O sistema eléctrico do corazón bate unhas 115.000 veces ao día, unha media de 80 veces por minuto, 42 millóns de veces ao ano. E ao longo dunha vida media máis de 3.000 millóns de veces sen descanso. Sendo a saúde a pedra angular na que se asenta a nosa prosperidade, que esperar cando un virus microscópico provoca un cataclismo a escala planetaria e certifica o perigo que corre a nosa propia pervivencia?

A confianza no coñecemento ilimitado, o optimismo tecnolóxico desbocado e a ausencia total de críticas sobre o modelo de desenvolvemento que situaron á humanidade na actual encrucillada mostra importantes fisuras. Que resolverá a inseguridade, a desorientación que nos desacouga impregnando a nosa ollada de temor e estrañeza? De xeito evidente somos conscentes dos enormes retos que enfrentamos. Pero dubidamos da nosa capacidade para dar respostas a todos os problemas humanos. Non temos máis opción que reconfigurar a nosa relación co mundo, construindo unha nova forma de escoitar, de ver e de comprender. E non é a primeira vez que acontece.

Mutamos.

Parece que percibíramos por vez primeira aos seres que latexan con nós e nos miran con expresión atenta e cautelosa. Están máis próximos. Seremos quen de establecer relacións máis tolerábeis? Unha mestura de tristeza e fraxilidade na súa pose traduce medo e nerviosismo. A qué velocidade latexará o seu desvalimento?

O corazón que máis latexa nos animais é o dos paxaros: o loro, a galiña o pardal o canario o colibrí teñen 320, 390, 850, 1.000 e 1.200 pulsacións por minuto respectivamente. A musaraña ten o récord absoluto dos terrestres: 1.100 latexos por minuto. No extremo oposto a tartaruga con só 20 (lixeiramente superior á taxa dos peixes). O elefante non máis de 30 batidos, o cabalo arredor de 40, o touro 60, o porco 80 (como o ser humano). Cans e gatos poden chegar a 120 pulsacións por minuto. A balea azul padece bradicardia extrema tendo só dous latidos por minuto nas longas inmersións (ao aflorar, a velocidade acelera a case 40 latexos).

A Vertixe Sonora o corazón vaille a mil. Porque neste ano xacobeo 2021 celebramos 10 anos da súa aparición! Foi aló no 2011, o 18 de xullo no CGAC, unha institución coa que sempre mantivemos unha ligazón especial, co programa Detrito Monocromía e música de Pablo Arcent (España), Sergio Blardony (España), Diana Rotaru (Romanía), Junghae Lee (Suiza), Füsun Koksal (Turquía), Franck Bedrosian (Francia) e Ramón Souto (España). Dende aquela data desenvolvemos máis de 175 concertos , comisionamos e estreamos 192 novas composicións de 155 creadores e creadoras de 37 países , traballamos con múltiples institucións internacionais, editamos 3 discos, participamos en 3 documentais, xiramos por Asia, América, Latinoamérica e Europa, sempre explorando diferentes formatos e xéneros coa investigación sonora en primeiro termo… E agora, neste estado de excepción, cumprimos anos con certa melancolía, conscientes de que as prioridades están noutro lugar, mais coa certeza do poder que tivo e ten a cultura para levantar o ánimo e impulsar a supervivencia, iniciamos os festexos coa presentación da segunda edición do programa Latexos 21 e n Lugo.

En Latexos 21 medimos as pulsacións do mundo reflexionando sobre a conexión coa natureza e os cambios nos modos de habitar o territorio a través da experimentación sonora e a exploración emocional subliñando a capacidade da música para activarnos e poñernos en relación. Porque a emerxencia climática e social obriga a facernos comunicables sen perder independencia, criterio, rigor ou agudeza contribuindo á cohesión social a través do arte.

Serán seis concertos:

O primeiro deles Encrucillada para dous pianos o domingo 28 febreiro ás 19:00h. Explorando as posibilidades do intercambio cultural entre España e Xapón acolle música de Toshio Hosokawa (Xapón, 1955), José María Sánchez-Verdú (España, 1968) Noriko Miura  (Xapón, 1968) e Jacobo Gaspar (España, 1975) para amosar os paralelismos entre o camiño Shikoku (séc IX) e a Ruta Xacobea (séc VIII). Dous camiños de culto, estudo e introspección que procuran unha conexión profunda, complexa e sensible, coa natureza.

Con música de Fernando Garnero (Argentina, 1976), João Quinteiro (Portugal, 1984), Mauricio Pauly (Costa Rica, 1976) e Pedro García Velasquez (Colombia, 1984) Memorias perdidas reflexiona sobre a perda de identidade e o vínculo co pasado, nun presente que nos arroia con forza, e cunhas prácticas culturais que nos desconectan da historia. Será o segundo concerto o domingo 21 de marzo ás 19:00 horas.

No terceiro concerto, Murmurio no solpor, marabillámonos da complexidade no comportamento colectivo de aves, insectos e peixes, entre outros. Se a tradición de pensamento occidental define ao animal dun xeito esencialmente negativo, desprovisto de todo o que se considera que é propio “do home”, neste concerto, tomando como referencia a danza dos chirlomirlos, o murmurio no solpor, equipáranse os patróns de intelixencia colectiva e de afluencia que xorden das interaccións locais entre individuos. Murmurio no solpor celebrarase o domingo 28 Marzo ás 19:00 horas e estrea mundialmente cinco pezas musicais de Felipe de Almeida Ribeiro (Brasil, 1980), Federico Núñez (Arxentina, 1976), Jeremías Iturra (Chile, 1983), Juan Camilo Hernández (Colombia, 1982) e Hugo Gómez-Chao (España, 1995) que tamén dirixe o concerto.

Un tintineo inconfundible, rítmico e sosegado que resoa na iauga dos ríos, pozas, regatos e nas follas das árbores do camiño. É o latexo do ceo cando se enfada, da natureza cando se renova e é ante todo, esa frecuencia evocadora que acouga o noso cerebro co seu efecto indescritible, o mesmo que facilita o noso descanso ou esperta a nosa imaxinación. Hai tantos latexos coma formas de chover no Camiño e todos os pasos que damos baixo dela levan ao mesmo lugar, a sentir o seu ritmo, a recuperar a nosa identidade. Latexos na auga e o programa realizado pola acordeonista de Vertixe María Mogas, con música de mulleres compositoras:  Sofía Martínez (España, 1965), Rebecca Saunders (Reino Unido, 1967), Weiwei Xu (China, 1931) e Sofia Gubaidulina (Tartaristán, 1931). Será o 24 de setembro ás 18h na Capela da Magdalena de Arzúa e o 25 de setembro ás 19h no Salón do Parador de Vilalba.

Para pechar o ciclo de concertos, e coa colaboración do Hong Kong Arts Development Council, Migración, pertencente a unha serie de programas itinerantes (Portugal, Suiza, Francia, Alemaña) que neste caso plantésaxe como un diálogo entre a cultura occidental, representada no Camiño de Santiago, e a oriental, localizada nesta ocasión na cidade de Hong Kong, a tarvés das diferencias entre a linealidade do pensamento occidental e a concepción circular do pensamento oriental. Será o 26 de setembro ás 19h no MIHL de Lugo, con 5  estreas absolutas de Ka Shu Tam  (Hong Kong), Viola Yip (Hong Kong), Ramon Souto (España), Camilo Mendez (Colombia), Iván Ferre-Orozco & Diego Ventoso (México & España) e 2 obras de Yuko Ohara (Xapón) e Liao Lin-NI (Taiwan)

E actividades de dinamización da escoita e toda a provincia de Lugo


PROGRAMA DE CONCERTOS

RESERVA PREVIA DE ENTRADAS

Domingo 28 de febreiro ás 19:00 horas
Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo
ENCRUCILLADA
Retransmisión en directo vía streaming a través das redes sociais e a nosa web

Domingo 21 de marzo ás 19:00 horas
Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo
MEMORIAS PERDIDAS
Retransmisión en directo vía streaming a través das redes sociais e a nosa web

Domingo 28 de marzo ás 19:00 horas
Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo.
MURMURIOS NO SOLPOR
Retransmisión en directo vía streaming a través das redes sociais e a nosa web

24 de setembro ás 18h
Capela da Magdalena de Arzúa
LATEXOS DA AUGA

25 de setembro ás 19h
Salón do Parador de Vilalba
LATEXOS DA AUGA

26 de setembro ás 19h
MIHL de Lugo
MIGRACIÓN
Retransmisión en directo vía streaming a través das redes sociais e a nosa web

 

O programa de concertos acompañarase dunha serie de actividades de dinamización da escoita no territorio.

Latexos 21 reflexiona sobre a conexión coa natureza e os cambios nos modos de habitar o territorio a través da experimentación sonora e a exploración emocional


Concerto 1: Domingo 28 Febreiro ás 19:00h
ENCRUCILLADA para dous pianos

かへり見れば
行きあひし人
霞み けり
Cando mirei cara atrás
o home co que me cruzara
esvaecérase na néboa
Masaoka Shiki (1867-1902)

Shikoku Henro, o camiño Shikoku, a ruta dos 88 templos budistas na máis pequena das illas do arquipélago nipón ten a súa orixe no século IX. Consiste nunha peregrinación circular de 1.400 quilómetros de lonxitude nun entorno natural espectacular, moi apreciado por persoas que procuran unha conexión fonda, complexa e sensible, coa natureza. Atribuída a Kūkai, 空 海, (774–835) monxe xaponés, funcionario público, erudito, poeta e artista, famoso como calígrafo e enxeñeiro e fundador da corrente Shingon; Camiño de culto, estudo e introspección, o Shikoku Henro, doce séculos despois, mantén a súa esencia para o medio millón de persoas que o percorren cada ano.

Como na Ruta Xacobea, no Shikoku Henro pódese percorrer un tramo específico, pero a diferenza doutras vías non ten un comezo nin un final estritos. O habitual é camiñar no sentido das agullas do reloxo, simbolizando as distintas etapas do proceso de meditación que, en paralelo ao camiño físico, percorre o peregrino (“espertar, disciplina, iluminación e nirvana”). O templo Ryozenji na cidade costeira de Naruto, famoso polos seus xigantes remuíños en cada cambio de marea, tende a considerarse como o templo número 1; sendo o 88 o de Okuboji, situado na cidade de Sanuki, cuxa contorna está declarada paisaxe sonora de Xapón pola musicalidade única das súas campás.

O dispositivo instrumental, dous pianos, representa precisamente a Galicia e a illa de Shikoku en Xapón despregando a ollada de tres compositores para reflexionar na dicotomía filosófica, que establecen o Camiño de Santiago e a ruta de peregrinación xaponesa.

As dúas rutas de peregrinación crúzanse en 2015 a través dunha irmandade chamada a aumentar o entendemento mutuo e os intercambios culturais. Xapón e Galicia, que malia a abismal distancia física teñen tantas características comúns na paisaxe, na hospitalidade ou no seu respecto polas tradicións, suman o espírito de concordia das súas rutas nas que o paso dos camiñantes ao longo dos séculos enriquece as súas aldeas.

Toshio Hosokawa (Xapón, 1955) Yoru no kuni [País da noite] (1981) 2 pianos
José María Sánchez-Verdú (España, 1968) Arquitecturas en branco e negro (2009) 2 pianos amplificados
Noriko Miura (Xapón, 1968) Zwei Augen [Dous ollos] (2014/17) 2 pianos
Jacobo Gaspar (España, 1975) Nōkyōchō / Libro de Escoitas II* (2020) 2 pianos

*Estrea absoluta. Encomenda de Vertixe Sonora

VERTIXE SONORA David Durán, Haruna Takebe pianos


Concerto 2: Domingo 21 Marzo ás 19:00h
MEMORIAS PERDIDAS
Concerto desenvolvido en colaboración co Curs Internacional de Composició Barcelona Modern 7ª edición Francesco FILIDEI / Oscar BIANCHI

Antigas tradicións musicais mestúranse con arquivos sonoros –históricos, de  diversas comunidades, de músicas ou de interaccións persoais con diferentes individuos e situacións- enriquecendo e contextualizando a proposta sonora. Escalas ou instrumentos de diferentes etnias ou experiencias colectivas de orixe popular. A vivencia rítmica que provén da danza…

Memorias perdidas reflexiona sobre o illamento e a desconexión co pasado nas sociedades contemporáneas. A perda de identidade nun presente que nos arroia coa súa forza e unhas prácticas culturais que nos escinden da historia. Cando un presente infinito erosiona a experiencia do tránsito, e a viaxe e a transformación é sustituida pola sucesión de etapas que se cancelan, a memoria é o único arquivo sempre vivo dos nosos rastros que pode manter e renovar o seu significado para nós e para os demais.

Pero a memoria non só arquiva, lembra para anticipar e crear o futuro, vai e ven, relacionando as pegadas que nos permiten imaxinar. Un cerebro que fóra das nosas neuronas amplía a rede de relacións que establecemos en todos os campos de experiencia. Quen non lembre nada será escravo do presente e non poderá imaxinar ningún futuro.

Borrar lembranzas foi un soño totalitario recorrente. E agora moitas memorias están a ser eliminadas ou pasaron a ser subterráneas e subsisten na esfera privada de certas comunidades. Unha memoria que está a ser constantemente roubada elude partes da identidade que non son tidas en consideración, nin documentadas, nin escoitadas, nin conservadas polas esferas políticas nin académicas.  A memoria crea o futuro: transmisión, interrogación e transformación. Namentras o presente en suspensión do capitalismo global imposibilita a perda de tempo.

Fernando Garnero (Argentina, 1976) Contracolpo (2020) saxofón, percusión e dispositivo electroacústico
Joao Quinteiro (Portugal, 1984) Canção I – “I Ascolta” (2020) saxofón e percusión
Mauricio Pauly (Costa Rica, 1976) The Threshing floor (2015) dúo amplificado (saxofón e percusión), electrónica en vivo e cinta
Pedro García Velasquez (Colombia, 1984) Memoria perdida* (2021) clarinete, saxofón, viola, baixo eléctrico, percusión e electrónica

*Estrea absoluta. Encomenda de Vertixe Sonora

VERTIXE SONORA Jorge López clarinete | Pablo Coello saxofón | Aglaya González viola | Guilherme Lapa baixo eléctrico | Diego Ventoso percusión | Iván Ferrer medios electrónicos


Concerto 3: Domingo 28 Marzo ás 19:00h
MURMURIO NO SOLPOR

O voo milimétricamente sincronizado de miles de chirlomirlos é un espectáculo extremadamente fermoso que ás veces pode resultar aterrador. Un murmurio que coma un sol negro e dinámico toma o solpor para formar un paxaro xigante como o mítico simurg. O chirlomirlo, o estorniño común (Sturnus vulgaris) foi descrito por primeira vez en 1758 polo naturalista sueco Carl von Linné (Charles Linnaeus) no seu Systema naturæ.

Se as manobras do estorniño teñen unha complexidade abraiante os procesos subxacentes aínda son un misterio. Desenvolvido por un superorganismo da complexidade da información integrada… está formado por un rabaño de millóns ou por un só organismo?

Para estudar este movemento coordinado Craig Reynolds deseñou o flocking, un modelo computacional que recrea o comportamento colectivo de aves, insectos e peixes, entre outros. Das súas observacións establecéronse tres regras básicas: primeira, as entidades manteñen unha separación mínima de veciñanza; segunda, a dirección do grupo é a media total dos veciños; e terceira as entidades mantéñense xuntas (non superan unha separación máxima). Malia ao que poderiamos pensar, neste fenómeno non hai líderes, pero os patróns colectivos de afluencia xorden das interaccións locais entre individuos de tal xeito que a información se estenden dilixentemente polo grupo.

As conclusións de Craig Reynolds cecáis sexan aplicables ao estudo doutras formas de intelixencia colectiva, como no caso dos humanos. Por poñer un exemplo: que pasa cos contextos de creación musical contemporánea e experimental? Poderíamos contemplar os movementos e as interaccións dos distintos integrantes e colectivos que conforman as entidades de desenvolvemento na música actual coma os dun superorganismo de asombrosa complexidade tal e como acontece no caso dos chirlomirlos?

Este concerto que presenta cinco estreas mundiais de compositores de países iberoamericanos (Brasil, Arxentina, Chile, Colombia, España) pode ser unha magnífica oportunidade para testalo.

Felipe de Almeida Ribeiro (Brasil, 1980) Earthshine * (2020)
Federico Núñez (Arxentina, 1976) Murmurio no solpor ** (2020)
Jeremías Iturra1 (Chile, 1983) Título por determinar ** (2021)
Juan Camilo Hernández1 (Colombia, 1982) Caos no tiene plural ** (2021)
Hugo Gómez-Chao (España, 1995) Szene IV ** (2021)

*Estrea absoluta. Colaboración con Mixtur
**Estrea absoluta. Encomenda de Vertixe Sonora

1Co apoio financeiro da SACEM, “Société des auteurs, compositeurs et éditeurs de musique” (Francia) para a encomenda, composición, produción e interpretación.

VERTIXE SONORA
Hugo Gómez-Chao, director
Adriana Aranda soprano | Clara Saleiro frauta | Pablo Coello saxofón |  Jesús Coello fagot | Roberto Alonso, Mario Peris violín | Cristina Santos viola | Thomas Piel violonchelo | Carlos Méndez contrabaixo | David Durán piano | Diego Ventoso percusión | Ángel Faraldo electrónica


Concerto 4: Venres 24 de Setembro ás 18:00h
Concerto 5: Sábado 25 de Setembro ás 19:00h
LATEXOS DA AUGA

Un tintineo inconfundible, rítmico e sosegado que resoa na iauga dos ríos, pozas, regatos e nas follas das árbores do camiño. É o latexo do ceo cando se enfada, da natureza cando se renova e é ante todo, esa frecuencia evocadora que acouga o noso cerebro co seu efecto indescritible, o mesmo que facilita o noso descanso ou esperta a nosa imaxinación. Hai tantos latexos coma formas de chover no Camiño e todos os pasos que damos baixo dela levan ao mesmo lugar, a sentir o seu ritmo, a recuperar a nosa identidade

               Se tumbó en el suelo y se quedó inmóvil hasta que todo fue agua: La Tierra, el Cielo, el Aire, Ella…
El latido del agua. Rebaque Felicitas

Sofía Martínez (España, 1965) Lluvia (2014)
Rebecca Saunders (Reino Unido, 1967) …of water making moan (2013-2015)
Weiwei Xu (China, 1931) Icy (2016)
Sofia Gubaidulina (Tartaristán, 1931) Kadenza (2014)

VERTIXE SONORA María Mogas acordeón


Concerto  6: Domingo 26 de Setembro ás 19:00h
MIGRACIÓN

Este programa, que terá presenza na cidade de Hong Kong en febreiro de 2022, pertence a unha serie de programas itinerantes (Portugal, Suiza, Francia, Alemaña) que neste caso plantésaxe como un diálogo entre a cultura occidental, representada no Camiño de Santiago, e a oriental, localizada nesta ocasión na cidade de Hong Kong, a tarvés das diferencias entre a linealidade do pensamento occidental e a concepción circular do pensamento oriental

Ka Shu Tam (Hong Kong) Título por determinar (2021)
Viola Yip (Hong Kong) Título por determinar (2021)
Ramon Souto (España) Título por determinar (2021)
Camilo Mendez (Colombia) Título por determinar (2021)
Iván Ferrer-Orozco & Diego Ventoso (México) Título por determinar (2021)

VERTIXE SONORA Clara Saleiro frauta| Pablo Coello saxofón | Roberto Alonso violín | David Durán piano | Diego Ventoso percusión | Iván Ferrer medios electrónicos

 

Entrada libre ata completar aforamento salvo onde se indique o contrario