vertixe 10

De Reich a KMRU

Ignacio Priego

Martes 30 Agosto / 18:00H
Terraza da Fundación Granell
Santiago de Compostela

Os compositores occidentais (europeos e americanos) enriqueceron a súa música durante moito tempo con formas e técnicas compositivas derivadas da música non occidental. Moitas veces asociada a cambios de estilo musical ou rupturas co pasado, esta relación converteuse practicamente nun modus operandi representativo da composición e produción musical occidental nos tempos modernos. Cando o século XX chegaba ao seu fin, a asociación da innovación estilística coa mestura intercultural tornouse omnipresente; a observación de que unha era de globalización e innovación tecnolóxica sen precedentes xerara estilos musicais irredutiblemente híbridos e pluralistas. Como se dunha evolución homóloga a esta tradición intelectual se tratase, as discográficas e os produtores de concertos tamén empregan cada vez máis técnicas de marketing cuxa novidade reside en traspasar as fronteiras culturais. A música africana, en particular, estivo intimamente asociada con varios cambios de paradigma ao longo do século XX, un fenómeno que, aínda que está mal examinado ou entendido, está cada vez máis reflectido na historia da música moderna.

Nesta charla comentaremos algunhas das ambigüidades musicais e ideolóxicas producidas por este intercambio intercultural entre África, por unha banda, e Europa e América, por outra. Elaboraremos un relato multicultural que recoñeza as liñaxes culturais non occidentais na formación da práctica musical occidental, sen perder de vista os mecanismos ideolóxicos que operan nese intercambio. Trazaremos un percorrido xeográfico e cronolóxico que parte do trasfondo africano, a música minimalista de Steve Reich ou a música de piano de György Ligeti e percorrerá múltiples momentos e lugares de África a través do traballo pioneiro de Halim El Dabh, Francis Bebey ou KMRU.

A charla contextualiza o concerto ao ar libre Música para 18 músicos de Steve Reich na Praza das Praterías de Santiago de Compostela e explica a relación entre as vangardas musicais contemporáneas e África.

Ignacio Priego é xestor e programador musical. Fundador de Loop Circus en 2001, traballou como promotor musical e produtor de eventos desenvolvendo proxectos para AECID-Cooperación Española, British Council ou UNESCO. Tamén foi codirector do selo/axencia POST POST Music dende 2016 e creador do programa Music Mobility Fund (SAMRO, Concerts SA), desde onde coordinou duascentas xiras musicais polo sur de África.

Actualmente traballa coma director de programas de NewMusicSA (sección sudafricana de ISCM) e director de proxectos dos World New Music Days 2023. Impartiu cursos, conferencias e charlas sobre música en vinte foros profesionais, académicos e educativos de España, Francia, Alemaña, Costa Rica, Marrocos, Líbano, Nixeria, Sudáfrica, Mozambique, Eswatini e Zimbabue.