Do Audible é un ciclo de concertos promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coa colaboración de Vertixe Sonora, que procura a normalización da escoita de música contemporánea no noso territorio.

Do Audible investiga puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento, que faciliten o achegamento do público non especializado e a conquista dunha percepción musical máis consciente. Proporciona en cada concerto unha experiencia singular e reveladora que devolve a escoita ao seu lugar, como acontecemento capital do entendemento humano.

En Do Audible as proposta musicais organízanse arredor dun foco temático —as cidades invisibles de Calvino, o arte mínimo, o baleiro e os derradeiros avances en astronomía— e interactúan coa palabra cómplice de relevantes personalidades do mundo da cultura, que achegan informacións e perspectivas de interpretación da música esclarecedoras para os oíntes.

Do Audible descobre a paisaxe sonora da literatura musical dos últimos decenios, rastrexa as interaccións ocultas entre diferentes disciplinas ao longo da historia e explica as claves da creación musical de todos os tempos. Aviva a nosa imaxinación, esperta a sensibilidade de públicos novos, procura acadar, na comuñón da emoción e da intelixencia, unha experiencia artística transcendente.

Con esta programación, que chega á súa terceira edición, a Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia ofrece un novo espazo de achegamento á música e ás expresións contemporáneas cunha programación desenvolvida en distintas cidades de Galicia que permite construír novas experiencias destinadas ao público xeral.