VIII MIHLSons-XXI 2020
MIHL
Lugo
2020
O diálogo como elemento consubstancial ó fenómeno musical ten tras de si un percorrido tan longo como a propia música, podendo ser analizado tanto polo seu papel no proceso creativo como polos materiais que fai interactuar. Inherente á creación nun plano profundo, esa relación dialóxica establécese entre o compositor e as súas influencias, froito da cal xorde a peza musical como artefacto semiótico complexo. Nun nivel intermedio, o compoñente dialéctico pode estar presente como parte da retórica narrativa da peza. Aquí a interlocución é levada a cabo polos propios motivos musicais, como sucede na maxistral polifonía contrapuntística de J.S. Bach. Por último, este aspecto pode ser considerado no plano externo da performance musical, sendo o papel do intérprete establecer conexións entre os distintos elementos das súas propostas. Neste caso, son as diferentes características estéticas das obras musicais ou a súa relación con outro tipo de manifestacións artísticas as que entran en xogo.
Partindo destas premisas, a idea transversal que unifica as actividades do VIII Ciclo de Música Contemporánea de Lugo “MIHLSons-XXI é a exploración do diálogo como elemento omnipresente no feito musical. Así, os concertos A Maxia dos Sons e Impulsos incidirán, dende un punto de vista holístico, nas relacións dialécticas que diferentes pezas musicais poden establecer entre si, partindo neste caso de criterios de procedencia xeográfica dos compositores. No primeriro deles, este diálogo será protagonizado por catro compositores americanos e dous españois, e, no segundo, por catro compositores asiáticos, un español e un portugués. Pola súa parte, o espectáculo Brumario porá en liza diferentes compoñentes escénicos como a danza, os instrumentos musicais, o feedback acústico e a escenografía, estando todo isto articulado pola música do compositor galego Ramón Souto. Por último, o concerto Conversando con J.S. Bach proporá un diálogo entre o xenio alemán e catro compositores contemporáneos no que intervirán o ensemble de clarinetes do Conservatorio profesional de Música Xoán Montes e o percusionista Pablo de Valle.
Diego Ventoso Fernández
Dirección artística e coordinación do Ciclo
RESERVA PREVIA DE ENTRADAS EN www.entradaslugo.es
Venres, 4 de decembro, 20:30 h. | Auditorio Municipal Gustavo Freire
BRUMARIO
Venres, 11 de decembro, 20:30 h. | MIHL
IMPULSOS
Domingo 13 de decembro ÁS 18:00 h. | MIHL
A MAXIA DOS SONS
Luns 21 de decembro, 20:30 h. | Auditorio Municipal Gustavo Freire
CONVERSANDO CON J.S. BACH
Domingo 13 de decembro, 17:00 h. | MIHL
A MAXIA DOS SONS