Coa serie de cursos titulados ‘AGUZAR O OÍDO’, o MARCO inicia unha labor de divulgación da arte do noso tempo ofrecendo un novo espazo de achegamento á música contemporánea e ao resto de experiencias estéticas nas que o son é o centro de investigación artística. Sesións que percorren diferentes aspectos da arte musical en relatorios minuciosos, cunha linguaxe accesible, amena e didáctica que pretende suscitar debate entre os asistentes, espertar complicidades, habilitar espazos recónditos de emoción e escapar do academicismo abrindo novas vías de disfrute e proximidade á escoita. Organizado conxuntamente con Vertixe Sonora Ensemble, e coa participación de Emilio Lede como relator principal, conta coa colaboración de diversos especialistas na materia de ámbito estatal (xornalistas, musicólogos, investigadores, artistas sonoros, compositores, músicos) que complementan unha proposta que ten a vontade de abarcar a diversidade da paisaxe musical actual.

AGUZAR O OÍDO’ completarase con puntuais intervencións musicais a cargo dos solistas de Vertixe Sonora, que permiten vivenciar experiencias de concertos de pequeno formato.