Vertixe 12
Vigo, Pontevedra, A Coruña
2024
Dous fogonazos, dous.
O primeiro: Nunha recente entrevista o sagaz sociólogo xudeo de orixe rusa Richard Sennet (1943), antigo chelista (abandonou por unha lesión), recomendaba un programa de hábitos: “Hai que recuperar a experiencia da vida pública, o encontro directo con persoas que non son coma nós”. E continuaba promovendo un encontro, pero non como unha nova forma de individualismo, nin coa vontade de dramatizar a propia identidade a costa das relacións cos demais. Tampouco como un xeito de facer desaparecer a realidade para que todo se reduza a nós mesmos e aos nosos sentimentos. Se non como o gran acontecemento do encontro co outro: Cultiva a empatía que che permita “ir a lugares e espazos como individuo presente, en contacto con outros que son diferentes a ti. Facer causa común con persoas de diferentes procedencias”
O segundo: o profesor da Universidade de Berkeley, Alva Noë (1964), filósofo da mente: “Ante as preguntas máis fundamentais, a ciencia guarda silencio” E continúa: “É a propia natureza dos problemas humanos a que require un tipo de investigación diferente, do tipo que proporcionan tanto a filosofía como a arte. E creo que a filosofía e a arte non só son esenciais para entendernos a nós mesmos, senón que o traballo da filosofía e da arte tamén nos cambia. Crecemos e evolucionamos a través da filosofía e da arte. Entón, a historia da humanidade, en certo modo, é a historia da arte e da filosofía”.
Atopar respostas. O encontro coa incerteza nun mundo cuxa complexidade é necesario habitar. Cecáis por eso facemos música.
Comezamos o vindeiro domingo 6 de outubro ás 18h no Auditorio Martín Códax en Vigo onde terá lugar a estrea mundial de A NOITE unha homenaxe a Franz Kafka (1883-1924) no centenario da súa morte. Unha proposta que entrelaza cinco paisaxes sonoras para cuarteto de percusión, electrónica e vídeo que habitan o espazo misterioso das cidades nocturnas. Cinco estreas mundiais de Tiago Morais (Braga, Portugal, 1988), Gabriel Bolaños (Bogotá, Colombia, 1984), Wingel Mendoza (Cidade de Mexico, 1982), Joan Gómez Alemany (Valencia, 1990) e Pablo Chin (Costa Rica).
A emancipación, atopar un aluguer ou, peor aínda, a compra, converteuse nun auténtico quebradizo de cabeza para millóns de persoas en España. Con custos en torno a 600€ por habitación nas principais cidades españolas, o acceso á vivenda voltouse imposible para mozos e mozas. Helena Cánovas (Barcelona, 1994), Juan Jurado (Barcelona, 1991) e Simone Cardini (Roma, 1993) propoñén unha reflexión a propósito do único lugar no que nos sentimos protexidos e coidados, acompañados dos nosos seres queridos. Será a seguinte finde –o domingo 13– tamén ás 18h no Martín Códax en FOGAR.
O xoves 17 de outubro, ás 20h no Martín Códax, ECOS DO POSMODERNISMO, un espectáculo de danza no que participan alumnos e alumnas da Escola de Danza Susana Castro e dos Conservatorios Superior e Profesional de Vigo coordinados por Diego Ventoso e Susana Castro. Ampla variedad estilística (vangarda, neorromanticismo, minimalismo e poliestilización) con música do último terzo do século pasado.
E continuamos con proxectos didácticos porque o xoves 24 de outubro ás 18h trasladámonos a Pontevedra para presentar en Galería Tangram, SYDERIX, un concerto de novos talentos coordinado por Pablo Coello con obras de Simon Steen-Andersen (Odder, Dinamarca, 1976), David Hernández (Cidade de México, 1975), Sofia Gubaidulina (Chístopol, Rusia, 1931), Simone Movio (Latisana, Italia, 1978) e a colaboración dos Conservatorio Superior de Música de A Coruña e a Facultade de Música Universidade de Guanajuato en México.
De volta en Vigo, o venres 25 na Fundación Laxeiro inauguramos a mostra comisariada por Ignacio Barcia, OLLO Á ORELLA (aberta ata o venres 17 de xaneiro). Organizada pola Fundación Laxeiro e a Facultade de Belas Artes de Pontevedra da Universidade de Vigo presenta artistas vencellados dalgún xeito á Facultade de Belas Artes de Pontevedra, nos que o son é determinante no seu traballo, ainda que este non sexa de fácil adscripción. Traballos de: Berio Molina, Ulobit (Xoan Xil, Horacio González e Ariel Ninas), Alejandra Pombo Su, Macarena Montesinos, Ana Gesto, Anxo Rodríguez, Acacia Ojea, Elena Matamoro.
Con NOA NOA voltamos á Galería Tangram. Porque o sábado 26 ás 18h da comezo, con Zahir Ensemble un tríptico de tres concertos –as seguintes citas serán o 1 e o 14 de novembro – de obras para instrumento só (frauta, oboe e violonchelo en cada caso) e electrónica. Unha oportunidade de atender a evolución dun xénero fundamental da música do noso tempo. O sábado 26, precisamente poderán escoitar obras mestras para frauta e electrónica en vivo de finais de século pasado acompañando a estrea de Alberto Carretero (Sevilla, 1985) Ditirambo (2024) especialmente concebida para este programa. Noa Noa (“perfumado” en tahitiano) é a serie de dez xilografías que Paul Gauguin pintara en París en 1893 tralo seu regreso de Tahití. E tamén é o fermoso título da obra de Kaija Sahariao (1952-2023) con material do seu ballet Maa, escrita en 1992. Completa o programa Xúpiter (1987) de Philippe Manoury (1952), unha un auténtico fito tecnolóxico no seu tempo.
E ao día seguinte, o domingo 27 ás 18h un auténtico bombazo. DESPRAZAMENTOS DA CODIA no Martín Codax de Vigo. Un programa de altura, que inclúe seis estreas mundiais. Da artista multidisciplinar coreana Jiwon Seo (1981), do chileno Rubén Soto Kemp (Santiago de Chile, 1976), dos colombiano Camilo Méndez (1981) e Leonardo Idrobo (Santiago de Cali, 1977), do mallorquín Mateu Malondra (Palma de Mallorca, 1977) e do danés Christian Winther Christensen (Zealand, 1977). Un auténtico corremento de terras. Obras para ensemble con Francesc Prat na dirección e a soprano danesa Clara Stengaard Hansen coma solista.
O xoves 31 ás 20h no MARCO en Vigo o dúo chileno Movimiento paralelo formado por Karina Fischer e Paola Muñoz presentarán dúos de frautas traveseiras e frautas doces combinadas con electrónica. En PARALELO 9 poderán escoitar música de Hilda Paredes (Tehuacán, México, 1957), Jorge Pepi Alos (Córdoba, Argentina, 1962), Gabriele Manca (Sassari, Italia, 1957) e Nicolás Kliwadenko (Santiago de Chile, 1986).
E ao día seguinte, o venres 1 de novembro, tamén no MARCO ás 20h visítanos o Colectivo E7.2 de Pamplona para lembrarnos con UN SOÑO a Luther King e o Movemento Pro Dereitos Civís (agora que o racismo e a xenofobia asolan Europa). Son obras para oboe e electrónica de Mateu Malondra (Palma de Mallorca, 1977), Juan Medina, Nicolás Verin, Mikel Chamizo e Manuel Martínez Burgos escritas especialmente para a oboista Pilar Fontalba. (E a segunda parte do díptico antes mencionado.)
En FÓRA DE CONTROL, o domingo 3 ás 18h no Auditorio Martín Códax de Vigo Movimiento Paralelo e Vertixe Sonora aúnan esforzos para presentar sete estreas mundiais. Unha delas é a do compositor residente na cidade Eduardo Soutullo (Vigo, 1968), recente Premio Nacional de Música na categoría de Composición presentará a súa derradeira obra para cuarteto de percusións Boules au Bois de Boulogne (2024). Completan o programa Pablo Vergara (Santiago de Chile, 1976), Barblina Mehierhans (Zurich, 1981), Daphné Hejebri (Estrasburgo, 1994), Cristobal Morales-Ossio (Santiago de Chile, 1967), Natalia Solomonoff (Rosario, Arxentina, 1968) e Mateu Malondra (Palma de Maiorca, 1977).
O xoves 14 ás 20h en Sirvent, Vigo, o violoncelista Thomas Piel presenta SIMBIOSE unha serie de obras especialmente escritas para el que procuran a fusión completa home-máquina nun ambiente complexo caracterizado por relacións interconectadas e dependencias mutuas. Son estrellas mundiais da mexicana Itzá García (Monterrey, México, 1993), do alemán Konstantin Heuer (Lepizig, 1989), do chileno Pablo Galaz (Santiago de Chile, 1993), e do arxentino Fernando Curiel (Buenos Aires 1967).
Para pechar esta edición trasladámonos ao Museo de Belas Artes de A Coruña. Alí, o Plural Ensemble presentará o 17 de novembro ás 12:30h, ACENTOS, unha festa da inmigración e a multiculturalidade. Convocando os acentos e as inflexións da fala do español en Madrid, a grande capital do sur global europeo, e os seus barrios, a través das encomendas ao canario José Luis Perdigón (Santa Cruz de la Palma, 1990) e a madrileña Mercedes Zavala (Madrid, 1963); do gaditano Aitor Vázquez Torres (Jerez de la Frontera, Cádiz, 1993) e de Andrés Poncela (Madrid, 1996), gañadores da convocatoria para mozos compositores 2024; e do cubano Guido López Gavilán (Matanzas, Cuba, 1944). Ademáis dunha lembranza ao gran compositor valenciano Joaquín Rodrigo (Sagunto, Valencia, 1901 – Madrid, 1999)con motivo do 25 aniversario da súa morte.
Entradas de balde ata completar aforamento
domingo 6.10, 18h | Auditorio Martín Códax, Vigo
A NOITE
domingo 13.10, 18h | Auditorio Martín Codax, Vigo
FOGAR
sábado 26.10, 18h | Galería Tangram, Pontevedra
NOA NOA
domingo 27.10, 18h | Auditorio Martín Codax, Vigo
DESPRAZAMENTOS DA CODIA
xoves 31.10, 20h | MARCO, Vigo
PARALELO 9
venres 1.11, 20h | MARCO, Vigo
UN SOÑO
domingo 3.11, 18h | Auditorio Martín Códax, Vigo
FÓRA DE CONTROL
xoves 14.11, 20h | SVT Espacio de Arte, Vigo
SIMBIOSE
domingo 17.11, 12:30h | Museo de Belas Artes, A Coruña
ACENTOS
Entradas de balde ata completar aforamento
RESIDENCIAS ARTÍSTICAS
Varias datas | varios espazos
ENCONTROS, CHARLAS, CONFERENCIAS, MASTERCLASS
Colabora: Conservatorio Superior de Música de Vigo
Varias datas | Auditorio Martín Códax
ENSAIOS ABERTOS
MOSTRA
Venres 25 Outubro a venres 17 de xaneiro, 20h | Fundación Laxeiro
OLLO Á ORELLA. Comisariada por Ignacio Barcia
CONCERTOS DE ALUMNOS E ALUMNAS
xoves 17.10, 20h | Auditorio Martín Códax, Vigo
ECOS DO POSMODERNISMO
xoves 24.10, 18h | Galería Tangram, Pontevedra
SYDERIX