Conscientes da base de poder que impoñen xeografía e historia, dende Vertixe 9 ofrecemos un espazo sonoro de apertura, un medio para descolonizar a homoxeneización aural practicando fonchos e fendas que desfagan os tapóns auditivos e as prácticas obsoletas.

Cuestionando o dereito á lexitimación, resistindo con forza a tendencia á uniformización e á universalización occidental, abrimos xanelas e operamos buelas que acollan as singularidades nas que reverberan as resonancias do diverso.

Porque fronte ao canon omnisciente e a cultura da exclusión apostamos polas mentes abertas, o traballo entre iguais, os oídos curiosos e atentos, e as intuicións organizadas e astutas coa parcialidade coma condición de ser.

Renovando os votos de liberdade, independencia e compromiso coa excelencia que asumimos na nosa fundación, e co obxectivo de imprimir un salto de confianza e calidade aceptamos con moita alegría e responsabilidade o convite da ISCM – International Society for Contemporary Music, organizadora dos World Music Days para recuperar a desaparecida ISCM – España, a sección española da institución. Recoñecemento a dez anos de traballo entusiasta cunha vocación irrenunciable pola nova música, dende unha institución centenaria, celebrará seu 100 aniversario o vindeiro ano na dobre sede de Johannesburgo e Soweto nunha edición especial en África baixo a dirección artística de Lukas Ligeti. Unha iniciativa que sitúa a Vertixe Sonora entre os afluentes principais de creación e promoción do patrimonio musical internacional –moitas das grandes personalidades da música do pasado século (Schönberg, Berg, Webern, Bartók, Stravinsky, Ligeti, Varèse, Nono, Lachemann, Schnebel, Boulanger, Saariaho, etc.) estiveron vinculados dun xeito ou outro a esta institución.

Serán oito concertos e dezasete estreas mundiais de outros tantos compositores e compositoras de todo o mundo na segunda quincena de outubro. Comezamos o sábado 16 ás 17h. na IGREXA CONVENTUAL DE SAN FRANCISCO en Pontevedra con UMS’n JIP, dúo suízo formado por Javier Hagen, contratenor e electrónica e Ulrike Mayer-Spohn, frautas de pico e electrónica que presentarán TRES VOCES de Morton Feldman. Cecáis sexa Morton Feldman (Manhattan, Nova Iorque, 1926 – Buffalo, Nova Iorque, 1987) o compositor máis axeitado para describir este periodo de suspensión temporal que acabamos de vivir durante o confinamento. E probablemente estamos agora en disposición de escoitar as súas paisaxes de sons flotando no baleiro dun xeito diferente. Sons entre o tempo e o espazo, entre a pintura e a música, despoxados dos xestos instrumentais convencionais, dos xiros adquiridos na cultura occidental, nunha dimensión global que sostén os elementos en equilibrio, mantendo esta tensión, ou este estado, á vez conxeado e en vibración.

Seguimos con tapices sonoros. Elaborados neste caso por tres compositoras e un compositor. Tamén en Pontevedra no EDIFICIO CASTELAO DO MUSEO DE PONTEVEDRA o martes 19 ás 20h. NOEUD-COL GABBEH. En persa gabbeh significa: natural, cru, intacto, sen cortar. En francés noeud-col nó-cela, a mínima estructura na construcción dunha alfombra. As alfombras persas Gabbeh son tecidas tradicionalmente polas mulleres das tribos nómades do suroeste de Irán. En Noeud-col Gabbeh poderemos transitar na escoita a través das catro estreas mundiais escritas  para arpa, trompeta, trompa, violoncello e percusión. Obras que convirten aos instrumentos en autómatas industriais (Sylvain Marty, FRANCIA), que nos falan das desinencias do tempo nas lembranzas (Alysa Aska, CANADA), das trangresións mor da curiosidade (Yulan Yu, CHINA) ou de acenos que convocan a unha danza (Liao Lin-Ni, TAIWAN)

O domingo 24 ás 19h. no AUDITORIO DA XUNTA DE GALICIA EN CAMPOLONGO, Pontevedra, NUBES E NÓMADAS unha proposta transmedia para ensemble de solistas (6 en vivo, 6 en vídeo) ideada por Carlos Sandoval (MÉXICO). Referente na composición con entornos audiovisuais propón unha reflexión sobre a deriva. Combinando música ao vivo con videos dos intérpretes deambulando polas rúas de Pontevedra (o paseo do río Gafos, o skatepark Mollabao, os arcos da rúa de San Bartolomé, os xardíns de Vicenti…) nun proceso que consegue traspasar as fronteiras físicas suliñando a dualidade do real e o virtual. Completa o programa a nova estrea mundial da chinesa Cong Wei, na que se fusiona soño e realidade; e a obra Lilith de Yulan YU (CHINA) na que se confronta a concepción da feminidade en oriente e occidente a través do mito bíblico de Lilith e o pensamento taoista.

No ESPACIO DE ARTE SVT de Vigo, o martes 26 ás 20h., escoitaremos ao guitarrista Nuno Marques en SLAPBACK. Partindo da improvisación descobrirá formatos sonoros que xurden da confrontación con eventos sociais contemporáneos (Zeitgeist [2], Eric Egan 2019), coas pinturas rococó de Giovani Battista Tiepolo (Clouds, Gregor Forbes 2019), que explora a granulación tímbrica (I1 for Solo Electric Guitar, Zachary Seely 2012) ou mesmo a creación de espazo dende a repetición microtemporal (Slapback de Michael Fiday, 1997).

O 7 de outubro de 1571 o imperio otomán enfrentouse coa Santa Liga Católica liderada por Juan de Austria preto da cidade grega de Náfpakto (Lepanto en italiano). Unha sorte de guerra mundial na época. Alí perdera a mobilidade da súa man dereita con 24 anos Miguel de Cervantes feito polo que recibirá seu famoso alcume. Alí tamén atopará inspiración  -por que?, unha encomenda?- o arquitecto portugués anónimo que creou o magnífico retablo de Nosa Señora do Rosario (absolutamente único pola súa inclusión desa referencia á batalla). O xoves 28 ás 20h. na IGREXA MONACAL CONVENTUAL DE SAN DOMINGOS, Tui, e enmarcada nas actividades que lembran os 450 anos da Batalla de Lepanto presentaremos OFICIO DE ARMAS. Se Alberto Carretero achégase da man de Emilia Pardo Bazán, aos sutís procesos psicolóxicos da sensibilidade feminina en O encaixe roto; o compositor serbio Djordje Markovic suliña en Proximidade aspectos relacionados co ruido e a alienación que pasan inadvertidos na experiencia cotiá. Pola súa banda Otero Moreira homenaxea o noso patrimonio natural no seu novo traballo: Solitarias infindas as sequoias. Presentamos Oficio de armas: o fragor da batalla, a paisaxe calma, e un mundo sen homes; tres imaxes complementarias da guerra e as súas consecuencias. Completa o programa  Point Vermeil (2021) para violín só e electrónica do grande compositor portugués Miguel Azguime

SAÍR [vir] é unha perfomance concebida e deseñada pola artista sonora e visual Yana Shliabanska (UCRANIA) para o panóptico superior do MARCO en Vigo. Activarase en estrea mundial o venres 29 ás 20h. Tres instrumentos melódicos para evocar a historia dos tres heroes ucraínos, homes anónimos, que se mergullaron baixo o reactor nuclear despois da explosión de Chernobyl (Ucraína, 1986) para abrir as válvulas e liberar auga radioactiva.  Cecabes nin sequera se percataran da importancia e perigo da súa misión: seguían ordes.

O sábado 30 de outubro, 20.45h. na CONCATEDRAL DE SANTA MARÍA DE VIGO, Vigo, NOITES BRANCAS. Afectuoso homenaxe a Isaura Abelairas (1951-1921) impulsora e amiga do festival recentemente finada. O programa percorre obras fundamentais da literatura contemporánea para viola sóa levando o instrumento ao límite das súas posibilidades. Un programa articulado a partires da Sonata para viola An den Gesang Eines Engels (Ao canto dun anxo) (1955) de Bernd Alois Zimmermann (1918-70) unha obra escrita en memoria da súa filla Barbara morta a pouco de nacer que inclúe músicas de Israel López Estelche (1983), Salvatore Sciarrino (1947), Francisco Coll (1985), Liza Lim (1966) e a estrea mundial de Rural Ghost* de Chapman Welch (1973)

O derradeiro concerto o domingo 31 de outubro ás 19h. no AUDITORIO MARTÍN CÓDAX, Vigo. TEMPO EXPOSTO E… presenta catro estreas mundiais de Ui-Kyung Lee (Seúl, Corea do Sur, 1984), Adrian Laugsch (Colonia, Alemania, 1997), Chanhee Lim (Daejeon, Corea do Sur, 1985) e Iván Ferrer-Orozco (Cidade de México, 1976) para reflexionar acerca da vida actual e as importantes transformacións nas prácticas políticas, económicas e sociais ás que acontecementos como a Covid-19 e o cambio climático obrigan despois de 300 anos de civilización mecanizada, capitalismo, imperialismo e globalización. Completa o programa o recente traballo de Macarena Rodmanich (Santiago de Chile, 1981) Desertos. Cecabes precisemos dunha comprensión bergsoniana do tempo para acometer desafíos que nos amosen, como en longas exposicións fotográficas, novas dimensións do real, aperturas da percepción consciente previamente inaccesibles.

E propostas de arte sonoro, concertos didácticos, sesións abertas de ensaio e moitas cousas máis…

 

RELACIÓN DE CONCERTOS

Entrada libre previa inscrición telemática até completar aforamento

sábado 16, 17h | IGREXA CONVENTUAL DE SAN FRANCISCO, Pontevedra
TRES VOCES UMS’N JIP

martes 19, 20h | EDIFICIO CASTELAO DO MUSEO DE PONTEVEDRA, Pontevedra
NOEUD-COL GABBEH

domingo 24, 19h | AUDITORIO DA XUNTA DE GALICIA EN CAMPOLONGO, Pontevedra
NUBES E NÓMADAS

martes 26, 20h | ESPACIO DE ARTE SVT, Vigo
SLAPBACK

xoves 28, 20h |IGREXA CONVENTUAL DE SAN DOMINGOS, Tui
OFICIO DE ARMAS

venres 29, 20h | MARCO Vigo
SAÍR[vir]

sábado 30, 20.45h | CONCATEDRAL DE SANTA MARÍA DE VIGO, Vigo
NOITES BRANCAS

domingo 31, 19h | AUDITORIO MARTÍN CÓDAX, Vigo
TEMPO EXPOSTO E…


EN PARALELO

O programa de actividades deseñado para esta novena edición é o máis ambicioso dos organizados na serie histórica. Agrupado en catro bloques de contidos terá o seu recorrido ao longo do 2021 coa vontade de promocionar a programación de música contemporánea actualizada e na vangarda do coñecemento internacional de xeito continuado na provincia. Un aluvión de actividades para todos os públicos e artistas noveis que inclúe un curso de composición con paneis de lectura, ensaios abertos, encontros, conferencias e concertos, instalacións artísticas e accións sonoras, un programa de residencias artísticas, concertos ao ar libre así como actividades educativas ou programas de inclusión e promoción da diversidade.


vertixe 9 EN PARALELO

BLOQUE 1. BARCELONA MODERN 10.3-16.7 PONTEVEDRA
BLOQUE 2. FUNDACIÓN LAXEIRO: RECORDOLETERLORINTOREL23.7-19.9 VIGO
BLOQUE 3. RESIDENCIAS ARTÍSTICAS 10-31.10 VIGO, TUI, PONTEVEDRA
BLOQUE 4. EN PARALELO 10-21.12.21 PONTEVEDRA


BLOQUE 1. BARCELONA MODERN 10.3-16.7 PONTEVEDRA

vertixe 9 desenvolverá en Pontevedra nun programa combinado de actividades presenciais e telemáticas a 7ª edición do Curso Internacional de Composición Barcelona Modern xunto a  Francesco Filidei, Oscar Bianchi e o ensemble Barcelona Modern. Doce novas creacións e quince países participantes –Exipto, Singapur, Alemania, Estados Unidos, Taiwan, China, Colombia, Grecia, Suecia, Reino Unido, Italia, España, Arxentina, Portugal, Costa Rica– nesta celebración multicultural a prol da nova música.

No marco dun esixente programa de actividades que inclúe dous concertos, dous paneis de lectura e dous encontros cos compositores participantes, tutorizarase a escrita de seis compositores noveis.

Co asesoramento de dous grandes mestres da música italiana, Francesco Filidei e Oscar Bianchi, os novos autores están a crear sendas composicións para unha singular formación de óboe, fagot, guitarra eléctrica e electrónica. Ademáis outros seis compositores foron tamén seleccionados para traballar cos integrantes de Vertixe Sonora. A oboista Pilar Fontalba, o fagotista Jesús Coello, o guitarrista Rubén Barros e Ángel Faraldo no deseño sonoro e a electrónica acompañarán a todos o s participantes nesta edición. En total doce novas obras escritas para diferentes combinacións do conxunto seleccionado.

* 1º encontro: 10 a 12 de Marzo de 2021.
* 2º encontro: 27 a 29 de Maio de 2021.
* 3º encontro: 14 a 16 de Jullo de 2021.

*1º encontro – 10 a 12 de Marzo de 2021

  1. CONCERTO. 12 de Marzo de 2021 ás 20.30h

ATENCIÓN Por mor da COVID-19 o participación de Vertixe Sonora adiarase ao Domingo 21 Marzo ás 19:00h e desenvolverase dende o Conservatorio Profesional de Música de Lugo.

MEMORIAS PERDIDAS

Fernando Garnero (Arxentina, 1976) Contracolpo (2020) saxofón, percusión e dispositivo electroacústico

Joao Quinteiro (Portugal, 1984) Canção I – “I Ascolta” (2020) saxofón e percusión

Mauricio Pauly (Costa Rica, 1976) The Threshing floor (2015) dúo amplificado (saxofón e percusión), electrónica en vivo e cinta

Pedro García Velasquez (Colombia, 1984) Memoria perdida* (2021) clarinete, saxofón, viola, baixo eléctrico, percusión e electrónica

*Estrea absoluta. Encomenda de Vertixe Sonora

VERTIXE SONORA Jorge López clarinete | Pablo Coello saxofón | Aglaya González viola | Guilherme Lapa baixo eléctrico | Diego Ventoso percusión | Iván Ferrer medios electrónicos

* 2º encontro – 27 a 29 de Maio de 2021.

  1. PANEL DE LECTURA 28 de Maio 17-20h

17h Amir Khalaf  (Cairo, Egipto) Nova obra óboe fagot, guitarra eléctrica

18h Andreas Bäulm (Alemania) Nova obra fagot, guitarra eléctrica

19h Lee Hui Yi Joyce (Singapur) Nova obra óboe, guitarra eléctrica

VERTIXE SONORA Pilar Fontalba óboe | Jesús Coello fagote | Rubén Barros guitarra eléctrica | Ángel Faraldo electrónica

  1. ENSAIOS 29 de Maio mañá 10-14h – tarde 16-20h

Profesor: Francesco Filidei

10.00h Tsu Yao Yang (Taiwan) Nova obra óboe, amplificación

11.00h  Chun Ting Pang (Hong Kong, China, 1983) Nova obra  óboe, fagot, guitarra eléctrica, electrónica

12.00h José Luis Perdigón (Santa Cruz de la Palma, España, 1990) Nova obra  óboe, fagot, guitarra eléctrica, electrónica

Profesor: Oscar Bianchi

15.30h Alfred Jimenez (Suecia, 1988) Nova obra  fagot, guitarra eléctrica, electrónica

16.30h Fredy Vallejos (Colombia, 1978) Nova obra  óboe, guitarra eléctrica, electrónica

17.30h Kostas Zisimopoulos (Grecia, 1994) Nova obra  fagot, electrónica

VERTIXE SONORA Pilar Fontalba óboe | Jesús Coello fagote | Rubén Barros guitarra eléctrica | Ángel Faraldo electrónica

* 3º encontro – 14 a 16 de Xullo de 2021.

  1. PANEL DE LECTURA 14 de Xullo 17-20h

17h Bryndan Moondy (Santa Cruz, Estados Unidos) Nova obra óboe

18h Thomas Metcalf (Oxford, Reino Unido, 1996) Nova obra óboe + Electric Guitar

19h Riccardo Perugini (Montepulciano, Italia, 1996) Nova obra óboe, fagot, guitarra eléctrica

VERTIXE SONORA Pilar Fontalba óboe | Jesús Coello fagote | Rubén Barros guitarra eléctrica | Ángel Faraldo electrónica

  1. ENSAIOS 15 de Xullo mañá 10-14h – tarde 16-20h

Profesor: Francesco Filidei 

10.00h Tsu Yao Yang (Taiwan) Nova obra óboe, amplificación

11.00h  Chun Ting Pang (Hong Kong, China, 1983) Nova obra óboe, fagot, guitarra eléctrica, electrónica

12.00h José Luis Perdigón (Santa Cruz de la Palma, España, 1990) Nova obra óboe, fagot, guitarra eléctrica, electrónica

Profesor: Oscar Bianchi

15.30h Alfred Jimenez (Suecia, 1988) Nova obra  fagot, guitarra eléctrica, electrónica

16.30h Fredy Vallejos (Colombia, 1978) Nova obra óboe, guitarra eléctrica, electrónica

17.30h Kostas Zisimopoulos (Grecia, 1994) Nova obra fagot, electrónica

VERTIXE SONORA Pilar Fontalba óboe | Jesús Coello fagote | Rubén Barros guitarra eléctrica | Ángel Faraldo electrónica

 

  1. CONCERTO FINAL 16 de Xullo 20.30h

Programa de concerto

Tsu Yao Yang (Taiwan) Nova obra óboe, amplificación

Chun Ting Pang (Hong Kong, China, 1983) Nova obra óboe, fagot, guitarra eléctrica, electrónica

José Luis Perdigón (Santa Cruz de la Palma, España, 1990) Nova obra óboe, fagot, guitarra eléctrica, electrónica

Alfred Jimenez (Suecia, 1988) Nova obra  fagot, guitarra eléctrica, electrónica

Fredy Vallejos (Colombia, 1978) Nova obra óboe, guitarra eléctrica, electrónica

Kostas Zisimopoulos (Grecia, 1994) Nova obra fagot, electrónica

VERTIXE SONORA Pilar Fontalba óboe | Jesús Coello fagote | Rubén Barros guitarra eléctrica | Ángel Faraldo electrónica


BLOQUE 2. FUNDACIÓN LAXEIRO: RECORDOLETERLORINTOREL23.7-19.9 VIGO

Sorteando as xerarquizacións para as que fumos adestrados unha parte importante da nosa cultura está a traballar extradisciplinarmente. Liberarse dos corsés da propia disciplina é recoñecer límites e faltas e defender procesos de desaprendizaxe que permitan aprender algo novo. Vertixe Sonora convida con moita expectación á Nova Escultura Galega a desenvolver unha instalación sonora ideada específicamente para o espazo da Fundación Laxeiro a partir de textos e audios do propio Laxeiro coa urxencia imperiosa de combater esas forzas limitantes de decadencia disciplinaria. E no contexto do XXV aniversario do seu pasamento retoma unha colaboración coa Fundación Laxeiro cargada de futuro.

Co título RECORDOLETERLORINTOREL, Laxeiro escribe en 1978 un currículo para a súa exposición na Galería Torques de Santiago de Compostela que non deixa de ser, cos seus estraños lugares e nomes, unha crítica sarcástica ás institucións que conforman o círculo da arte. Anos despois podemos velo e escoitalo falando en “eslovaco” no programa Galicia sitio distinto dirixido por Antón Reixa e emitido pola TVG. Nese “eslovaco” que sacrificaba o plano semántico para explotar o nivel fónico de aparencia idiomática, resoábanos o poema de Lewis Carrol, Jabberwocky, a Jitanjáfora de Alfonso Reyes ou o Gíglico de Cortázar e, como non, eses idiomas como o Latín dos canteiros, o Barallete, ou o Trampitán de Xan da Coba Gómez. Precisamente lembrabamos a este último ao visitar a exposición de Raymond Roussel en Serralves, hai xa dez anos, e situalo como un precedente grotesco do surrealismo.

Ao disfrazar as palabras e recubrilas dunha aparencia sonora estraña, Laxeiro disfrazábase, un ser outro, coma nos seus cadros carnavalescos ou coma na imaxe na que aparece como escultor, con mono e pico, aparentando esculpir unha pedra. Imaxes de entroido, nas que a tradición se aparta para que calquera cousa nos axude a transformarnos por un momento: dende a bolsa do supermercado, até a caixa de cartón, dende o mono de mecánico á sulfatadora.

Se monxa, repetida unha morea de veces muda en xamón, en que se converte un currículo despois de repetilo un cento?

Con esta exposición, a Fundación Laxeiro quere conmemorar o XXV aniversario do pasamento de Laxeiro incidindo nunha das constantes da súa figura, como foi a defensa radical da súa independencia como artista e tamén, recordalo dunha forma que manteña viva a súa memoria, isto é, convidando a artistas do momento a reflexionar sobre a súa figura.

NEG (NOVA ESCULTURA GALEGA)

Colectivo formado por Misha Bies Golas (Lalín, 1977), Alejandra Pombo Su (Santiago de Compostela, 1979), Jorge Varela (Allariz, 1971) e Diego Vites (O Grove, 1986) no ano 2018. A súa práctica artística remite á tradición artesanal galega, como tamén aos conceptualismos dos países do Leste europeo dos anos 70. Realizaron una extensa compilaçión e intercambio de documentos e arquivos, así como viaxes de estudo a varios países de Europa, publicando “Cadernos da NEG”. A súa presentación pública coma colectivo aconteceu no CIAJG (Centro Internacional das Artes José de Guimarães), no contexto da exposición “Complexo Colosso”.

COLABORACIÓN ENTRE A FUNDACIÓN LAXEIRO E VERTIXE SONORA

A relación da Fundación Laxeiro coa arte sonora e a música contemporánea, como parte da súa liña de apoio á nova creación, comezou en 2001 co Festival Internacional de Música Contemporánea Enrique Macías que a partir da súa III edición cambiou o nome por Festival Internacional de Música Contemporánea Fundación Laxeiro, e tamén con ciclos como o Ciclo de Compositores do século XXI e colaboracións puntuais con Vertixe Sonora. Con Recordoleterlorintorel, unha intervención na que o son é un dos elementos principais, a Fundación Laxeiro recupera esta liña de traballo e quere facelo ademais, con vocación de continuidade, contando co colectivo Vertixe Sonora que nos últimos anos son unha referencia imprescindible na difusión da música contemporánea ao máis alto nivel.


BLOQUE 3. RESIDENCIAS ARTÍSTICAS 10-31.10 VIGO, TUI, PONTEVEDRA

Conferencias, ensaios abertos, actividades diversas e encontros co público de diferentes idades dos artistas en residencia que nos acompañarán coa súa presenza nesta edición.

vertixe 9, coma centro de creación, conta cun programa de residencias internacionais de apoio a artistas e creadores dende o que se promove a produción de obras de nova creación de artistas locais e internacionais.

CALENDARIO DE ACTIVIDADES

martes 19 de outubro, 10-14h | Edificio Castelao do Museo, Pontevedra

Sylvain Marty (Francia), 10h

Liao Lin-Ni (Taiwan, 1977), 11h

Yulan Yu (Jiangmen, China, 1990), 12h

Alyssa Aska (Estados Unidos, 1985), 13h

sábado 23 de outubro, 11-13h | Conservatorio Superior de Música, Vigo

Carlos Sandoval (Cidade de México, México, 1956), 11h

Cong Wei (China, 1988), 12h

xoves 28 de outubro, 11-16h | Igrexa de San Domingos, Tui

Alberto Carretero (Sevilla, España, 1985), 11h

Ramón Otero (Pontevedra, España, 1982), 12h

Miguel Azguime (Lisboa, Portugal, 1960), 15h

venres 29 de outubro 12-13h | Marco, Vigo

Yana Shliabanska (Kiev, Ucraína, 1994)

sábado 28 de outubro, 10-14h | Conservatorio Superior de Música de Vigo

Iván Ferrer-Orozco (Cidade de México, México, 1976), 10h

Chanhee Lim (Daejeon, Corea do Sur, 1985), 11h

Adrian Laugsch (Colonia, Alemaña, 1997),  12h

Ui-Kyung Lee (Seoul, Corea do Sur, 1984), 13h

venres 10 de decembro, 12h | IES Torrente Ballester Pontevedra

N3rvdr (España)

sábado 11 decembro, 12h | BBAA, Pontevedra

Tatiana Gerasimenok (Bielorrusia, 1992)

luns 13 de decembro, 12h | IES Torrente Ballester Pontevedra

Sonoscopia: Henrique Fernándes (Oporto, Portugal, 1976) e Jorge Quintela (Oporto, Portugal, 1981)

luns 20 de decembro, 12-14h | Nemonon, Pontevedra

Jose Pablo Polo (Madrid, España, 1984), 12h

Buzz (España), 13h


BLOQUE 4. EN PARALELO 10-21.12.21 PONTEVEDRA

PRESENTACIÓN DO PROGRAMA

A finais de setembro a prensa local facíase eco dunha medida cun tremendo impacto en termos simbólicos: Pontevedra pechaba ao tráfico varias rúas da cidade para expandir os patios de colexio. Liberadas de valados as zonas de recreo afirmaban o dereito á cidade, a un lugar de encontro onde proxectar ilusións, enlazar os fíos da urdidura social, establecer colaboracións e complicidades, conflituar problemáticas, reforzar convivencias e alteridades. 

Coa mesma vocación de liberar a música dos espazos de escoita convencionais, en Vertixe 9 EN PARALELO, presentamos unha serie de intervencións, obradoiros, conferencias e concertos que ocupan o espazo público, se integran nos centros de ensino ou poñen en vibración a diferentes colectivos da cidade habitualmente desatendidos. Ondeando a premisa da participación, a marea de sonoridades diversas contribúe a xerar unha identidade cultural de prestixio con vocación universalista; situando a cohesión social, a visibilización e a valorización da sensibilidade no corazón do sistema arterial da cidade; coroando máis de vinte anos dun modelo que xa é referente internacional pola súa selección de prioridades.

Arte híbrido e participativo para pechar o Vertixe 9. Celebrando o espazo urbano e natural e desprazando o aceno cara aos procesos que xeran unha obra. Na procura de novos camiños que conxugan a escoita do azar e o pensamento musical estruturado a linguaxe muta e a sociedade sofre unha transformación e abandoa categoríais vellas. Mestura da memoria sonora cotiá e das imaxinacións de creadores e creadoras, a música sae dos auditorios na expresión dun cambio de mentalidade. 

Comezamos o venres 10 de decembro con moita auga. Como a que evoca N3rvdr no seu Arte da fuga, instalación artística que conecta sons ruidosos da natureza ou da vida cotidiana. Fugas de auga, cámaras de televixianza, vídeos ASMR, e a obra de Bach nun proxecto de innovación educativa «xunto a» e «en colaboración con» estudantes inconformes que son «encauzados» por un sistema que ordena as súas existencias. Estará activo no IES TORRENTE BALLESTER ata o 20 de decembro. 

Continuamos ao día seguinte, sábado 11, na FACULTADE DE BELAS ARTES con Tatiana Gerasimenok, artista bielorrusa residente en Alemaña que combina música, performance e audiovisuais. Entre as 10 e as 13h,  os participantes desenvolverán accións que serán rexistradas en video e audio para construir a súa derradeira obra 20.36 ozt. Completaremos este obradoiro cun achegamento á súa obra, ao seu pensamento e ao concepto das videopartituras.

Tamén inundado de auga estará o CEIP FROEBEL: Unha instalación interactiva que poderá visitarse dende o martes 14 e ata o luns 20 de decembro. En Aquática captúrase o son e proxéctase a luz desde e sobre un conxunto de líquidos e elementos electromecánicos, como bombas de aire e dispositivos de indución e transmisión sonora. Forma parte dunha extensa investigación sobre procesos nos que intervén o auga no que levan inmersos os derradeiros anos: Sub Lumia, (2018), Desvio (2020/21), Éter, (2021), Liquid Estesia (2021). Ademáis Henrique Fernandes e Jorge Quintela de Sonoscopia, creadores do proxecto presentarán Aquatica o luns 13 de decembro as 20h. na FACULTADE DE BELAS ARTES.

“Lugar como música e música como lugar. Un ideal sonoro no que converxen xeografía e xeometría sonora. Unha música da imaxe, da sonoridade singular, que enche o tempo e o espazo coa presenza vívida e física dun lugar”. Verbas de Luther Adams autor de UN RUÍDO ESTRANO E SAGRADO, un espectáculo para catro percusionistas o domingo 19 a partires das 11h na ILLA DAS ESCULTURAS. Propón unha achega matemática aos sons “ruidosos” da natureza: ondas e fervenzas do océano, ventos de tormenta e tronos, glaciares que chocan contra o mar…, voces elementais que resoan tan profundamente na mente e no espírito humanos. Simetrías fractais –Pó de Cantor, xuntas de Sierpinski, Esponxa de Menger– para explicar o caos e a irregularidade do mundo.

Ao día seguinte, luns 20, ás 20h en NEMONON un proxecto multidisciplinar onde imaxe, texto e corpo procuran os límites do discurso: nomear o innomeable, plasmar o que non ten e deformar o establecido. Os madrileños OVERTURE combinan presenza, poesía e música electrónica e se preguntan se é posible baleirar un texto. Previamente ás 12h na Facultade de Belas Artes, Jose Pablo Polo presentará CORPOS RE-SOANTES unha conferencia sobor do espazo sonoro que xeramos e habitamos: re reelabnorando a máxima de Descartes Somnum ergo sum, en definitiva, Soo logo son, somos porque soamos. 

E finalizaremos con Buzz que presenta en colaboración co CENTRO DE RECURSOS EDUCATIVOS DA ONCE en Pontevedra o proxecto experimental DIÁLOGO INTERIOR para 20 persoas cegas e dispositivos electrónicos. Será o martes 21 ás 20.15 na Igrexa Conventual de San Francisco. Previamente no obradoiro do mesmo título achegaranse ao funcionamento do artellos especialmente deseñados para esta proposta. Unha conversa íntima e existencial por medio dun dispositivo electrónico que a modo de liña braille traduce a escritura en son. A través de preguntas sobre cuestións fundamentais e a descrición de experiencias significadas da existencia, os participantes irán fiando unha urda sonora que transforma en audible o pensamento.

vertixe 9 EN PARALELO. RELACIÓN DE CONCERTOS E ACTIVIDADES 

venres 10.12, 12h | IES TORRENTE BALLESTER
PRESENTACIÓN DO CICLO DE ACTIVIDADES E CONCERTOS 

venres 10.12, 12h | IES TORRENTE BALLESTER
ARTE DA FUGA Instalación interactiva. 
Horario de visita 10-21.12, 9-21h

sábado 11.12, 10-13h | FACULTADE DE BELAS ARTES
20.36 ozt Obradoiro con Tatiana Gerasimenok

luns 13.12, 20h | FACULTADE DE BELAS ARTES 
AQUÁTICA – PRESENTACIÓN Henrique Fernandes, Jorge Quintela. Conferencia

martes 14.12, 20h | CEIP FROEBEL
AQUÁTICA Henrique Fernandes, Jorge Quintela. Instalación interactiva. 
Horario de visita 14-21.12, 9-21h 

domingo 18-19.12, 10-14h /16-20h | CENTRO DE RECURSOS EDUCATIVOS DA ONCE
DIÁLOGO INTERIOR para persoas cegas e dispositivos electrónicos. Obradoiro

domingo 19.12, 11.30-14 h | ILLA DAS ESCULTURAS
UN RUÍDO ESTRANO E SAGRADO Concerto ao ar libre 

11.30h    …po dentro do pó…, para 2 caixas e 2 tambores
11.50h ondas solitarias que rachan o tempo (tras James Tenney) para 4 tam-tams. 
12.10 velocidades que se cruzan no espazo de fases (tras Conlon Nancarrow e Peter Garland) para 6 toms e 4 bombos
12.30h celosías de iteración triádica (a Edgard Varése e Alvin Lucier) para 4 sirenas
12.50h clusters nunha trama cuadrilateral (para Morton Feldman)  para 4 marimbas, 4 vibráfonos e 4 liras. 
13.20h …e o po rubindo…  para 2 caixas e 2 tambores.

luns 20.12, 12h | FACULTADE DE BELAS ARTES
CORPOS RE-SOANTES Jose Pablo Polo. Conferencia

luns 20.12, 20h | NEMONON
DEOVERTURE Concerto

martes 21.12, 19h | IGREXA CONVENTUAL DE SAN FRANCISCO
DIÁLOGO INTERIOR para persoas cegas e dispositivos electrónicos. Concerto 

Entrada libre ata completar aforamento salvo onde se indique o contrario