V Festival Vertixe Sonora 2017
Da arte sonora e da música contemporánea 2017
Obradoiro

Espazo, material e estrutura na creación sonora

Lula Romero

19/10/2017 - 20/10/2017
Facultade de Belas Artes
Pontevedra, España

Preséntanse diferentes estratexias desenvolvidas no meu traballo recente que exploran o fenómeno do espazo na creación sonora e a súa relación coas categorías de material sonoro e estrutura. Estas categorías e estratexias poranse en relación á súa vez con teorías e prácticas do feminismo e cuestións de igualdade social e se contextualizarán coas obras e ideas de compositores e artistas da segunda metade do século vinte como entre outros Luigi Nono, Iannis Xenakis, Karlheinz Stockhausen, Alvin Lucier, Cornelius Cardew ou Christina Kubisch.

Unha das principais motivacións do relatorio é propor a idea de creación musical como investigación e reclamar o seu potencial de crítica social. Proponse a práctica artística como xerador de teoría e movemento. Desde esta premisa o relatorio divídese en dúas partes. Unha primeira sesión na que desde a análise, mostra e discusión dos traballos concretos da relatora e os mencionados compositores exporanse os conceptos e as diferentes estratexias en relación a espazo, material e estrutura, e a súa lectura social. Na segunda sesión convídase os asistentes a discutir estas ideas. A dinámica desta segunda sesión será a de comentario en grupo por parte dos asistentes de determinados textos propostos na primeira sesión. Este comentario pode ser verbal ou en forma de creación artística desde calquera área da práctica artística. A segunda sesión estará tamén aberta aos asistentes para mostrar traballos da súa creación dentro de calquera ámbito da práctica artística que respondan as cuestións expostas neste relatorio ou a outras posibles novas cuestións que xurdan no transcurso das sesións.

Lula Romero

É titulada Superior de Composición, Profesional de piano, e Licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Sevilla e obtén o seu Mestrado en Composición no Royal Conservatoire da Haia. Actualmente cursa os seus estudos de Doutoramento artístico en Composición na Doktoratsschule der Kunstuniversität Graz, Austria. No seu traballo explora o fenómeno do espazo en relación coas categorías de material sonoro e estrutura en relación con teorías e prácticas feministas e de igualdade social.

Romero recibiu, entre outros premios, o GIGA-HERTZ Production prize 2014 do ZKM e EXPERIMENTALSTUDIO da SWR, o Kompositionsstipendium 2015 e 2012 do Senado de Berlin, o Berlin-Rheinsberger Kompositionspreis 2011, e a residencia de traballo no Deutsches Studienzentrum Venedig (Venicia) 2017 do Goberno Alemán. En 2017 foi elixida para un Portrait-CD do selo WERGO, na serie «Edition Zeitgenössische Musik» do Deutsches Musikrat. O CD será publicado a partir do 2019.

 

CAUSAL17. Obradoiros, cursos e conferencias de arte sonora e música contemporánea
En colaboración co Grupo de Investigación DX7 da Universidade de Vigo.

Espazo de discusión ao redor da composición de música contemporánea no que compositores cunha traxectoria consolidada e novas promesas do panorama internacional falarán dos procesos creativos que se agochan detrás do seu traballo. cAuSaL está aberto a compositores, instrumentistas, estudantes e aquelas persoas interesadas no acontecer sonoro que desexen achegarse. Entrada gratuíta até completar capacidade.