LATEXOS 21
Concerto

Memorias perdidas

Fernando Garnero, João Quinteiro, Pedro García Velasquez

domingo 21 marzo / 19:00H
Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes
Lugo

Antigas tradicións musicais mestúranse con arquivos sonoros –históricos, de  diversas comunidades, de músicas ou de interaccións persoais con diferentes individuos e situacións- enriquecendo e contextualizando a proposta sonora. Escalas ou instrumentos de diferentes etnias ou experiencias colectivas de orixe popular. A vivencia rítmica que provén da danza…

Memorias perdidas reflexiona sobre o illamento e a desconexión co pasado nas sociedades contemporáneas. A perda de identidade nun presente que nos arroia coa súa forza e unhas prácticas culturais que nos escinden da historia. Cando un presente infinito erosiona a experiencia do tránsito, e a viaxe e a transformación é sustituida pola sucesión de etapas que se cancelan, a memoria é o único arquivo sempre vivo dos nosos rastros que pode manter e renovar o seu significado para nós e para os demais.

Pero a memoria non só arquiva, lembra para anticipar e crear o futuro, vai e ven, relacionando as pegadas que nos permiten imaxinar. Un cerebro que fóra das nosas neuronas amplía a rede de relacións que establecemos en todos os campos de experiencia. Quen non lembre nada será escravo do presente e non poderá imaxinar ningún futuro.

Borrar lembranzas foi un soño totalitario recorrente. E agora moitas memorias están a ser eliminadas ou pasaron a ser subterráneas e subsisten na esfera privada de certas comunidades. Unha memoria que está a ser constantemente roubada elude partes da identidade que non son tidas en consideración, nin documentadas, nin escoitadas, nin conservadas polas esferas políticas nin académicas.  A memoria crea o futuro: transmisión, interrogación e transformación. Namentras o presente en suspensión do capitalismo global imposibilita a perda de tempo.

Fernando Garnero (Argentina, 1976) Contracolpo (2020) saxofón, percusión e dispositivo electroacústico
João Quinteiro (Portugal, 1984) Canção I – “I Ascolta” (2020) saxofón e percusión
Pedro García Velásquez (Colombia, 1984) Memorias roubadas* (2021) ensemble, sets robóticos e electrónica

*Estrea absoluta. Encomenda de Vertixe Sonora

VERTIXE SONORA Jorge López clarinete | Pablo Coello saxofón | Aglaya González viola | Guilherme Lapa baixo eléctrico | Diego Ventoso percusión | Iván Ferrer medios electrónicos

 

AS OBRAS

XESTO CONTRA PANTOMIMA: «Contracolpo» (2020)

Ne pense point,
ou pense seulement avec
le bout de tes doigts.

Gerran Fadonero, La dévise de mon blason

«A tradución de contracolpo do italiano ao español pode abarcar varias palabras, pero para a acepción referida as correctas son contragolpe ou contrataque. Tamén sería pertinente falar de retroceso ou rebote, sobre todo referindo as consecuencias psíquicas ou físicas dun evento traumático ou desgastante.

Permítome (acto heroico para un neurótico), transcribir a páxina do Diario que comecei á miña chegada a Roma en 2020 que se refire pola primeira vez a Contracolpo :

6 Setembro,
Avanzo moi rápido neste estraño dúo que naceu en principio como unha corrección da miña peza Tête-Carrousel de 2016/17.

Esta obra foi un fracaso (un fracaso frutífero ao final?), pero o proceso da súa realización fué sobre todo unha amarga experiencia con dúas persoas moi difíciles. Estou a crear unha nova obra desde cero. O único que queda de Tête-Carrousel é unha parte do dispositivo: o altofalante axustado á campá do saxofón. Investindo así a relación tradicional entre instrumento e computador, é o saxofón o que «trata» os poucos sons electrónicos usados (ruído branco e ruído rosa, unha voz sintética). Estou seguro de que non son o primeiro en facelo, pero non coñezo ningunha outra obra que crease un instrumento hibrido deste tipo. Coñecín unha posterior que o copiou, e isto hónrame, éncheme de alegría: antes era eu quen se inspiraba nos demáis.

Atopei o título no meu segundo día en Roma. Suponse que evoca as idas e vindas estereofónicas do principio, pero acabo de darme conta de que o meu inconsciente tiña algunhas contas pendentes tras a dolorosa experiencia: a obra chamarase Contracolpo (contragolpe ou rebote). O nome da peza é en si mesmo o desafogo e o chibo expiatorio.

A nosa necesidade de interpretación é imposible de satisfacer.»

 

Fernando Garnero, 2021

 

Canção I – “I Ascolta”
O desafío da escoita e a escoita como desafío son os elementos que compoñen a idea embrionaria de esta Canção. O campo sonoro, o campo da escoita, é eiquí explorado como plan de encontro-simultaneidade e contraponto-individualidade articulada, propondo explorar no silencio a posibilidade de contemplación-inquedanza auditiva revolucionaria. A obra foi escrita coma homenaxe a Luigi Nono e como manifestación de agradecemento a Nuria Schoenberg tras a miña estadía na Fondazione Archivio Luigi Nono en Venecia, lugar onde a maior xenerosidade se exerce sempre como integración dunha tradición de resistencia

João Quinteiro, 2020

 

Memorias Roubadas

Diferentes tradicións musicais coexisten e mestúranse en Colombia, o meu país de orixe. Moitas delas foron eliminadas, outras pasaron a ser subterráneas e a subsistir na esfera privada de certas comunidades.

Tanto na música como no resto de aspectos da sociedade, Colombia é un país onde a memoria énos constantemente roubada.

Cando un colombiano citadino como eu trata de comprender a súa identidade atópase co feito de que partes que son constitutivas da súa identidade, non son tidas en conta, nin documentadas, nin escoitadas, nin preservadas polas esferas políticas nin académicas.

Esta peza para ensamble, electrónica e sets robóticos é a primeira dun ciclo que traballa sobre o tema de «como nos rouban a memoria». Arquivos sonoros -de comunidades, históricos, de músicas ou de interaccións persoais con diferentes persoas e situacións en Colombia- enriquecerán e contextualizarán esta peza, serán parte integrante da electrónica musical. Escalas micro-tonais de músicas tradicionais do pacífico colombiano darán base á linguaxe armónica. A linguaxe rítmica inspirarase dos recordos de dita música así como da miña vivencia rítmica na danza.

En moitísimas partes do mundo, persoas con identidades mesturadas séntense incompletas polo roubo dunha parte das súas memorias. Eu quero facer pezas en resonancia con aquelas que me constitúen, principalmente a tradición afro-colombiana do pacífico colombiano.

Esta peza propón unha visión persoal, e aínda que denunciadora non panfletaria senón estética, de diferentes correntes que me constitúen.

Enfin, no contexto de automatización crecente, fagamos que brazos robóticos fagan música e fabriquen desde un punto de vista onírico as memorias que nos roubaron!

Pedro García Velasquez, 2021

 

 

Concerto desenvolvido en colaboración co Festival e Curs Internacional de Composició Barcelona Modern 7ª edición Francesco FILIDEI / Oscar BIANCHI

       

 

Proxecto beneficiario do programa O Teu Xacobeo

 

 

 

Actividade subvencionada polo Ministerio de Cultura e Deporte

Colaboradores