The Box (Migración VI)
En The Box, Vertixe Sonora imaxina unha sala de concertos como unha habitación do pánico na que se encerran cinco compositores e sete músicos de diferentes nacionalidades e sensibilidades para construír e imaxinar un futuro.
É posible o acordo e a colaboración entre civilizacións para salvar á humanidade do desastre?, que lugar ocupa a arte como elemento inspirador para afrontar os profundos cambios aos que se enfronta a sociedade contemporánea? Nun momento de complexas transicións, The Box considera o prezo social a pagar pola fenomenal superposición de profundas transformacións en curso.
A crise climática (aumento progresivo das temperaturas, ondas de calor extrema, contaminación atmosférica, crise da auga) emerxe como o problema máis acuciante ao que se enfrontará a humanidade nos vindeiros anos. Despois dunha pandemia que paralizou ao planeta (e provocou máis de 6,3 millóns de mortos), a necesidade de cambiar o modelo económico, a competencia entre imperios, a violencia contra as mulleres, os conflitos bélicos, o racismo, a migración e a discriminación, a precariedade, o auxe da a extrema dereita e o populismo, o progreso tecnocientífico, o transhumanismo e a intelixencia artificial… a anguria négase a desaparecer como forma de vida dominante.
O hongkonés Ka-Shu Tam, actualmente radicado nos EEUU, posúe un mundo sonoro intimamente ligado a súa cidade. Ramon Souto, compositor galego e director artístico de Vertixe Sonora, explora a fisicalidade do son mediante xestos musicais extremos. O colombiano Camilo Méndez afincado en Kowloon modifica instrumentos musicais na procura de novos timbres acústicos. A xaponesa Yuko Ohara achégase na súa música a un mundo refinado na que conviven a natureza e os animais en perfecta harmonía. A compositora taiwanesa residente en París Lin-Ni Liao mestura diferentes tradicións musicais expresións da interculturalidade.
O público terá a oportunidade de dialogar e discutir cos músicos e compositores durante a charla previa ao concerto ás 19:00 horas
PROGRAMA
Ramón Souto (España) The Box* (2023) ensemble.
*Estrea mundial. Coa participación dos músicos do HONG KONG NEW MUSIC ENSEMBLE Leung Tak Wing fagot e Linus Fung clarinete
VERTIXE SONORA Keiko Murakami frauta | Pablo Coello saxofón | Roberto Alonso violín | David Durán piano | Diego Ventoso percusión
Co apoio de Hong Kong Arts Development Council**, HKBU, Academy of Music HKBU, Tom Lee Music
Coa colaboración do Hong Kong New Music Ensemble
**Hong Kong Arts Development Council fully supports freedom of artistic expression. The views and opinions expressed in this project do not represent the stand of the Council.