III Do Audible 2015
Charla e concerto

Eloxio do mínimo

Vertixe Sonora con Federico López Silvestre - autor de Micrologías o Historia breve de artes mínimas

Martes 30 Xuño / 20:30H
Casa do Saber
Lugo

En A poética do mínimo iniciamos unha conversa entre Federico López Silvestre e o compositor Alberto Bernal a partir de propostas artísticas e pezas musicais baseadas no uso dun material extremadamente reducido. De Liszt a Spahlinger, estas pezas proclaman con voz queda que o pequeno é fermoso. Unha constante histórica lonxe dos grandes fastos. Miniaturas que empequenecen o mundo para xogar con el, pero tamén para o abranguer. Un retorno ao pequeno, esa é a mensaxe; e, para abrir boca, unha boa dose de praceres minguantes.

Programa
Peter Ablinger, Weiss/Weisslich no 7 Wall Deawing (1999), para soporte fixo estéreo (instalación á entrada)
Luc Ferrari, Presque rien (1967), para soporte fixo estéreo (fío sonoro)
Franz Liszt, Il penseroso, para piano
La Monte Young, Étude 1960/7, para acordeón e violín
Giacinto Scelsi, L’âme ailée – L ́âme ouverte, para violín só
Alberto Bernal, Eloxio do ausente, para piano de xoguete e altofalante de vibración Mathias Spahlinger, Kairos, para violín, acordeón, piano e percusión

 

O relator
Federico López Silvestre é docente na Universidade de Santiago de Compostela (USC) desde 1999. Premio extraordinario de doutoramento en Historia da Arte na mesma universidade e doutorando en Filosofía na Universidade de Salamanca, dirixe a colección Paisaje y Teoría, da editorial Biblioteca Nueva (Madrid) e a colección Vita Aesthetica, da editorial Díaz & Pons (Madrid). Codirixiu o Máster de Arte, Museoloxía e Crítica Contemporánea da USC entre 2007 e 2012. Foi docente convidado en mestrados de varias universidades. Realizou estadías de investigación na École des Hautes Études en Sciences Sociales de París, na Université Lumière Lyon-2 e na Universidade de Santiago de Chile, e participou en congresos e seminarios en España, Portugal, Francia, Italia, Alemaña, Finlandia, Brasil, Chile e a Polinesia.

 

Sobre obras e compositores
Weiss Weisslich no 7 Wall Deawing(1999). Instalación de Peter Ablinger (Austria, 1959) que consta de ruído branco (no que están presentes todas as frecuencias), dividido en varios altofalantes, o que produce unha mínima diferenciación na escoita do espectador.

Presque rien no 1ou Le lever du jour au bord da mer (1967) de Luc Ferrari (Francia, 1929- 2005). Obra acusmática na que, como o seu propio título indica, o autor non realiza “practicamente nada”. Unicamente toma a decisión, coma un fotógrafo, de establecer un encadramento espazo-temporal (o amencer á beira do mar) e de determinar o punto de inicio e final da gravación.

II penseroso (1839), Franz Liszt (Hungría, 1811-1886). Publicada dentro do segundo volume dos Anos de peregrinación, Il penseroso toma como punto de partida a escultura homónima de Miguelanxo, situada na Capela Medici, de Florencia, para realizar unha obra que anticipa unha poética do mínimo que só chegará ao seu esplendor en xeracións do século posterior.

Étude 1960/7(1960) de La Monte Young (Idaho, 1935). As Composicións 1960 son pezas caracterizadas polo seu forte compoñente de arte performativa. Inclúen unha serie de accións pouco usuais, algunhas delas irrealizables, que examinan deliberadamente un determinado suposto — levado ao estremo— sobre a natureza da música e da arte.

L’âme ailée – L’âme ouverte(1973), Giacinto Scelsi (Italia, 1905-1988). Alma alada – alma aberta é un díptico escrito orixinalmente para violín só, onde atopamos o Scelsi máis recoñecible, aquel que renuncia ao desenvolvemento temático e centra a súa atención na exploración tímbrica de son mantido e inmóbil).

Eloxio do ausente(2013), Alberto Bernal (Madrid, 1978). A obra consiste en 10 relecturas dun fragmento de Einsame Blumen (Robert Schumann, Escenas do bosque [Waldszenen, Op.82, 1850/51]). A idea que atravesa a obra é o diálogo co ausente e co insonoro: o tema orixinal de Schumann evócase a través da súa compresión nunha ou unhas poucas notas do reducido rexistro do piano de xoguete que se vai abrindo paseniñamente cara ao rexistro orixinal.

Kairos(conceptos sobre a minimización da función do compositor) (1993). Nesta serie de obras, Mathias Spahlinger (Frankfurt and Main, Alemaña 1944) desenvolve algunhas das ideas aparecidas anos atrás en Aus dean Sieben Tagen, de Stockhausen. Trátase de obras nas que non existe unha partitura como tal, senón breves instrucións verbais, máis ou menos concretas, máis ou menos poéticas.

VERTIXE SONORA (intérpretes neste concerto) Mario Peris, violín | Vadzim Yukhnevich, acordeón | David Durán, piano | Diego Ventoso, percusión