Ipanema
Proxecto de confraternización e irmandamento hispanomexicano para lembrar e agradecer a xenerosa acollida do pobo mexicano, baixo o goberno de Lázaro Cárdenas, dos republicanos exiliados da guerra civil española nos barcos da liberdade, un fito extraordinario de humanismo e solidariedade nun dos peores momentos da historia de España. 6 compositores, compositoras e artistas mexicanos foron convidados a desenvolver novas creacións para un agrupamento conformado por 16 músicos dos ensembles Vertixe Sonora, Cronopio e a Escola Superior de Música e Danza de Monterrey. Unha iniciativa internacional de colaboración artística interdisciplinar coa que tamén reflexionar sobre as condicións de exilio na actualidade.
Este proxecto desenvolveuse en colaboración co Programa de Estudos Propios en Museoloxía Crítica, Prácticas Artísticas de Investigación e Estudos Culturais do Museo Reina Sofía Tecidos Conxuntivos, dentro do seminario Formas de cultura coordinado por Pablo Jarauta que investiga prácticas, procesos, produtos e linguaxes na construción colectiva dun coñecemento formalizable desde a filosofía do deseño e con metodoloxías PCC (Pensa+Constrúe+Comunica), establecendo nexos entre “exilio” e “cartografía”, un dos conceptos nodais do seminario.
Florencio Delgado Gurriarán. O pasado ano, a Real Academia Galega adicou o Día das Letras Galegas ao poeta Florencio Delgado Gurriarán; e na súa persona celebrou o extraordinario legado dos artistas galegos que trataron de “espantar a escuridade cultural” do franquismo na diáspora mexicana. Este festexo destacou o papel de México como país de acollida dos exiliados republicanos galegos tras o fin da guerra civil.
Un pouco de historia. Era 1939, e o Goberno mexicano coa colaboración do Goberno da República española no exilio, e o Servizo de Evacuación de Refuxiados (SERE), fretou tres barcos para transportar a México familias rescatadas dos campos de concentración franceses, como o de Argelès-Sur-Mer, fuxindo da Guerra Civil. Xa con anterioridade foran asilados os Nenos de Morelia, 456 menores, fillos de republicanos españois, embarcados, no vapor de bandeira francesa Mexique, en Burdeos rumbo a México o 27 de maio de 1937.
Barcos da liberdade. O presidente Lázaro Cárdenas e o seu equipo diplomático –Narciso Bassolse, Luis Ignacio Rodríguez, Gilberto Bosques– abriron as portas do país a republicanos españois sen condicións. En total foron sete barcos en sucesivas vagas –Flandre, Sinaia, Ipanema, Mexique, Nyassa, Serpa Pinto II, Quança– que evacuaron a un total aproximado de 40.000 refuxiados. A derradeira esperanza para decenas de miles de exiliados españois e de resistentes antifascistas de todo o mundo abandonados en Francia á súa sorte.
A élite cultural galega no Ipanema. Porque xunto a Florencio Delgado Gurriarán viaxaron no Ipanema –segundo barco que promovía o Goberno de México, un cargueiro maltreito con tripulación de orixe indochina– músicos, poetas, cineastas, ensaístas…, unha nutrida representación da élite intelectual galeguista e republicana: O violinista Xesús Dopico. O compositor e musicólogo Xesús Bal y Gay. O poeta Alejandro Finisterre. O cineasta Carlos Velo. Os irmáns Bilbatúa tamén cineastas. O escritor Lorenzo Varela. O editor Alexandre Finisterre. O profesor Luís Soto. O arquitecto Xosé Caridad Mateo. O escultor Uxío Souto. Os políticos Luis Soto e Bibiano Osorio Tafall. O pintor Arturo Souto. O tamén pintor Alejandro Otero. O historiador Ramón Iglesias Puga. O memorialista Elixio Rodríguez. Activistas e intelectuais como Ramiro Isla Couto, Xermán Rañó, Carlos Tomé. O xornalista Luis Soto. O tamén xornalista Manuel Porteiro. O mestre Marcial Fernández… Tamén estaban alí o médico Francisco Comesaña e maila súa muller Ascensión Concheiro, que inspiraron O lápiz do carpinteiro de Manuel Rivas. Todos compartiron unha viaxe chea de estreiteces que acadou as costas de Veracruz o 7 de xullo.
IPANEMA
ERIKA VEGA MEXICO 68 (2023)
MIGUEL VÉLEZ Miro a Terra – apuntes de orientación (2023)
LINDA AGUIRRE (Lay Mibros) Xogo de luces – Entre a inmutabilidade e a movilidade (2023)
GERMÁN LÓPEZ VARGAS Unha loita entre o día e a noite (2023)
ALEJANDRO J. PADILLA Cartografía de Viaxe para Músicos Errantes (2023)
JUAN JOSÉ BÁRCENAS Luvina (2023)
CRONOPIO Juan José Barcenas director | Karla Sashenka Vasconcelos frauta | Karel Gómez óboe | Cuauhtémoc Rivera violín | José Alejandro Díaz guitarra eléctrica | José Antonio Alejandro Huerta percusión
ESCUELA SUPERIOR DE MÚSICA E DANZA DE MONTERREY Ana Karen Rodríguez violonchelo | Eusebio Alejandro Sánchez percusión | Alejandro Javier Padilla, José Miguel Vélez compositores
VERTIXE SONORA Pablo Coello saxofón | Helena Sousa acordeón | Nuno Pinto guitarra clásica, guitarra eléctrica | David Durán piano | Diego Ventoso percusión | Iván Ferrer-Orozco medios electrónicos