III Do Audible 2015
Charla e concerto

Baleiro

Vertixe Sonora con Javier Turnes - filósofo

Domingo 25 Outubro / 20:30H
Museo Ramón María Aller
Lalín

Tanto en Oriente como en Occidente, a idea de baleiro estivo sempre asociada a algo relativo á simplicidade extrema. Pero, malia este punto en común entre ambas as nocións, o significado real que este termo tivo en Occidente (a nada como o oposto á existencia) difire da noción que tradicionalmente o concepto de nada ou baleiro tivo na cultura do afastado Oriente. Baleiro ou nada son abstraccións que na cultura tradicional xaponesa atopamos asociadas á idea de colector. O baleiro, alí, enténdese como un gran colector que pode encherse; un espazo que admite todo tipo de posibilidades, que pode conter calquera cousa. Ese colector, ese baleiro, está de cheo de potencialidade, de forma que todo xorde del e, pola súa vez, todo é reabsorbido dentro del. É no baleiro, na nada, onde nacen as formas, a materia.

Miguel Ángel Tolosa, Bonn, marzo 2015

 

Programa
Ingar Zach(Noruega, 1971) Nova obra. T(2015)
Miguel Ángel Tolosa(España) Nova obra. (2015)
Andrés Nuño de Buen(Mexico, 1988) Nova obra (2015) frauta, clarinete,cello, celesta, percusión

 

O relator
Javier Turnes (Portomouro, 1976 ).

Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela no 2000. Profesor de filosofía de ensino secundario desde 2003, exerce na actualidade a docencia no IESFernando Blanco, de Cee (A Coruña). Realiza o seu proxecto de tese de doutoramento na Facultade de Filosofía da UNED, Madrid, cun traballo sobre música e filosofía. Así mesmo, traballa na elaboración de materiais didácticos sobre música moderna para o ensino secundario.

É membro do Grupo Compostela de Estudos sobre Imaxinarios Sociais (GCEIS), Facultade de Ciencias Sociais e Políticas da USC. Desde 1998 é coordinador do Grupo de Traballo de Filosofía no CEFORE da Coruña. Tamén é socio cofundador da Sociedade Hispano-Chilena de Filosofía, (Alacant, 2006).

Entre as súas publicacións destacan Spinoza: modo finito e cidadanía, nas Actas da Semana de Filosofía de Pontevedra, Aula Castelao, 2004. Baruch Spinoza. Baía Pensamento, Baía Edicións, 2006.

 

Sobre as obras e os compositores
Miguel Ángel Tolosa(Madrid, 1969). Estudou composición musical con Antoine Beuger en Haan (Alemaña) e música electroacústica con Jean Claude Risset (Madrid) e Eduardo Polonio (Madrid). Estudou enxeñaría de son e traballou en gravacións como enxeñeiro e produtor de diversos artistas e selos. Actualmente compaxina a súa residencia entre Madrid e Bonn. As súas obras electroacústicas foron lanzadas en selos de todo o mundo, como Sofá Music (Noruega), WindMeasureRecordings (Estados Unidos), NonVisualObjects (Austria), Twenty Hertz (Reino Unido), Drone Records (Alemaña) e Mistery Sea (Bélxica), entre outros. A música de Miguel Ángel Tolosa baséase principalmente na experiencia da escoita, conectado con algúns enfoques que se atopan en músicas de Morton Feldman e Jakob Ullmann.

Andrés Nuno(Ciudad de México, 1988). Andrés Nuño de Buén estuda un mestrado en composición (Master of Music) con Wolfgang Rihm na Hochschule für Musik de Karlsruhe, Alemaña. En 2014 terminou os seus estudos de licenciatura (Bachelor of Music) nesta institución e anteriormente formouse con Alejandro Romeu e José Luís Castelo na Escola Superior de Música do Instituto Nacional de Belas Artes, México (2008-2011). Participou en diferentes cursos e proxectos relacionados coa composición contemporánea en México e Alemaña, entre os que destacan a academia Matrix13 do Estudo Experimental da radiodifusora SWR en Friburgo (2013), os Cursos Internacionais de Música Nova en Darmstadt (2012, 2014) e o programa Novos Creadores do Fondo Nacional para a Cultura e as Artes (FONCA), para o que foi seleccionado como bolseiro do período 2014-2015.

Ingar Zach(Oslo, 1971). Actualmente vive en Madrid. É un recoñecido percusionista de improvisación libre, valorado pola súa ampla gama de sons e o desenvolvemento dun enfoque instrumental moi dinámico e sutil. Zach comezou a estudar percusión aos 7 anos. Aos 10 anos xa estaba a tocar na big band de jazz de Oslo, e fixo o seu debut no rock progresivo aos 15 anos. Entre 1993 e 1997, estudou percusión, música tradicional norueguesa, musicoloxía, jazz e composición. En 1990 uniuse con Ivar Grydeland para entregarse completamente á improvisación libre. Con Grydeland, fundou as discográficas Sofá (2000) e Sillón (2007). Agora desenvolve unha carreira internacional como solista e en agrupacións permanentes.

VERTIXE SONORA  (intérpretes neste concerto) Alessandra Rombolà, frauta | Xocas Meijide, clarinete | Ailsa J. Regina, cello | David Durán, celesta | Diego Ventoso, percusión