Outros concertos e actividades 2019
Concerto

GRYLLIDAE

Buzz

Xoves 2 Maio / 20:30H
Casa do Saber
Lugo

Os 11º Sons Creativos levan á vida cultural de Lugo o mundo da música electroacústica e da arte sonora. Baixo a dirección de Inmaculada Cárdenas, e a codirección do artista sonoro e compositor Xoán-Xil López,​  Sons Creativos proxéctanse co obxectivo de impulsar o diálogo entre propostas da escena local e internacional e a colaboración con outras institucións (universidades, fundacións, etc.) que dedican un importante esforzo ao apoio da creación sonora contemporánea.

Entre o 2 e o 5 de maio visitarán Lugo, Atilio Doreste, David Stevens, Simon Desorgher, Susan Drone, Inmaculada Cárdenas, Efraim Díaz e Mónica Álvarez. Tamén Vertixe Sonora, que presentará na xornada inaugural Gryllidae, un proxecto en diálogo coa instalación, coa performance e coa música contemporánea desenvolvido a través do IGAS por Buzz formado polo músico e lutier electrónico Mateo Mena (Santiago de Compostela, 1983) e o compositor Ramón Souto (Vigo, 1976).

 

SONS CREATIVOS xornada inaugural

Programa:

VARIOS AUTORES (Universidade Politécnica de Valencia) Obras de arte sonora para varios formatos

INMACULADA CÁRDENAS Dous cadros para Iguazu (estrea) para piano e cinta

BUZZ Gryllidae para dispositivos electrónicos

 

UNIVERSIDADE POLITECNICA DE VALENCIA Obras de arte sonora

A proposta xorde dunha revisión do artigo “Interviú a D. Micrófono” (Revista Ondas, 28 de marzo de 1931) de César González-Ruano, onde este autor fai unha acción sobre un micrófono humanizándoo con capa e chapeu, para entrevístalo. Entre as súas respostas D. Micrófono contesta: “Cando quero tamén invento o meu”. A partir diso, suscitouse un exercicio de personalizar micrófonos con piezos e cápsulas electret construídos polos autores, coa intención de que conciban o micrófono non só como instrumento ou medio técnico de gravar sons, senón tamén polo seu carácter creativo e conceptual do mesmo dispositivo.

Pedíuselles que graven, documenten en vídeo, fotografen ou realicen unha performance sonora a partir dos resultados producidos. Este vídeo recompilatorio corresponde a unha selección dalgúns dos resultados, que foron realizados por estudantes que acceden ao campo sonoro por primeira vez e que cursan a materia de grao “Arte Sonora” (curso 2018-2019) pertencente ao Dpto. de Escultura da Facultade de Belas Artes de Valencia.

Esta materia é impartida polos profesores Stefano Scarani e Miguel Molina-Alarcón da Universitat Politècnica de València. Os resultados obtidos formaron parte dunha actividade do Proxecto de Investigación Proxecto I D ref. HAR2014-58869-P, concedido polo Ministerio de Economía e Competitividade.

Autores: Nerea Díaz, Edoardo Ettorre, Laura Fernanda Florez, Núria Gonzáles Soria, Run Xin Zhou, Anna Maria Lombrado, Laura Gaitán Cánovas, Guillermo Cabo Mur, Javier García Pérez, Juan Domingo Linares, Maria Ciocnadi, Belén Costa, Cristina Martínez Hortelano, Paula Medina, Aina Ballesteros, Ludovica Bellisario, Luzia Rua, Gabriela del Valle, Lorena Cabo Moya, Clara Ramada, Ruben Rodriguez Sanjuan, Antonio Santoyo e Marta Gonzáles Rivero.

INMACULADA CÁRDENAS Dous cadros para Iguazu (estrea)

Peza para piano en dúas partes. Nela Inmaculada continúa coa técnica de “debuxar” ao piano. O primeiro dos cadros trata de representar a auga e o segundo o tren. Cada unha das pezas, cunha duración aproximada de seis minutos, está acompañada por unha gravación de campo que fai referencia a estes temas.

BUZZ Gryllidae

En setembro de 2017, unha morea de diplomáticos da embaixada estadounidense na Habana informaron de síntomas como mareos, vertixe, confusión mental, sordera parcial e lagoas no vocabulario básico, supostamente causadas pola exposición a sons persistentes de orixe descoñecida. Investigacións posteriores confirmaron que os rexistros coincidían nitidamente co canto dos Anurogryllus celerinictus macho fregando lubricamente as súas escleróticas ás durante o cortexo.

Baixo o alcume de Buzz e con transductores electroacústicos modificados, Mateo Mena e Ramón Souto reproducen as músicas de estrutura regular e notable complexidade destes ortópteros descritos por primeira vez no ano 1973 por Thomas J. Walker: duración, repetición, intensidade, estabilidade e oscilación; unha paisaxe sonora electrónica a partires da acumulación de 16 módulos de insectos elaborados artesanalmente.

En diálogo coa instalación, coa performance e coa música contemporánea propoñen unha exploración extensiva dunha gama moi reducida de elementos sonoros que conxugan dende unha concepción arquitectónica dos procesos temporais.

Unha produción de Vertixe Sonora e o Campus Crea s2i a través do IGAS —Instituto Galego de Sonoloxía da UVigo– coa colaboración do biólogo José María Sánchez Fernández, do enxeñeiro Xosé Manuel Lemos, do Obradoiro Artesán en Madeira de Severino García Seijo e de Blanca Viñas.

Buzz: Mateo Mena, Ramón Souto