Material-rizoma
Paco Yáñez
Relator, Paco Yáñez.
Nesta conferencia analizaremos o percorrido persoal e artístico do compositor galego Enrique X. Macías (Vigo, 1958-1995) relacionando a súa obra cos procesos creativos daqueles autores que influíron no seu desenvolvemento estético. Asemade, botaremos unha ollada ao contexto artístico galego nos anos oitenta e noventa do pasado século, pescudando a relación establecida entre Macías e a súa contorna cultural; nomeadamente, a da cidade de Vigo. Nesta relación destacaremos os vencellos existentes entre as artes plásticas a e creación do compositor vigués: pintor, el mesmo, nos seus derradeiros anos de vida. O diálogo entre a pintura e a música na creación do propio Macías serviranos para profundar nas técnicas que ámbalas dúas artes comparten no universo estético do compositor vigués, centrándonos no ciclo pictórico de 27 monotipos Exequias (1993-95) e no tríptico musical que conforman as partituras Sonata para piano (1986-89), Nobilissima Visione II / Postludios (1989-91), e Cadencias e Interludios / Percurso I (1989-92) para coñecer como a obra de Macías procede a préstamos internos e a un proceso de depuración dos materiais ao xeito dun verdadeiro rizoma artístico.
A conferencia será presentada co apoio de materiais multimedia como fotografías, fragmentos musicais, exemplos de partituras e entrevistas en formato audiovisual realizadas no verán do 2018 a familiares, músicos e artistas da contorna de Macías: parte do documental Enrique X. Macías. A lira do deserto (2020), dirixido polo realizador Manuel del Río, cuxa estrea se desenvolverá, asemade, nas mesmas xornadas dedicadas a Macías nas que se pronunciará esta mesma conferencia en novembro de 2020 en Vigo.
Paco Yáñez
Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2020
Paco Yáñez (Santiago de Compostela, 1974) desenvolve a súa actividade creativa na intersección de diversas linguaxes artísticas; nomeadamente, a fotografía, a música, o cinematógrafo e a literatura. Tal é o camiño percorrido polas súas novelas …distancias… (Baía Edicións, 2008) e contra(de)cadencia (Laiovento, 2014), así como polos seus ensaios, entrevistas e críticas musicais, publicadas en oito idiomas en medios especializados de Europa e América, destacando a súa colaboración co diario internacional Mundoclasico.
Pronunciou conferencias en conservatorios e espazos culturais como a Universidade de Santiago de Compostela, o Auditorio de Galicia, o MARCO de Vigo, ou o Centro Galego de Arte Contemporánea. As súas fotografías foron exhibidas e publicadas en exposicións, catálogos e revistas de arte e música, tanto en España como no estranxeiro. Compositores europeos e americanos crearon obras musicais inspiradas nas súas fotografías e textos poéticos, diálogos interdisciplinarios que artellan toda a súa creación.