Kurutta Ichipeiji
Kinugasa Teinosuke Kurutta Ichipeiji [Unha páxina de loucura] (1926) película e electrónica en vivo
Iván Ferrer-Orozco medios electrónicos
Kurutta Ichipeiji é unha xoia do cinema silente xaponés dos anos vinte do século pasado. Película revolucionaria de gran valor e beleza que foi considerada perdida durante 45 anos ata que en 1971 o propio director atopase unha copia no alpendre da súa antiga casa.
Baseada nunha historia do escritor Yasunari Kawabata -Premio Nobel de Literatura en 1968-, a película ten lugar nun hospital psiquiátrico onde unha muller foi confinada ao perder a razón tras tentar asasinar o seu fillo afogándoo. Intuímos que a razón da súa tolemia son os malos tratos propinados polo seu marido, un mariño case sempre ausente. O marido, aflixido pola culpa, consegue un traballo no hospital como celador para coidar dela.
A filla de ámbolos dous, visita á súa nai para tentar anunciarlle o seu inminente compromiso, pero teme que de descubrirse a condición da nai o compromiso sexa anulado baixo a crenza de que a tolemia era un mal hereditario. O pai, cuxa relación coa filla intúese complexa, tratará de axudala e tentará ocultar á nai para evitar que a súa condición salga á luz. No intento de achegarse á súa esposa e de axudala a recuperar a cordura el comezará tamén a perder o contacto coa realidade.
TRAILER