Cinco citas coa música contemporánea ao vivo e múltiples accións e actividades creativas no 7º Festival Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea en diferentes espazos de Tui, Valga, Padrón, Pontecesures e Vigo. Do 29 de setembro ao 12 de novembro de 2019 desenvolveremos cinco encontros nunha edición nas que se reforzan os nosos vínculos con Portugal.

Porque é esa precisamente a principal novidade do festival en 2019, que suma a creación musical dos nosos días á visibilidade do camiño portugués a través do ciclo EN RUTA. Este é un proxecto específico, dentro do festival, cofinanciado pola Xunta de Galicia, a través do programa “O teu Xacobeo”. Un itinerario que se iniciu en Lisboa e Porto cos programas “Migracións II” e “Migracións III” en maio e xullo e chega agora a Vigo tras pasar por Tui, Valga, Padrón, Pontecesures… Outro forma de camiño, o da vangarda sonora. Porque Vertixe asume tamén na súa propia identidade esa longa travesía de confraternidade na unión de Galicia e Portugal co resto do continente europeo.

EN RUTA é o ciclo co que arranca o sétimo Festival Vertixe Sonora o 29 de setembro en Tui. Tempo, lugar, movemento e son a través do espazo, que conectan na nosa experiencia a idea da viaxe. Camiño, logo son: camiño, ruta, viaxe, odisea. Metáforas antigas e poderosas.

Ao longo do festival presentaranse dezaseis estreas absolutas de compositoras e compositores que remarcan a unión natural de música e transmisión de cultura enmarcadas no Camiño portugués, adaptadas aos medios e tecnoloxías contemporáneas. Unha actualización dos músicos e poetas, homes e mulleres que transitaron estes carreiros dende a Idade Media.

O festival inaugúrase en Tui o 29 de setembro con toda a simboloxía do Camiño Portugués e a súa significación como viaxe físico e espiritual transformador, lugar de encontro entre culturas e símbolo transnacional de unidade europea nas novas creacións de Cristián Morales (Chile), Yuko Ohara (Xapón), Alexander F. Müller (Alemaña) e Fernando Munizaga (Chile). O concerto terá lugar na Igrexa de San Domingos de Tui, que conta cos extraordinarios retablos barrocos con imaxes de santos dominicos e da batalla de Lepanto. Este primeiro concerto será conducido polo director Miquel Bernat.

“Deriva” reivindica a figura de María Balteira no Auditorio Municipal de Valga o 7 de outubro. Porque se ben a importancia do canto como vehículo de comunicación no camiño desde o século XII está documentada, “pouco sabemos das trobairitz, mulleres poetas do século XII. Cuias achegas quedaron reducidas a anécdotas históricas e raras veces se recolleron na historia da literatura medieval”. Nesta ocasión, a través da evocación dun camiño percorrido, tal vez dunha busca, algo transformador da contorna, un vagabundeo, unha deriva (die Wanderung)”. Este concerto, servirá ademais para a presentación do CD “Lula Romero Portrait” (WERGO) da serie “Edition Zeitgenössische Musik” producido por Deutsches Musikrat. As obras de Victoria Cheah e Katharina Rosenberger, completan a proposta para Valga.

Co apoio do Concello de Vigo magníficas escollas no mes de outubro: Por unha banda o programa “Reverse Tracking Shot”, con cinco estreas mundiais multimedia. Por outra o espectáculo de danza do coreógrafo Javier Martín, que presenta “Brumario” iniciativa exploradora da vibración e que conta cun novo estudo de Feedback de Ángel Faraldo.

O Festival Vertixe Sonora continúa con “Coraxe”, un concerto do ciclo EN RUTA, que terá lugar en Padrón o 12 de novembro. A valentía, determinación e coraxe nas dificultades que representa o camiño e a idea de resiliencia e superación para continuar adiante inspiran as novas composicións de Ángela da Ponte (Portugal), Filipe Lopes (Portugal) e Pablo Vergara (Chile). As pezas serán estreadas na Igrexa de Santiago de Padrón, un espazo de enorme simbolismo na tradición xacobea.

Accións sonoras, conversas coas compositoras e os compositores amais de sesións cos centros escolares dan maior sentido a un festival que procura o fomento e a creación de públicos novos. Cunha fórmula na que a creación contemporánea e a tradición van da man. Unha proposta innovadora, internacional, que parte ademais do diálogo coa viciñanza poñendo en valor a efervescencia e fluxo constante de persoas ao longo das rutas, e implica á xente local a crear un imaxinario sonoro das súas vilas.

Coa comunidade educativa levaranse a cabo accións sonoras co alumnado de centros educativos de Tui, Mos, Pontecesures, Redondela e Vigo algunhas tan prometedoras como “Teselación”, creación dun pavimento de circuitos electrónicos, “Túnel de trinos”, a partir dos rexistros ornitolóxicos, “Ánimas”, ao redor da presenza de “aparecidos” no Camiño ou “Nervaduras” instalación sonora que reflexiona sobre a intelixencia múltiple das estruturas vexetais e a súa capacidade adaptativa.

 

   

Proxecto beneficiario do programa O teu Xacobeo

Enlaces:
www.xunta.gal
www.turismo.gal
www.hoxevigo.org

Entrada libre ata completar aforamento salvo onde se indique o contrario