Serán nove as citas coa vangarda sonora internacional que neste outono nos emprazan en Vigo, Pontevedra, e Cangas a abrir os ouvidos, as mentes e a imaxinación. Un festival que continúa un ano máis, o sexto, a favorecer a creación dun patrimonio musical que compartir con entusiasmo. Espazo para a creatividade sonora emerxente que transfire coñecemento e innovación, promove identidade e prestixio cultural e establece conexións coa creación musical experimental máis destacada dentro e fóra de Galicia.

O apaixonante experimento de Vincent Trollet e Vahram Zaryan Un atractivo raro para acróbatas, músicos electrónica e visuais aúna ás compañías do Ensemble Regards e a compañía de Vahram Zaryan nun espectáculo único no que conflué a poesía a música e a danza e que se presentará por primeira vez en España trala súa recente estrea en París. Completan a súa estadía en Galicia co espectáculos adicionais: Aqua ideada por Hiromi Watanabe e a artista circense Pauline Nadoulek e Ritual con músicas de Daniel Alvarado Bonilla, Giulia Lorusso e Vincent Trollet interpretadas por Jean-Étienne Sotty nun acordeón microtonal.

Dende Oldeburg, Alemaña, Oh ton conxuga as estreas mundiais de Malte Giesen, presente no festival, e Leopold Hurt en O paradoxo da visibilidade con músicas, ademáis, de Christian Wolff, Helmut Oehring e Eckart Beinke.

Convidados españois serán o reconfigurado Espai Sonor (Maiorca) reflexionan en Migración coa música de Helga Arias e obras de José M. López López, Francisco J. Domínguez Carballos, Sciarrino e Kokoras. E dende Madrid Neopercusión (Madrid) coa saxofonista Xelo Giner, traerá Espellos, cintas, berros, almofadas e choiva, no marco do programa ELEUSIS de visibilización da muller compositora, as recentes creacións de Helena Cánovas, Elena Rykova, Edith Alonso, Irene Galindo, Raquel García Tomás.

E non paramos aquí. Tres magníficos solistas presentarán sendos monográficos. A fantástica violinista Linda Jankowska residente en Manchester e cofundadora do Distracfold ensemble convócanos coa música de Pablo Vergara, Yoshiaki Onishi e Pierluigi Billone. Thomas Piel, cellista de Vertixe Sonora presentará Libro de Escoitas Iunha coprodución con Sankt Peter Köln ideada co pontevedrás Xacobe Gaspar Grandal que inclúe música de Luís Antunes e Nicolaus A. Huber. E finalmente o traballo a catro mans de Ricard Capellino e Alberto Posadas toma forma enVeredasunha investigación para os seis membros da familia dos saxofóns na que estiveron enfrascados os derradieros seis anos co alento da poesía de José Ángel Valente.

E por fin, o ensemble residente, O Vertixe Sonora presenta  A exposición negra en Cangas, que inclúe, tamén en exclusiva, as novas estreas mundiais de Simone Santi Gubini (Italia) Panayotis Kokoras (Grecia) e Paul Clift (Australia).

Nesta sexta edición, o Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea Vertixe Sonora 2018 renova a súa fidelidade á unha marcada identidade: produción local, diálogo internacional e acusada dimensión educativa. Precisamente á colaboración do Estudo Galego de Sonoloxía e ao Grupo De Investigación DX7 da Universidade de Vigo debemos as actividades formativas: obradoiros para primaria e secundaria, ciclos de coferencias, cursos… na procura dunha estreita amizade entre a cidadanía e os colectivos máis implicados na creación experimental.

Investigación, actualidade, significación, rigor, cualificación, excelencia, innovación e posicionamento na vangarda internacional. Confluencia das artes, dos espazos e dos públicos… Obxectivos todos eles que a Universidade de Vigo a través do Campus Crea s2i e os Concellos de Vigo, Pontevedra, Marín e Cangas queren impulsar con esta iniciativa. Un festival que conquistou as axendas dun público esixente que o recoñece coma símbolo da excelencia cultural en Galicia. Unha ollada á creación contemporánea que recolle o impulso e a curiosidade da cidadanía para tecer alianzas que espertan novas expectativas, ilusións e representan a unha sociedade avanzada. Unha oportunidade, un ano máis, para celebrar, coñecer e escoitar a diversidade.

Entrada libre ata completar aforamento salvo onde se indique o contrario