Mira atrás no tempo con ollos amábeis… A música de Liao Lin-Ni (Taiwan, 1977) conducida polo mestre Pedro Figueiredo o 18 de outubro en San Domingos de Tui. Así arrancará a oitava edición dun festival que renova o seu compromiso coa cultura de vangarda e a ética do coñecemento. Oito concertos, once estreas mundiais, unha sentida homenaxe e trece países participantes. Combinando resiliencia e un punto de nostalxia, iniciamos esta nova singradura que encara con forza a virazón e convita a recomezar, a respostar asertivamente aos desafíos que enfrentamos.

Música de creación internacional no contexto dunha crise sistémica que cuestiona os modos de desenvolvemento da especie humana. Última bita de amparo, calidez e intimidade: a música coma abeiro fronte a intemperie. O pracer da escoita colectiva na comarca de proximidade da que participan creadores, intérpretes e ouvintes acubillándonse en afectos compartidos. Oito chamadas á heterodoxia sonora enarborando a beleza con valentía e resolución. Música que é filla da liberdade e cunha grande aperta mestura humanismo, imaxinación e capacidade de soñar para resituar as relacións humanas coma vector central.

Sons que nos chaman, indagan, vinculan, transforman… conscentes da nosa inmensa vulnerabilidade, da nosa estrema dependencia. Músicas que nos elevan con ousadía sobre a apremiante realidade aceirando unha cohesión social devastada, forzando á reflexión sobor de inaceptables certezas. Oito xuntanzas de escoita embozada para recuperar certa sensación de normalidade.

Comezamos o domingo 18 de outubro en San Domingos de Tui. Dirixido polo mestre Pedro Figueiredo, MIRA ATRÁS NO TEMPO CON OLLOS AMÁBEIS inclúe, ademáis da obra de Lin-Ni Liao, composicións de Juan Pablo Carreño (Colombia, 1978), Pablo Vergara (Chile, 1980), Severin Dornier (Alemania) e Il-Woong Seo (Corea do Sur). Un programa de música internacional co que afondaremos na profunda tenrura e humanidade de Emily Dickinson, delectarémonos no xogo de reflexos e borboteos da auga, da luz e da escuridade, asomaremos aos abismos de Kafka, e viaxaremos ate Colombia para asistir a un funeral en  San Basilio del Palenque, nas faldas dos montes de María, no departamento de Bolívar. Un programa con catro estreas mundiais que xunto a AS COLAS DO COMETA e DERIVATIÓN conforma o tríptico EN RUTA, proxecto beneficiario do programa O Teu Xacobeo que visibiliza o camiño portugués e ás mulleres creadoras que o percorreron e o transitan. Xuntos pasado, presente e futuro. Fraternidade e festexo pola reapertura dun espazo transfronteirizo que relanza a cooperación bilateral e a visión común compartida.

O martes 20 de outubro no SVT Espacio de Arte, Carlos Gálvez presenta CAPRICCIO DETTO L’ERMAFRODITA música espumosa e disfrutona para clarinete baixo con influencias folclóricas de diversas culturas e o mundo do jazz. En aproximadamente media hora exploraremos as múltiples posibilidades tímbricas e sonoras a través de clásicos coma Intra (1971, rev. 1989) de Ton Bruynel (Utrecht, Países Baixos 1934 – Mailly, Francia 1998), a obra que dá título ao programa Capriccio detto l’ermafrodita (1983) de Claudio Ambrosini (Venecia, 1948) e Duo (1988) de Theo Loevendie (Ámsterdam, 1930)

O mércores 28 de outubro na Igrexa de Santa María en O Viso de Redondela, Angélica V. Salvi, residente en Porto, interpretará en estrea mundial obras de Huihui Cheng (Wu-Chang, China, 1985), María José Belenguer (Castellón, 1983) e Liao Lin-Ni (Taiwan, 1977), esta última un dúo para percusión e arpa. E ademáis, Spin bird de Kate Moore (Oxfordshire, England, 1979)  e un traballo da súa autoría, Índigo (2020), para arpa e pedais de efectos inluida no seu derradeiro disco PHANTONE. O proxecto denomínase AS COLAS DO COMETA e mestura Emily Dickinson, variacións lumínicas, cometas e pó de estrelas.

O cuarto concerto, DERIVATIÓN, o sábado 31 de outubro no Centro Recreativo e Cultural de Torroso en Mos. Unha conversa de saxofón e percusión coa obra de María Teresa Treccozzi (Italia, 1979) á fronte. Inclúe dúas novas composicións escritas en exclusiva para esta formación: Contracolpo de Fernando Garnero (Arxentina, 1976) e o novo traballo de Joâo Quintero (Portugal). Resonancias arbóreas de Jacobo Gaspar (Mos, 1975), completa o programa.

O mércores 4 de novembro visítanos o Ensemble D’arts con Miriam Valero e Drian Hernández no Auditorio do Concello en Vigo coa estrea mundial E-@RTS HIP-HOP para dous bailarinos, violín, saxofón, electrónica, video e iluminación. Unha proposta de creación contemporánea e danza urbana concebida por Miguel Ángel Berbís e Pere Vicalet.

En paralelo ás sesións de escoita, o ciclo de conferencias Da arte sonora e da música contemporánea en colaboración co Conservatorio Superior de Música de Vigo onde os compositores presentes nesta edición explicarán o seu traballo; e os programas cos centros educativos da provincia ALÉN e InTerAccións.

Chegando ao remate desta edición, o venres 6 de novembro no Auditorio Martín Códax iniciaremos tres xornadas monográficas ao redor da obra e da figura de Enrique X. Macías cando se cumpren 25 anos do pasamento que conmocionou a toda unha xeración da intelectualidade galega. Como esquecer a desbordante efervescencia cultural dos oitenta, cando en Vigo conviven un grupo de creadores de diferentes disciplinas que revolucionaron o panorama cultural e social do momento? Pioneiro da música contemporánea galega máis recente, carismático referente para toda unha xeración de novos compositores e símbolo dun periodo de renovación estética que cambiou este país, Macías, nun tempo de emerxencias e aceleración de procesos históricos, segue alumeando coa súa música universal de insólita modernidade a identidade olívica.

En UNIVERSO MACÍAS: APASEN 25 ANOS escoitaremos relatorios do profesor Carlos Villar Taboada (Universidade de Valladolid), Roberto Oliveira (investigador e percusionista) e Paco Yáñez (mundoclasico), ademáis de presentar en exclusiva mundial un documentario sobre o seu traballo de Manuel del Río. Entre as actividades programadas inclúense tres concertos, todos os días ás 20.30, que ilustran distintas áreas de interese da súa obra.

O 6 de novembro inundará o Auditorio Martín Códax a música electrónica La Lyre du Désert (1988), que toma o seu título emprestado dun verso de Lettera amorosa de René Char. Unha homenaxe ao poeta símbolo da resistencia francesa estreada con motivo da súa morte no Institut National de l’Audiovisuel de París, precisamente o 19 de febreiro no día que falece o poeta. Esta obra introducirá asemade a presentación mundial do mencionado documentario de Manuel del Río A lira do deserto: Enrique X. Macías. Culminará a xornada unha conversa co director do filme e o compositor e director artístico de Vertixe Sonora, Ramon Souto moderada por Paco Yáñez (mundoclasico).

Ao día seguinte, sábado 7, Antistrofas (1993-95) para cello só e electrónica con Thomas Piel e Ángel Faraldo e a participación do pintor Amando que encomendara este traballo.

E o domingo 8, o recoñecido director portugués, Pedro Amaral conducirá APASEN 25 ANOS: ENRIQUE X. MACÍAS. Amigo persoal de Enrique, vindica o legado creativo do compositor vigués a través de dúas obras para ensemble Adhuc (1992/93) e Itinerario de Luz (1994/95) ademáis da monumental Cadencias e Interludios / Percurso I (1992) para piano solo e electrónica en tempo real. Un concerto que conta co apoio do Centro de Investigação & Informação da Música Portuguesa– MIC.PT e a colaboración do compositor portugués Miguel Azguime, amigo íntimo e durante moitos anos depositario da súa obra que traballou co Instituto Galego de Sonoloxía para a actualización dos materiais da electrónica en vivo de Adhuc. Precederá a este derradeiro concerto a táboa redonda APASEN 25 ANOS coa participación de Antón Reixa, Manolo Romón e Antón Patiño onde se fará unha lembranza do xenial compositor.

Todos os concertos e actividades teñen entrada gratuita previa inscrición telemática con compromiso de asistencia a través da páxina oficial de vertixe sonora e reserva dun máximo de 5 entradas por persoa ata cubrir aforamentos. Debido á pandemia COVID-19, o festival adoptou as seguintes medidas para garantir a súa seguranza:

  1. Chegada á sala 20 minutos antes da hora marcada de inicio do concerto para axilizar o proceso de entrada.
  2. Distanciamento social. Non hai lugar marcado, seralle atribuído á entrada da sala, por orde de chegada, mediante indicación de persoal identificado.
  3. Uso obrigatorio de máscara durante todo o evento.
  4. Hixiene de mans, limpeza en alfombra desinfectante e toma de temperatura na entrada ao edificio. En caso de necesitar apoio, por favor, contacte co asistente de sala.
  5. Finalizada a actividade espere no seu asento as indicacións do persoal de sala que regulará a saída escalonada.

 

CONCERTOS. Entrada libre previa inscrición telemática até completar aforamento

vendes 22 de xullo, 22h |  Castelo de Soutomaior
AS HURDES – NOITES NO CASTELO

domingo 18.10, 18.30h | Igrexa San Domingos de Tui
MIRA ATRÁS NO TEMPO CON OLLOS AMÁBEIS

martes 20.10, 20.30h | SVT Espacio de Arte, Vigo
CAPRICCIO DETTO L’ERMAFRODITA

mércores 28.10, 20.30h | Igrexa de Santa María en O Viso, Redondela
AS COLAS DO COMETA

sábado 31.10, 20.30h |  Centro Recreativo e Cultural de Torroso, Mos
DERIVATIÓN

mércores 4.11, 20.30h | Auditorio do Concello de Vigo
E-@RTS HIP-HOP

venres 6.11, 20.30h | Auditorio Martín Códax de Vigo
LA LYRE DU DÉSERT

sábado 7.11, 20.30h | Auditorio Martín Códax de Vigo
ANTISTROFAS. HISTORIA DUNHA ENCOMENDA

domingo 8.11, 20.30h | Auditorio Martín Códax de Vigo
APASEN 25 ANOS: ENRIQUE X. MACÍAS


EN RUTA proxecto beneficiario do programa O Teu Xacobeo

domingo 18 de outubro. 18.30h | Igrexa San Domingos de Tui
MIRA ATRÁS NO TEMPO CON OLLOS AMÁBEIS.

mércores 28 de de outubro, 20.30h | Igrexa de Santa María en O Viso, Redondela
AS COLAS DO COMETA

sábado 31 de outubro, 20.30h |  Centro Recreativo e Cultural de Torroso, Mos
DERIVATIÓN


UNIVERSO MACÍAS: ASÍ PASEN 25 ANOS.
6-8.11.20 AUDITORIO MARTÍN CÓDAX
Relatorios e concertos

Venres 6.11
20.30h La lyre du Désert. Presentación das Xornadas
Enrique X. Macías La lyre du Désert. electrónica
Manuel Del Río. Enrique X. Macías. A lira do deserto. Filme
Conversa Paco Yañez, Manuel del Río, Ramón Souto

Sábado 7.11
10h Roberto Oliveira (Universidade de Santiago de Compostela) A catalogación da música de Enrique X. Macías. Relatorio
12h Carlos Villar Taboada (Universidade de Valladolid) Universo Macías. Relatorio
20.30h Amando Antistrofas. Historia dunha encomenda Relatorio
21.00h Enrique X. Macías Antistrofas. Concerto

Domingo 8.11
12h Paco Yáñez (mundoclasico) Material – rizoma. Relatorio
18.30h Antón Reixa, Julián Hernández, Manolo Romón, Antón Patiño, Paco Yáñez Interludio no Vigo da transición. Táboa redonda
20.30h Vertixe Sonora Así Pasen 25 anos. Concerto


DA ARTE SONORA E DA MÚSICA CONTEMPORÁNEA
Relatorios. Conservatorio Superior de Música de Vigo
venres 16.10 mañá: 10h Lin-Ni Liao, 11h Juan Pablo Carreño (Colombia, 1978), 12h Pablo Vergara (Chile, 1980); tarde: 16h Severin Dornier (Alemania), 17h Il-Woong Seo (Corea do Sur)
venres 23.10 mañá: 10h Huihui Cheng (Wu-Chang, China, 1985), 11h María José Belenguer (Castellón, 1983), 12h María Teresa Treccozzi (Italia, 1979); tarde:16h Fernando Garnero (Argentina, 1976), 17h Joao Quintero (Portugal)
venres 4.11 mañá 12h Miguel Ángel Berbís e Pere Vicalet


ALÉN Obradoiros instrumentais
Luns 19.10 17-20h Carlos Gálvez. Conservatorio Profesional de Música de Vigo
Sábado 30.10 10-14h Pablo Coello. Centro Cultural de Torroso, Mos


InterAccións
Accións sonoras co alumnado de centros educativos da contorna. Programa de actividades e datas pendente de actualización por mor da COVID-19

Entrada libre ata completar aforamento salvo onde se indique o contrario