LATEXOS 21
ALÉN. Obradoiros instrumentais de música contemporánea 2021
Master Class

O piano hoxe: estado da cuestión

David Durán

Domingo 28 Febreiro / 12:00H
CMUS Xoán Montes
Lugo

Charla-demostración a cargo de David Durán Arufe para adentrarse no piano do noso tempo.

Duración: 90’

Contidos:
–evolución do pianismo ata o presente.
–exposición de técnicas pianísticas (e notacións) propias das creación musical contemporánea.
–análise das exixencias do repertorio de nova creación.
–trazando un perfil do oficio de pianista no repertorio actual.

 

DAVID DURÁN 
Músico natural de Santa Comba, considerado pola crítica como un dos mellores pianistas de música actual en España. Comezou os seus estudos da man de Martín Millán Torrado quen sempre dirixiu a súa educación pianística e musical. Tras concluir os estudos superiores de música en España, completou o Bachelor of Music (Bmus) e o Master of Music (Mmus) no Conservatorium Van Amsterdam co pianista Matthijs Verschoor –co que formou dúo e realizou unha gravación–. Foi bolseiro da fundación Jacques Vonk Fonds para continuar os seus estudos en Hungría, na Liszt Academy de Budapest co pianista Jenö Jandó, e tamén tivo ocasión de traballar con Ramón Coll, Balázs Szokolay, Claude Helffer e Philippe Entremont. En 2015 levou a cabo unha estadía de investigación na Universidade Nacional das Belas Artes e Música de Tokio, e no 2017 doutorouse en Historia da Arte e da Música na Universidade de Santiago cunha tese sobre o compositor xaponés Toshio Hosokawa.

A súa actividade como instrumentista mereceulle varios recoñecementos e o convite a recitais ou para impartir cursos en diferentes institucións de ámbito internacional. É membro fundador de Vertixe Sonora, ensemble convertido nun referente insustituible para a última xeración de compositores. Coa permanente estrea de novas obras, está a facer que Galicia participe da creación sonora internacional cun protagonismo activo e detonante. Vertixe Sonora é unha agrupación constantemente convidada nos máis importantes festivais tanto en España como no estranxeiro, e os seus rexistros discográficos publícanse en prestixiosos selos como Wergo e Neos. A dedicación e especialización de David Durán lévao tamén a colaborar con orquestras como a Orquesta Nacional de España ou a Real Filharmonía de Galicia en proxectos de música contemporánea.

Paralelamente á súa actividade musical David Durán desenvolve traballos literarios. Así pois no ano 2008 publícase o seu poemario-DVD «Palabras Xordas para Oídos Necios» na editorial tresCtres, e no 2010 saen publicados poemas soltos na revista Madrygal. Dende 2010 é ademáis colaborador do xornal La Voz de Galicia como crítico musical; dende 2013 corresponsal da revista musical Scherzo; e no 2016 tivo unha sección propia na revista online Sulponticello. David Durán incorporouse ao corpo de Profesores de Música e Artes Escénicas en 2006 como profesor de piano no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela onde creou unha materia de música contemporánea, e dende o 2008 ata o 2011 asumiu a dirección deste centro.

David Durán Arufe
PhD MMus

 

Actividade subvencionada polo Ministerio de Cultura e Deporte