sufriu unha importante remodelación a cargo do o equipo vigués de arquitectos formado por Manuel Portolés Sanjuán, Francisco Javier García-Quijada Romero e Salvador Fraga Rivas, que mantivo a tipoloxía, distribución e o panóptico central da estructura orixinal o que de feito, constitúe un dos seus principais atractivos.