Do Audible é un ciclo de concertos promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coa colaboración de Vertixe Sonora, que procura a normalización da escoita de música contemporánea no noso territorio. A investigación de puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento é o eixo central do ciclo, que busca favorecer o achegamento do público non especializado á creación artística contemporánea e a conquista dunha percepción musical máis consciente.

Do Audible achega en cada concerto unha experiencia singular e reveladora que devolve a escoita ao seu lugar, como acontecemento capital do entendemento humano. Rachar fronteiras e romper formatos. Ou crear outros novos. Mostrar o diálogo e a interacción entre disciplinas, a priori, afastadas. Do Audible constitúe un ciclo que evoluciona e que lle propón ao público novos desafíos.

Tui, Ourense, A Coruña e Lugo son as catro paradas en 2018 dun ciclo que en cada edición se desenvolve en diferentes escenarios de todo o país, na procura de ampliar audiencias para a música contemporánea.

A primeira parada será o 25 de maio na igrexa de San Domingos de Tui, ao redor de Karlheinz Stockhausen, un dos grandes mestres da música do pasado século; con Kontakte (1960), a primeira composición verdadeiramente cadrafónica da historia. A cadrafonía é a predecesora do que hoxe coñecemos como dolby-surround. Foi a primeira tecnoloxía de consumo masivo de son surround. A segunda proposta do ciclo, o 14 de xuño na antiga capela do campus universitario de Ourense, xira arredor da literatura e da improvisación electroacústica desde Austria. Natascha Gangl, dramaturga e creadora de instalacións teatrais, argalla xunto a Rdeča Raketa, dúo electroacústico formado por Matja Osojnik e Matija Schellander, un cómic rebordante de enerxía baixo o título Wendy vai a México.

Tras o verán, o ciclo continúa o 23 de outubro no paraninfo da Universidade da Coruña. Sobre a composición material do son e o espazo que ocupa o feito sonoro versa a terceira proposta de Do Audible 2018, que nos enfronta coa dobre identidade música contemporánea / arte sonora en Manifesto Gutai. O reto final, no último concerto en Lugo, o 10 de novembro, é abordar desde a escoita e a intuición unha meditación iluminadora que resolve contradicións aparentes. A proposta Koan –pregunta ou diálogo no budismo zen–, con Elliot Simpson, envolverá, ademais, os estudantes do Conservatorio Xoán Montes, que, a partir dun obradoiro co músico, desenvolverán unha obra colectiva que explora a acústica do Vello Cárcere.

A través destas catro propostas, Do Audible actualiza as rutinas de escoita coa aspiracion de recuperar o concerto de música como experiencia privada de auténtica transformación. O ciclo descobre a paisaxe sonora da literatura musical dos últimos decenios, rastrexa as interaccións ocultas entre diferentes disciplinas ao longo da historia e afonda nas claves da creación musical de todos os tempos. Aviva a imaxinación, esperta a sensibilidade de públicos novos, procura acadar, na comunión da emoción e da intelixencia, unha experiencia artística transcendente.

 

PROGRAMA DO AUDIBLE 2018

Kontakte
Venres 25 de maio ás 20.00 h
Igrexa de San Domingos de Tui
Con Patrícia Martins, Michael Pattmann e Jaime Reis

Wendy vai a México. Un cómic sonoro
Xoves 14 de xuño ás 20:00 h
Antiga Capela do Campus Universitario de Ourense
Con Natascha Gangl e Rdeca Raketa

Manifesto Gutai
Martes 23 de outubro ás 20:00 h
Paraninfo da Universidade da Coruña
Con Pablo Vergara e Volkmar Klien

Koan
Sábado 10 de novembro ás 20:00 h
Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo
Con Elliot Simpson

 

KONTAKTE
Con Patrícia Martins, Michael Pattmann e Jaime Reis
Venres 25 de maio ás 20.00 h
Igrexa de San Domingos de Tui
Co apoio de: fundação GDA, Festival Días da Musica Electroacústica (DME)
Coa colaboración de: Campus Crea s2i, Conservatorio Profesional de Música de Tui

Programa:
KARLHEINZ STOCKHAUSEN (1928-2007)
Klavierstück V para piano solo (5’30)
Vibra-Elufa para vibráfono solo (10’)
Natürliche Dauern n.o 6 para piano (5’)
Kontakte (1960) para piano, percusión e electrónica (35’)

Baixo o título de Originale, presentábase en Nova York, en 1961, unha versión de Kontakte (1960) na que participaban, entre outros, a chelista Charlotte Moorman, o artista Nam June Paik, o performer Robert Delford Brown, o fotógrafo Peter Moore, o compositor Alvin Lucier e o poeta Allan Ginsberg. Dirixía esta produción Allan Kaprow, creador dos happening. Foi un auténtico fito no desenvolvemento da vangarda artística americana e do movemento Fluxus, en particular.

A versión orixinal de Kontakte (1960), que se escoitará neste programa monográfico, trátase da primeira composición verdadeiramente cadrafónica da historia e das primeiras en combinar son pregravado e instrumentación ao vivo. Unha obra fundamental para entender a evolución da música electroacústica que permite asistir á construción e percepción do tempo musical, así como á exploración do espazo dende a difusión electrónica.

Visionario, grandilocuente, megalomaníaco, místico, excesivo, mesiánico, radical… Karlheinz Stockhausen foi un dos grandes mestres da música do pasado século. Axitador de estéticas renovadoras e precursor de innumerables ismos, como líder da vangarda alemá deulle continuidade a unha grandiosa tradición musical, celme da imaxinación sonora internacional detodos os tempos.

O programa inclúe, ademais, o Klavierstück V, da serie Klavierstücke: 19 pezas para sintetizador ou piano solo que desenvolveu entre 1952 e 2003 e que conforman unha especie de íntimo e experimental diario de composición. E á mantenta das titánicas travesías nas que se embarcou no final da súa etapa creativa, poderanse escoitar Vibra-Elufa (2003), pertencente á ópera Freitag aus Licht (Venres de Luz) dentro do ciclo de óperas Licht; e Naturliche Dauern n.o 6 (2006), incluída na serie de obras para diversas combinacións instrumentais Klang–Die 24 Stunden des Tages.

Intérpretes

Patrícia Martins, piano
É licenciada en piano, posgrao en ópera e estudos músico-teatrais na Escola Superior de Música e das Artes do Espectáculo do Porto; mestrado en música de cámara baixo a dirección de Jean Geoffroy e Franck Krawczyk no Conservatoire Supérieur Musique et Danse de Lión.

Michael Pattmann, percusión
Formouse co profesor Martin Schulz na Folkwang-Hochschule de Essen, Alemaña. Prosegue os seus estudos na clase de música de cámara do profesor Peter Eötvös na Staatliche Hochschule für Musik en Colonia. Alén da súa carreira de solista, Michael Pattmann toca regularmente en numerosos ensembles, tales como e-mex ensemble Essen, mp6-multipercussion-ensemble, anthos-ensemble, oh ton-ensemble, Ensemble musikFabrik.

Jaime Reis, difusión musical
Iniciou os seus estudos musicais en Seia (Portugal) aos cinco anos, onde estudou, entre outros, co etnomusicólogo António Tilly. As súas primeiras composicións, para secuenciador MIDI, electrónica e pequenos conxuntos instrumentais foron iniciadas aos 12 anos. Alén do seu traballo mentres compositor, ten desenvolvido actividades como a dirección artística do festival Dni Muzyki Portugalskiej w Krakowie (Días de Música Portuguesa en Cracóvia).

Patrícia Martíns piano | Michael Patmann percusión | Jaime Reis difusión electrónica

WENDY VAI A MÉXICO. UN CÓMIC SONORO
Con Natascha Gangl e Rdeca Raketa
Xoves 14 de xuño ás 20:00 h
Antiga Capela do Campus Universitario de Ourense
Co apoio de: Forum Cultural de Austria en Madrid, Vicerreitorado do Campus de Ourense

Programa
Wendy vai a Mexico (2017). Nastascha Gangl (Austria) e Rdeča Raketa (Austria)

Wendy vai a México ofrece un relato surrealista e disparatado sobre Wendy, a protagonista dun cómic para rapazas amazonas de mediados dos oitenta. Wendy é unha rapaza loira, que acabou por participar en carreiras de cabalos en México.

Neste drama radiofónico, que abrangue un impresionante panorama acústico, mestúrase música punk, gravacións de campo, electrónica analóxica, cintas e instrumentos acústicos.

A partir de materiais da súa primeira novela, publicada na editorial Ritter co mesmo título, a austríaca Natascha Gangl, dramaturga e creadora de instalacións teatrais, argalla xunto a Rdeča Raketa, dúo electroacústico formado por Matja Osojnik e Matija Schellander, esta pintura sonora repleta de enerxía.

Natascha Gangl e Rdeča Raketa: Maja Osojnik: voz, frauta paetzold baixo, gravacións de casette, dispositivos electrónicos, xoguetes | Matija Schellander: baixo electrónico, sintetizador modular, computadora

 

MANIFESTO GUTAI
Con Pablo Vergara e Volkmar Klien
Martes 23 de outubro ás 20:00 h
Paraninfo da Universidade da Coruña

Programa:
Pablo Vergara
– Engraving on Bronze (2016-17) para 3 percusionistas
– Into Open Noir (2015-16): nova versión revisada (2018)* para voz amplificada, guitarra eléctrica, saxofón e percusión.
– Nova obra* (2018) para voz amplificada, frauta, saxofón, percusión, guitarra eléctrica, violonchelo e contrabaixo.

Volkmar Klien
– Nova obra* para frauta, saxofón, percusión, guitarra eléctrica, violonchelo e contrabaixo.

*Estreas absolutas, por encomenda de Vertixe Sonora.

No rexeitamento do virtual e nunha posición crítica cara ao desenvolvemento das sociedades dixitais e as novas tecnoloxías poderíase atopar, talvez, o xerme da recuperación da materialidade sonora como centro de gravidade do pensamento musical, que traslada o peso da creatividade á elección dos materiais e á súa manipulación. O son muta en materia e o compositor en escultor. O decisivo son as cualidades físicas e de produción do son.

De feito, e considerando a teoría cuántica, deixaría de ser esta cualidade corpórea do son unha abstracción útil. En efecto, se as partículas elementais da natureza, os fermións e os bosóns, son consideradas materia, tamén as vibracións do aire, como calquera entidade cuxa presenza nunha certa rexión do espazo-tempo, leva a que o tensor enerxía-impulso para a dita rexión sexa diferente a cero. E sería unha tarefa a desenvolver a nosa capacidade de escoitar o material, de percibir o espazo que ocupa o son, codificar a súa masa e o seu volume.

Esta nova concepción do sonoro como entidade vivente e tanxible terá inevitables consecuencias creativas. En calquera caso, demanda novas formas de relación. É a esperanza que abrigaba Jiro Yoshihara do grupo Gutai, xurdido a mediados dos anos cincuenta en Xapón, nunhas coordenadas completamente diferentes: “Se un deixa o material como é, presentándoo simplemente como material, este comeza entón a dicirnos algo con voz poderosa”.

Froito da súa persoal investigación sobre a materialidade sonora, o compositor Pablo Vergara publicou recentemente a tese Compondo liñas, na que reflexiona sobre a arqueoloxía antropolóxica das liñas de son, entendidas como sons continuos que cambian dunha maneira sutil pero perceptible (como un glissando ou un vibrato amplo e lento) e cuxo testemuño estético formula na triloxía que se presenta por primeira vez neste concerto en estrea mundial. Do mesmo xeito, a obra de Volkmar Klien, comisionada para a ocasión e cuxo rexistro estará presente en forma de instalación no vindeiro Modern Wien, presenta na súa dobre identidade (música contemporánea / arte sonora) unha dislocación característica da nosa época.

VERTIXE SONORA [intérpretes neste concerto] Peyee Chen, soprano | Clara Saleiro, frauta | Pablo Coello, saxofón | Rubén Barros, guitarra eléctrica | Thomas Pel, violoncello | Carlos Méndez, contrabaixo | Diego Ventoso, Antonio Ocampo, Pablo Salgueiro, percusión

KOAN
Con Elliot Simpson
Sábado 10 de novembro ás 20:00 h
Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo
Coa colaboración de: Departamento de Percusión do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes, Concello de Lugo

Programa:
CREACIÓN COLECTIVA
– Improvisación Koan*

ALVIN LUCIER (1931)
– Opera with objects (2005)
– Music for piano with magnetic strings (1995) Spider Paths (1994)
– On the carpet of leaves illuminated by the moon (2000/2012)

JAMES TENNEY (1934-2006)
– To weave (a meditation) (2003)
– Koan (1971)

*Participantes no obradoiro Koan
Elliot Simpson

Coa súa orixe no budismo zen, un koan é unha pregunta, declaración ou diálogo que obriga o estudante, a través da meditación sobre o seu significado, a abandonar a dependencia da razón e a desenvolverse cara a unha iluminación intuitiva, onde as contradicións e dualidades poden ser afrontadas.

Na música de Alvin Lucier e James Tenney atopamos un desafío parecido: unha música, co seu revolucionario fundamento no proceso e o fenómeno sonoro, que resiste a narración, a interpretación e ata a definición de música, pero que é innegablemente fermosa e expresiva, e que representa un fío omnipresente na arte contemporánea.

Co gallo do concerto, o venres 9 de novembro, entre as 16:00 e as 20:00 horas, Elliot Simpson desenvolverá xunto co Departamento de Percusión do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes o Obradoiro KOAN, aberto a participantes con ou sen experiencia musical previa no que calquera instrumentista, incluíndo cantantes, pode participar. Froito deste traballo colectivo presentarase a primeira creación do concerto.

Elliot Simpson
O guitarrista Elliot Simpson (Novo México, Estados Unidos, 1987) estreou obras de figuras tan icónicas como Sofia Gubaidulina, Alvin Lucier, Michael Finnissy, Walter Zimmermann e Larry Polanski. Estudou con David Tanenbaum no Conservatorio de Música de San Francisco e con Zoran Dukic no Conservatorio Real da Haia, onde se beneficiou da prestixiosa bolsa Huygens do Ministerio de Educación, Cultura e Ciencia de Holanda.

Elliot Simpson, guitarras acústica e obxectos

+info:
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
prensa.cultura.educacion@xunta.gal Telf. 981 957 350 / 981 544 490
www.cultura.gal