Outros 2021
Monumenta '21

Pó de estrelas

Buzz

12/8/2021 - 13/8/2021
O Castro
O Saviñao, Lugo

As Perseidas ou bágoas de San Lorenzo son grans de pó que desprende o cometa 109P/Swift-Tuttle ao seu paso preto da órbita terrestre nos arredores do 12 de agosto, no trazado dunha ampla traxectoria que tarda en percorrer 133 anos. Do tamaño de grans de area, estes detritos do Swift-Tuttle (descoberto por Lewis Swift e Horace Parnell Tuttle de forma independente en xullo de 1862), están compostos de pó e xeo (auga, monóxido e dióxido de carbono) e entran na atmosfera a velocidades extremadamente altas (de 10 a 50 km/s). A fricción do gas da atmosfera quéntaos, desintégraos e fainos brilar preto da liña de Karmán, no límite entre a atmosfera e o espazo exterior, a unha altitude de entre 80 e 100 km. As estelas, aínda que parecen moi pequenas, poden acadar grandes lonxitudes. 

O pó de estrelas (materia estelar de poucos micrómetros) non emite radiación ningunha como si faría unha estrela. Nembargantes como materia cósmica que é, interacciona coa radiación electromagnética dando lugar a moitísimos fenómenos distintos derivados da absorción e remisión desta radiación polos átomos que o compoñen. 

Precisamente inspirados nos procesos de difracción, reflexión e refracción dos raios electromagnéticos en relación co pó de estrelas presentamos unha iniciativa de música electrónica deseñada por Buzz para a noite do 12 de agosto que se estreará en exclusiva mundial no Cabo do Mundo da Ribeira Sacra, en O Castro (O Saviñao, Lugo) no marco do Monumenta ’21. Unha proposta sonora que modifica en tempo real a radiación electromagnética e as emisións de radiofrecuencia que existen naturalmente na ionosfera e transforma os rangos inaudibles de frecuencia da electricidade atmosférica e dos raios de luz de diversas fontes: vento solar, meteoros, estrelas…

A sesión complétase coa participación de Iago Bischoff, apaixonado estudioso da astronomía que desentrañará o mapa estelar visible do cosmos.

Colaboradores: Luís Javier Fitera, Severino García Seijo, Blanca Viñas.
Asesoramento científico-técnico: Belén Montenegro, Álvaro Gallego.
Agradecementos: Ignacio Barcia.