vertixe 9
Concerto

Tres Voces

UMS 'n JIP

Sábado 16 Outubro / 17:00H

Escoitaremos hoxe “Tres Voces” (1982) de Morton Feldman na versión de UMS ‘n JIP para voz masculina, frauta de pico baixo e soporte fixo. Un canto á amizade de dous amigos desaparecidos: o pintor Phil Guston (Montreal, 1913 – Nova Iorque 1980) e o poeta Frank O’Hara (Baltimore, 1926 – Long Island, 1966). Explica el mesmo: “Un dos meus amigos máis próximos, o pintor Philip Guston, acababa de morrer; Frank O’Hara morrera varios anos antes. Concebín a peza con Joan diante e os dous altofalantes detrás dela. Hai algo de lápida no aspecto dos altofalantes. Pensei na peza como un intercambio da voz en directo cos mortos: unha mestura de vivos e mortos”. Se orixinalmente “Tres Voces” fóra concibido para soprano e cinta magnética ou tres sopranos en vivo, na versión de UMS ‘n JIP a voz en vivo conversa co son da frauta baixo en directo e a voz gravada.

Cecáis sexa Morton Feldman (Manhattan, Nova Iorque, 1926 – Buffalo, Nova Iorque, 1987) o compositor máis axeitado para describir este periodo de suspensión temporal que acabamos de vivir durante o confinamento. E probablemente estamos agora en disposición de escoitar as súas paisaxes de sons flotando no baleiro dun xeito diferente. Sons entre o tempo e o espazo, entre a pintura e a música, despoxados dos xestos instrumentais convencionais, dos xiros adquiridos na cultura occidental, nunha dimensión global que sostén os elementos en equilibrio, mantendo esta tensión, ou este estado, á vez conxeado e en vibración.

MORTON FELDMAND (1926-1987) Tres Voces (1982)

UMS ‘n JIP Javier Hagen voz e electrónica | Ulrike Mayer-Spohn frauta de pico baixo e electrónica