IGAS

Instituto Galego de Sonoloxía

Fundado no 2010, o IGAS — Instituto Galego de Sonoloxía é unha plataforma para a experimentación sonora, a divulgación e a docencia coa vocación de desenvolver proxectos artísticos e didácticos interdisciplinares e promocionar colaboracións internacionais que aúnen arte e novos medios e que participen activamente nun desenvolvemento racional e significativo da tecnoloxía de futuro.

Aposta por unha aproximación sensible ás diversas manifestacións da arte sonora investiga, produce e difunde toda sorte de propostas centradas no son. E faino coa complicidade das Universidades e os Centros de Creación Artística de Galicia e Portugal nunha perspectiva multidisciplinar que actualiza o constante fluxo de información dunhas sociedades tecnolóxicas en constante proceso de cambio.

Un dos obxectivos fundacionais do IGAS é a divulgación da música experimental e de creación do noso tempo. Vertixe Sonora colabora no mesmo empeño para organizaren conxuntamente actividades de formación e dinamización que cubren as necesidades de públicos moi diversos pois se dirixen de forma específica tanto ó afeizoado  que procura unha primeira toma de contacto lúdica e atractiva ata ó músico profesional cunha alta cualificación e máxima esixencia.

Obradoiros especializados en arte sonoro e tecnoloxías electrónicas e dixitais, propostas de achegamento á música contemporánea que non requiren coñecementos previos, relatorios de divulgación, obradoiros de improvisación, macroproxectos de dinamización e programas de formación específicos para centros de educación formal son algunas das iniciativas que temos realizado os derradeiros anos.

Proxectos desenvolvidos