VI Do Audible 2018
Tui, Ourense, A Coruña e Lugo
2018
Do Audible é un ciclo de concertos promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coa colaboración de Vertixe Sonora, que procura a normalización da escoita de música contemporánea no noso territorio. A investigación de puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento é o eixo central do ciclo, que busca favorecer o achegamento do público non especializado á creación artística contemporánea e a conquista dunha percepción musical máis consciente.
Do Audible achega en cada concerto unha experiencia singular e reveladora que devolve a escoita ao seu lugar, como acontecemento capital do entendemento humano. Rachar fronteiras e romper formatos. Ou crear outros novos. Mostrar o diálogo e a interacción entre disciplinas, a priori, afastadas. Do Audible constitúe un ciclo que evoluciona e que lle propón ao público novos desafíos.
Tui, Ourense, A Coruña e Lugo son as catro paradas en 2018 dun ciclo que en cada edición se desenvolve en diferentes escenarios de todo o país, na procura de ampliar audiencias para a música contemporánea.
A primeira parada será o 25 de maio na igrexa de San Domingos de Tui, ao redor de Karlheinz Stockhausen, un dos grandes mestres da música do pasado século; con Kontakte (1960), a primeira composición verdadeiramente cadrafónica da historia. A cadrafonía é a predecesora do que hoxe coñecemos como dolby-surround. Foi a primeira tecnoloxía de consumo masivo de son surround. A segunda proposta do ciclo, o 14 de xuño na antiga capela do campus universitario de Ourense, xira arredor da literatura e da improvisación electroacústica desde Austria. Natascha Gangl, dramaturga e creadora de instalacións teatrais, argalla xunto a Rdeča Raketa, dúo electroacústico formado por Matja Osojnik e Matija Schellander, un cómic rebordante de enerxía baixo o título Wendy vai a México.
Tras o verán, o ciclo continúa o 23 de outubro no paraninfo da Universidade da Coruña. Sobre a composición material do son e o espazo que ocupa o feito sonoro versa a terceira proposta de Do Audible 2018, que nos enfronta coa dobre identidade música contemporánea / arte sonora en Manifesto Gutai. O reto final, no último concerto en Lugo, o 10 de novembro, é abordar desde a escoita e a intuición unha meditación iluminadora que resolve contradicións aparentes. A proposta Koan –pregunta ou diálogo no budismo zen–, con Elliot Simpson, envolverá, ademais, os estudantes do Conservatorio Xoán Montes, que, a partir dun obradoiro co músico, desenvolverán unha obra colectiva que explora a acústica do Vello Cárcere.
A través destas catro propostas, Do Audible actualiza as rutinas de escoita coa aspiracion de recuperar o concerto de música como experiencia privada de auténtica transformación. O ciclo descobre a paisaxe sonora da literatura musical dos últimos decenios, rastrexa as interaccións ocultas entre diferentes disciplinas ao longo da historia e afonda nas claves da creación musical de todos os tempos. Aviva a imaxinación, esperta a sensibilidade de públicos novos, procura acadar, na comunión da emoción e da intelixencia, unha experiencia artística transcendente.
DO AUDIBLE 2018
Kontakte
Venres 25 de maio ás 20.00 h
Igrexa de San Domingos de Tui
Con Patrícia Martins, Michael Pattmann e Jaime Reis
Wendy vai a México. Un cómic sonoro
Xoves 14 de xuño ás 20:00 h
Antiga Capela do Campus Universitario de Ourense
Con Natascha Gangl e Rdeca Raketa
Manifesto Gutai
Martes 23 de outubro ás 20:00 h
Paraninfo da Universidade da Coruña
Con Pablo Vergara e Volkmar Klien
Koan
Sábado 10 de novembro ás 20:00 h
Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo
Con Elliot Simpson