“Creo que é necesario que alguén ou algúns teñan unha determinada versión do destino persoal e do destino colectivo desde unha situación de exilio”

José Ángel Valente

Nesta segunda edición de Cardinais – Academia Internacional Vertixe Sonora  2023 presentamos un proxecto internacional de colaboración artística xunto ao ensemble Cronopio e a Escola Superior de Música e Danza de Monterrey. A modo de epílogo dos festexos con motivo do Día das Letras Galegas 2022, adicado a Florencio Delgado Gurriarán, velaquí unha iniciativa que reflexiona sobre as condicións de exilio na actualidade, e lembra a xenerosa acollida que o pobo mexicano, baixo o goberno de Lázaro Cárdenas, tivo cos republicanos exiliados da guerra civil española evacuados nos barcos da liberdade. Un fito extraordinario de humanismo e solidariedade nun dos peores momentos da historia de España.

Un agrupamento de 16 solistas conformado por instrumentistas dos ensembles participantes, estreará 6 novas obras de compositores, compositoras e artistas mexicanos na procura dunha confraternización e irmandamento hispanomexicano que rende memoria á evacuación e ao exilio republicano en México. Un proceso en aberto, para dar a coñecer o traballo de creación musical contemporánea, que terá continuidade en México nas cidades de Querétaro e Monterrey no mes de novembro.

Este proxecto desenvolveuse en colaboración co Programa de Estudos Propios en Museoloxía Crítica, Prácticas Artísticas de Investigación e Estudos Culturais do Museo Reina Sofía Tecidos Conxuntivos, dentro do seminario Formas de cultura coordinado por Pablo Jarauta que investiga prácticas, procesos, produtos e linguaxes na construción colectiva dun coñecemento formalizable desde a filosofía do deseño e con metodoloxías PCC (Pensa+Constrúe+Comunica), establecendo nexos entre “exilio” e “cartografía”, un dos conceptos nodais do seminario.

Florencio Delgado Gurriarán. O pasado ano, a Real Academia Galega adicou o Día das Letras Galegas ao poeta Florencio Delgado Gurriarán; e na súa persona celebrou o extraordinario legado dos artistas galegos que trataron de “espantar a escuridade cultural” do franquismo na diáspora mexicana. Este festexo destacou o papel de México como país de acollida dos exiliados republicanos galegos tras o fin da guerra civil.

Un pouco de historia. 1939, o Goberno Mexicano coa colaboración do Goberno da República Española no Exilio, e o Servizo de Evacuación de Refuxiados (SERE), fretou tres barcos para transportar a México a familias rescatadas dos campos de concentración franceses (como Argelès-Sur-Mer) fuxindo da Guerra Civil. Xa con anterioridade, o 27 de maio de 1937, foran asilados os Nenos de Morelia: 456 menores, fillos de republicanos españois, embarcados no vapor de bandeira francesa Mexique, en Burdeos, rumbo a México.

Barcos da liberdade. O presidente Lázaro Cárdenas e o seu equipo diplomático –Narciso Bassolse, Luis Ignacio Rodríguez, Gilberto Bosques– abriron as portas do país a republicanos españois sen condicións. En total foron sete barcos en sucesivas vagas –Flandre, Sinaia, Ipanema, Mexique, Nyassa, Serpa Pinto II, Quança– que evacuaron a un total aproximado de 40.000 refuxiados. A derradeira esperanza para decenas de miles de exiliados españois e de resistentes antifascistas de todo o mundo abandonados en Francia á súa sorte.

A élite cultural galega no Ipanema. Xunto a Florencio Delgado Gurriarán viaxaron no Ipanema –segundo barco que promovía o Goberno de México, un cargueiro maltreito con tripulación de orixe indochina– músicos, poetas, cineastas, ensaístas…, unha nutrida representación da élite intelectual galeguista e republicana. O violinista Xesús Dopico. O compositor e musicólogo Xesús Bal y Gay. O poeta Alejandro Finisterre. O cineasta Carlos Velo. Os irmáns Bilbatúa tamén cineastas. O escritor Lorenzo Varela. O editor Alexandre Finisterre. O profesor Luís Soto. O arquitecto Xosé Caridad Mateo. O escultor Uxío Souto. Os políticos Luis Soto e Bibiano Osorio Tafall. O pintor Arturo Souto. O tamén pintor Alejandro Otero. O historiador Ramón Iglesias Puga. O memorialista Elixio Rodríguez. Activistas e intelectuais como Ramiro Isla Couto, Xermán Rañó, Carlos Tomé. O xornalista Luis Soto. O tamén xornalista Manuel Porteiro. O mestre Marcial Fernández… Tamén estaban alí o médico Francisco Comesaña e maila súa muller Ascensión Concheiro, que inspiraron O lápiz do carpinteiro de Manuel Rivas. Todos compartiron unha viaxe chea de estreiteces que acadou as costas de Veracruz o 7 de xullo de 1939.

O proxecto. A modo de réplica daquela dificultosa travesía e en rendido agradecemento ao xeneroso acollemento do pobo mexicano durante a guerra civil, o Vertixe Sonora, xunto ao ensemble Cronopio e a Escola Superior de Música e Danza de Monterrey idearon revivir musicalmente aqueles acontecementos extraordinarios. 6 compositores, compositoras e artistas mexicanos foron convidados a desenvolver novas creacións para un agrupamento conformado por 16 músicos dos diferentes ensembles. Unha iniciativa internacional de colaboración artística interdisciplinar coa que tamén reflexionar sobre as condicións de exilio na actualidade.

O exilio no pasado e na actualidade. Personaxes de ficción (Adán e Eva, Ulises, Edipo, Antígona…), autores (Ovidio, Plutarco, Dante…)…, o exilio e o desterro aparecen profusamente representados na historia da literatura e do pensamento. Castigo ou salvación, conquista dun espazo solitario de distanciamento (Joyce, Beckett, Pound, D.H. Lawrence, Arendt, Linhartova, Zweig…) ou perda irredutível e traumática (Conrad, Canetti, Adorno…).

Segundo George Steiner “parece apropiado que [no século XX] aqueles que crean arte nunha civilización de cáseque barbarie, que produciu tanta xente sen lar, sexan, eles mesmos, poetas sen casa e errantes entre linguas. Excéntricos, arredios, nostálxicos, deliberadamente inoportunos…”. Para Edward W. Said o exilio perfila unha mirada orixinal, excéntrica, de fronteira, tecendo unha conciencia contrapuntística que permite recoñecer a multiplicidade de representacións da realidade. En Agamben o exiliado é a testemuña e o exilio funda unha nova orde alternativa e verdadeiramente universal que, cuestionando a figura do Estado, baséase na mestizaxe, na non pertenza…

Os  emigrados, os exiliados, os refuxiados, conforman unha nova mirada, unha perspectiva orixinal nun mundo de economía globalizada e graves tensións xeopolíticas. Segundo Acnur, ata finais de 2022, 108,4 millóns de persoas foron desprazadas pola forza no mundo debido a conflitos, persecucións, violencia, violacións dos dereitos humanos ou outros feitos. Exilios cada vez máis frecuente e de maior magnitude. Exilios acompañados de dolorosas circunstancias, sobre todo en países non industrializados.

Ao longo do proxecto, trataremos esta problemática con creadores actuais exiliados. Neste primeiro encontro na obra do compositor de orixe iraniano e residente en París, Sina Fallahzadeh (Teherán 1981), un creador cuxa escritura, decididamente contemporánea, recolle elementos extraídos do seu rico patrimonio cultural, pero tamén doutros períodos históricos e, moitas veces, de tradicións afastadas, establecento a través da música unha relación única entre coñecemento e cultura. Completará esta sesión o filósofo Pablo Jarauta (Murcia 1978), coordinador do Grupo de investigación Formas de Cultura. Orientación: ollando cara ningures do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía 2023, que estenderase sobre conceptos relacionados con mobilidades, migracións e orientacións no complexo mundo que habitamos.

MÚSICOS E ENSEMBLES PARTICIPANTES

ENSEMBLE CRONOPIO Juan José Barcenas director | Karla Sashenka Vasconcelos frauta | Karel Gómez óboe | Cuauhtémoc Rivera violín | José Alejandro Díaz guitarra eléctrica | José Antonio Alejandro Huerta percusión

ESCUELA SUPERIOR DE MÚSICA E DANZA DE MONTERREY Ana Karen Rodríguez violonchelo | Eusebio Alejandro Sánchez percusión | Alejandro Javier Padilla, José Miguel Vélez compositores

VERTIXE SONORA Pablo Coello saxofón | Helena Sousa acordeón | Nuno Pinto guitarra clásica, guitarra eléctrica | Luís Martínez/ David Durán piano | Diego Ventoso percusión | Iván Ferrer-Orozco medios electrónicos


CARDINAIS. ACADEMIA INTERNACIONAL VERTIXE SONORA 2023

Xoves 17, venres 18 e sábado 19 de Agosto, 10-14h/ 16-20h | Conservatorio Profesional, Santiago de Compostela
IPANEMA – Ensaios abertos 
Coa presenza dos compositores Alejandro J. Padilla Cartografía de de Viaxe para Músicos Errantes  (2023), Miguel Vélez Miro a Terra – apuntes de orientación (2023), Linda Aguirre (Lay Mibros) Xogo de luces – Entre a inmutabilidade e a movilidade (2023), Erika Vega MEXICO 68 (2023), Germán López Vargas Unha loita entre o día e a noite (2023) e Juan José Bárcenas Luvina (2023).

Domingo 20 de Agosto, 17h | Conservatorio Profesional, Santiago de Compostela
A ESCRITA EXILADA. Conversa con Sina Fallahzadeh

Domingo 20 de Agosto, 18h | Conservatorio Profesional, Santiago de Compostela
IPANEMA – Presentación do proxecto
Con obras para diferentes agrupamentos de Alejandro J. Padilla Cartografía de de Viaxe para Músicos Errantes  (2023), Miguel Vélez Miro a Terra – apuntes de orientación (2023), Linda Aguirre (Lay Mibros) Xogo de luces – Entre a inmutabilidade e a movilidade (2023), Erika Vega MEXICO 68 (2023), Germán López Vargas Unha loita entre o día e a noite (2023) e Juan José Bárcenas Luvina (2023).

Mércores 15 de Novembro, 20h | Sala Chopin, Monterrey (México)
Festival Internacional de Percusiones 2023, La Superior
IPANEMA

Domingo 19 de Novembro, 20h | Querétaro, México
Festival Internacional de Música Nueva Interciclos 2023
IPANEMA