Hyakuman-goku (2)
Junya Okochi, Nobuko Kawashima
«Hyakuman-goku» é un termo composto. «Hyakuman» significa un millón, e «goku» (ou «koku»), denota a cantidade de arroz consumida por un só adulto nun ano (era unha unidade de medida frecuente no Xapón feudal). «Hyakuman-goku» refírese ao dominio capaz de producir arroz suficiente para alimentar a un millón de persoas durante un ano; e por extensión, chegou a significar unha «zona rexionalmente desenvolvida, tanto económica como culturalmente».
Provén do histórico Dominio Kaga (actuais prefecturas de Ishikawa e Toyama), que no período Edo (1603-1868) xeraba máis dun millón de koku (unhas 150.000 toneladas) de arroz anualmente. Estaba gobernado polo poderoso clan Maeda, unha das liñaxes de samuráis máis poderosas e ricas da historia xaponesa (só superada pola dos propios shoguns Tokugawa). Foi debido a que, durante a Pax Tokugawa, esta vasta riqueza se reinvestiu nas artes, a artesanía e infraestruturas (coma a do famoso xardín Kenroku-en en Kanazawa), que o nome converteuse en sinónimo de prosperidade cultural e económica.
Adoptando este nome o colectivo de compositores que represento, quere simbolizar a riqueza, a diversidade e o esplendor musical de Xapón.
Yasnoshin Morita
O século XII tivo un enorme relevo na música relixiosa e tradicional xaponesa relacionada co budismo: a irrupción dos monxes cegos biwa hōshi, levou ao cumio á tradición épica e narrativa; o shakuhachi tería, asemade, unha enorme difusión a partires deste século como ferramenta para a meditación no budismo zen. En Hyakuman-goku, o colectivo de compositores xaponeses reflexionan sobre a relación entre música tradicional e vangarda (“a música tradicional de oriente é a vangarda de occidente”) a través dun concerto errante en dúas etapas (Catedral de Tui e Mosteiro de Santa María de Meira), que inclúe música tradicional xaponesa para biwa e shakuhachi e cinco obras de compositores actuais para a mesma formación e electrónica. Un programa que mistura os conceptos de errancia, música, narración e fe relixiosa.
Os biwa hōshi, os monxes budistas cegos e errantes do período Kamakura (XII-XIV) vivían da esmola, tiñan a cabeza rapada e vestían longas túnicas típicas dos monxes budistas. (Era un xeito de obter respecto e atención, dado que moitos non estaban ordeados). Cantaban e recitaban longas crónicas bélicas de samuráis acompañándose co biwa (derivado do pípa chino, con catro ou cinco cordas), que é unha das múltiples versións asiáticas do laúde europeo. Eran narracións improvisadas xunto a breves poemas líricos tradicionais moi curtos, como o waka, intercalados en momentos de alta intensidade emocional. Darían lugar no século XIII ao Heike Monogatari (similar ao Cantar del mio Cid, á Chanson de Roland, ao Cantar dos Nibelungos ou Beowulf entre outras), que dividido en 12 libros e un epílogo, narra meticulosamente o ascenso e a tráxica caída do clan Taira (Heike) no seu enfrontamento contra o clan Minamoto (Genji) durante as Guerras Genpei do século XII. Os biwa hōshi actuaban de xeito moi similar aos nosos xoglares medievais (séculos XII e XIII), introducindo historias truculentas e sensacionalistas de crimes, pantasmas, milagres e dramas locais, levando entretemento e historias relixiosas a diferentes poboacións. De feito esta tradición menestrel sentou as bases para o desenvolvemento das artes escénicas no Xapón, e o seu modo de tocar influiría na creación do shamisen de tres cordas. Pero os biwa hōshi, enfatizaban sobor de todo o concepto budista de impermanencia ou mujo, lei fundamental que describe ao universo nun constante estado de cambio: dado que nada dura para sempre, o sufrimento xorde cando nos aferramos a cousas, emocións ou situacións, coma se fosen inmutabeis. Coa capacidade de invocar espíritos e realizar ritos de purificación, a cegueira sería o requisito indispensable para unirse ao seu gremio profesional Tōdō-za (creado xa no século XIV). Na interpretación o biwa altérnase coa voz: o intérprete recita unha pasaxe con entoación dramática e vocalización estilizada e, facendo pausas no discurso, emprega interludios musicais co instrumento para enfatizar a tensión ou a tristeza da escena. Empregan un plectro grande (bachi) que se usa non só para pulsar as cordas, senón tamén para golpear a caixa de resonancia de madeira, producindo efectos de percusión e dramáticos de ilustración musical como imitar o galope dos cabalos ou o choque das espadas. O canto utiliza técnicas de vibrato profundo, notas sostidas e declamacións guturais influenciadas polo canto budista (shōmyō).
O shakuhachi, a frauta de bambú procedente de China no século VII, tivo asemade unha enorme difusión e uso a partires do século XII. Especialmente entre os monxes komusō (“monxes da nada ou do baleiro”). Os komusō eran monxes zen peregrinos da seita Fuke, que empregaban a música instrumental como forma de meditación pura. A seita Fuke (普化宗, Fuke-shū) ou Fuke Zen foi unha rama do budismo zen no Xapón feudal que existiu desde o século XIII ata a súa abolición a finais do século XIX. Os seus membros distinguíanse pola súa vestimenta única e por substituír as oracións tradicionais por música. En lugar de recitar sutras (textos canónicos do budismo), os monxes practicaban o suizen (meditación soprada) que implicaba tocar o shakuhachi coma ferramenta sagrada (hōki) no camiño cara á iluminación espiritual. Os monxes levaban unha cesta de palla que lles cubría completamente a cara a modo de sombreiro, Tengai (cesta na cabeza). Este elemento simbolizaba a ausencia de ego e o desapego do mundo terreal. Transformados en figuras anónimas que representan a nada e o baleiro cósmico, o shogunato concedeulles o privilexio exclusivo de viaxar libremente por todo o país, algo moi restrinxido para o resto da poboación da época. Famosos polas súas incesantes viaxes e peregrinacións por todo Xapón, gañaban a vida pedindo esmola –mendicidade ritual (takuhatsu). Debido ao status especial de monxes errantes, moitos samurais sen amo, rōnin, uníronse á seita. Co tempo, o goberno comezou a usalos como espías encubertos. En 1871, coa Restauración Meiji, o novo goberno aboliu oficialmente a seita Fuke debido aos seus fortes vínculos políticos e á súa historia de espionaxe co antigo réxime. Aínda que a seita como institución desapareceu, a música que compoñían, coñecida como honkyoku, foi recopilada no século XVIII polo komusō Kinko Kurosawa, e aínda se practica hoxe en día como unha disciplina artística e meditativa.
1 Do repertorio de pezas tradicionais para shakuhachi recopiladas no século XVIII polo komusō da secta Fuke, Kinko Kurosawa.
2 Xénero de música vocal tradicional xaponesa onde a recitación do texto e a narración de historias ten prioridade sobre a melodía musical. Desenvolvido polos monxes cegos biwa hoshi, escoitamos o biwa só entre versos para interludios e comentarios.