Do Audible é un ciclo de concertos na procura dos puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento contemporáneos xerando dinámicas que faciliten o contacto coa creación musical de actualidade. Pretende construír unha experiencia para o público, afastada de calquera rito ornamental ou reverencial. Do Audible coloca a escoita como acontecemento capital do entendemento humano.

Cada un dos catro concertos organízase en torno a un foco de atención: a palabra, a visualidade, a natureza e o espazo. Cada un deles contará coa complicidade de figuras do noso ecosistema cultural, que contribuirán con perspectivas de interpretación do feito musical que sexan enriquecedoras para os ouvintes.

Do Audible descobre a paisaxe sonora da literatura musical dos últimos decenios, rastrexa as interaccións ocultas entre diferentes disciplinas ao longo da historia e explica as claves da creación musical de todos os temos. Do Audible conquista unha percepción musical consciente actualizando as rutinas de escoita. Do Audible espolea a nosa imaxinació, esperta a sensibilidade de públicos novos, procura acadar na comunicación de emoción e intelixencia unha experiencia artística trascendente.

Do Audible é unha idea de Vertixe Sonora Ensemble, un dos colectivos máis destacados na súa aposta pola nova música contemporánea dentro da península. Así mesmo pola necesidade de divulgala e facela chegar a unha audiencia máis ampla. Desde hai dous anos Vertixe Sonora leva a cabo dentro do país un traballo en dobre dirección: por unha banda, ofrece aos compositores de nova fornada unha plataforma para desenvolver os seus proxectos e, por outra, está a crear e fidelizar novas audiencias para a música contemporánea. En Vertixe Sonora, que é ensemble residente no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago de Compostela, conflúen artistas sonoros e plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xentes do teatro e da danza.

Ademais da participación en cada concerto dunha personalidade convidada en relación co programa proposto, o ciclo contará cos explicacións do musicólogo Emilio Lede (Barro, Pontevedra, 1974), profesor de Historia da Música e Análise no Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra.

 

I Do Audible 2013
Un ciclo de concertos que traza puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento contemporáneos.
Organizan: Vertixe Sonora Ensemble e Xunta de Galicia

Palabras, palabras, palabras…

Domingo 2 xuño, 12h. Museo de Belas Artes (A Coruña)
Coa participación do musicólogo Emilio Lede e a poeta e cantante Maite Dono Compositores: Peter Ablinger, Arturo Fuentes, Fran MM Cabeza de Vaca Interpreta: Vertixe Sonora Ensemble

Visións sonoras

Mércores 19 xuño, 20h. Liceo de Ourense
Coa participación do musicólogo Emilio Lede e o neurocientífico José Antonio Lamas
Compositores: Pierre Jodlowsky, Pedro García Velasquez

Interpreta: Vertixe Sonora Ensemble

O son natural

Mércores 6 novembro, 20h. Facultade de Belas Artes (Pontevedra)
Coa participación do musicólogo Emilio Lede e o artista Fernando Casás Compositores: Esaias Järnegard, Alexander Khubeev, Jacobo Gaspar, José María Sánchez Verdú
Interpreta: Vertixe Sonora Ensemble

Ouvir o espazo

Mércores 13 novembro, 20 h, Casa do Saber (Lugo)
Coa participación do musicólogo Emilio Lede e do arquitecto Alfredo Sirvent Compositores: Manuel Rodríguez Valenzuela, Ianni Xenakis, Ramón Souto Interpreta: Vertixe Sonora Ensemble

Máis info en: vertixesonora.net, cultura.xunta.es Contacto:

Todos os concertos teñen entrada libre até completar aforo