As cidades invisibles
Vertixe Sonora con Fernando Palacios - divulgador RNE
“Creo que escribín algo como un poema final de amor ás cidades, cando é cada vez máis difícil vivilas como cidades”. Así describía Italo Calvino o seu libro As cidades invisibles nunha conferencia pronunciada en inglés o 29 de marzo de 1983 para os estudantes da Graduate Writing Division da Columbia University, de Nova York. O pedagogo, presentador, divulgador e compositor Fernando Palacios sempre sentiu unha especial identificación con este libro: “Xa a primeira vez que o lin, vin nel propiedades moi singulares que ningún outro libro me ofrecía. Calvino fai escasas referencias á música; con todo, en sucesivas lecturas ningún outro libro espertou en min máis inquedanzas, ningún excitou máis a miña cabeza á procura de temas e actividades para achegar a música a públicos desconectados”, confesaría nunha sesión monográfica do programa radiofónico El oído atento.
Nesta sesión visitaremos cidades imaxinadas que poden “ser vistas e oídas como pura música”; achegarémonos á figura de Calvino, pero tamén a outros escritores, como o xaponés Yasunari Kawabata; e escoitaremos música con Fernando Palacios, que actuará como mestre de cerimonias.
Prólogo. Iago Hermo(Rianxo, 1992) Escenas I, II e III interpretadas por 4+1 Piano Ensemble
Mauricio Pauly(Costa Rica, 1976) Apartamento Polsen Apartamento Peterson (2011) saxofón, cello e piano
Bernardo Barros(Brasil, 1980) Spill (2014) saxofón, cello, piano e percusión
Stefan Beyer(Alemaña, 1981) Mittel und Zwecke – Boulevard (2014) saxofón, acordeón, contrabaixo, guitarra, piano, percusión
4+1 PIANO ENSEMBLE Elena Rodríguez García | Iago Hermo | Rosalía Becoña | Daniel Chaves Cores
VERTIXE SONORA Pablo Coello, saxofón | Celia Adrián, acordeón | Thomas Piel, cello | Carlos Méndez, contrabaixo | Rubén Barros, guitarra | David Durán, piano | Diego Ventoso, percusión
Sobre obras e compositores
Iago Hermo, Bernardo Barros, Mauricio Pauly e Stefan Beyer
Iago Hermo(Rianxo, 1992). Pianista, compositor, improvisador, director, mestre e escritor. Reflexiona sobre a estética e a tradición que rodea o mundo da arte sonora. Desenvolve unha actividade solista, complementada coa súa participación en agrupacións camerísticas e sinfónicas, ou como pianista acompañante. Destaca aquí a Banda da Escola de Música de Rianxo, a Banda Municipal da Coruña, a Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas, o Ensemble IXOR e, xa no ámbito camerístico, o 4+1 Piano Ensemble, do que é membro fundador e director. Escenas I II III (2013) é un conxunto de tres miniaturas, escritas para cuarteto de pianistas nun piano de cola, que buscan afondar nos recursos sonoros que o instrumento nos permite explotar.
Mauricio Pauly(Costa Rica, 1976). Apartamento Polsen Apartamento Peterson, o título da obra sitúa un fragmento do conto ‘En aquel país. Neste país’, de Yasunari Kawabata, na fotografía ‘A view from an apartment’ de Jeff Wall como posible escenario. O fragmento di:
“Takako, sen embargo, foi incapaz de ler co mesmo desapego outra das historias de ‘En aquel lugar. Neste país’. A columna describía dous casos auténticos de ‘troque de parellas’ (…) O primero sucedera en Suecia. Dúas parellas de esposos, os Polsen e os Peterson, vivían en apartamentos contiguos nun mesmo edificio en Egresund, unha aldea cercana a Estocolmo. O señor Polsen e o señor Peterson eran amigos desde hacía moito tempo. As dúas familias vivían como se formaran un solo fogar. O día 29 […] os dous esposos intercambiaron mulleres. Ou, se se mira desde o punto de vista das esposas, as dúas mulleres intercambiaron maridos. As parellas divorciáronse e volveronse a casar ao mesmo tempo. A ningún dos catro lles preocupa o impacto da súa acción no resto do mundo. Ao parecer os catro lévanse millor ca nunca.”
Bernardo Barros(Brasil, 1980). Spill(2014)explora as nocións de limiar, aspecto e ameaza, despregadas na música como o atributo de diferentes fluxos de materiais, así como as súas distorsións e tendencias direccionais. Outra forma de describila sería unha observación de varias capas, que xorden e mergullan en distintos puntos, mentres derramanmateriais entre si, todo articulado a través de procesos estatísticos.
Stefan Beyer(Alemaña, 1981). Estuda música, historia e composición en Leipzig e en Goteburgo (Suecia). Obtivo o posgrao en composición (Konzertexamen) en maio de 2011 (con distinción, por unanimidade). Mittel und ZewckeI – Boulevard(2014), traducido como Medios e fins ou Medio e fins, onde o substantivo alemán Mittel equivale tanto ao singular coma ao plural do galego medio, refírese á sintaxe da composición. Os materiais que conforman o son e a estrutura da peza colócanse en diferentes correlacións. Os seus parámetros, con todo, obteñen diferentes resultados musicais. Un bulevar é decote o resultado de menosprezar a fortificación dunha vila: ao perder o seu bastión, aparece un novo espazo libre, que historicamente se adoita empregar para a construción de rúas novas ou de estradas de circunvalación.
Sobre o relator e os colaboradores
Fernando Palacios
Fernando Palacios(Castejón de Navarra, 1952). É profesor superior de pedagoxía musical polo Conservatorio Superior de Música de Madrid. A súa actividade diversifícase en campos ben diferentes: a composición, a interpretación, a música vocal, a pedagoxía, o jazz e o pop, o teatro e os medios de comunicación. A súa influencia sobre a divulgación e a educación musical en España é incalculable. Fernando Palacios é asiduo colaborador de Radio Nacional de España, onde dirixiu e presentou os programas Concierto Desconcierto, Música sobre la marcha(RNE e Radio Clásica), o espazo educativo Sonido y oído(2º premio de Radio Montecarlo-92, editado posteriormente por RNE) e, desde 2005, os programas Las cosas de Palaciose El oído atento. Foi director de Radio Clásica entre os anos 2008 e 2010. En Televisión Española presentou Tira de música, Galería de música eCaja de música.
4+1 Piano Ensemble.Agrupación formada por catro pianistas do Conservatorio Superior de Música da Coruña, que nace en 2013 baixo a tutela do mestre Pablo Coello, coa intención de lle fornecer un novo punto de vista á relación actual entre o piano e a música moderna e contemporánea. O seu repertorio, que inclúe desde obras minimalistas do século XX ata estreas absolutas, levounos a participar en concertos e festivais como o Mihlsons de Lugo, o Espazo IXOR, no Museo de Belas Artes da Coruña,e as Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela. Este ensemble traballa xa como agrupación independente do CSM da Coruña polo seu interese musical e artístico, aberto sempre a novas propostas.
Asociación RevelArte. RevelArte xorde a principios do 2014, creada por un grupo de artistas novos galegoscoa idea de axudar os artistas da comunidade a realizaren e publicitaren os seus proxectos. Organízanse en grupos de traballo por disciplinas (música, artes escénicas, artes plásticas e literatura.