
IN VAIN Escuridade
«Xa non estamos no tempo, pero o tempo está en nós con toda a súa sucesión interminable…»
Schiller, Cartas sobre a educación estética do home
«Sete anos! Só sete anos! Na embriaguez dos primeiros momentos, os dous case consideraban eses sete anos como sete días. Raskolnikov non sabía que non podería obter esta nova vida sen dar nada da súa parte, tería que adquirila ao prezo de longos e heroicos esforzos…Pero aquí comeza outra historia, a da lenta renovación dun home, da súa progresiva rexeneración, do seu paso paulatino dun mundo a outro e do seu paulatino coñecemento dunha realidade totalmente ignorada. Habería material para unha nova historia en todo isto, pero a nosa rematou.»
Dostoievski, Crime e castigo
O final de Crime e castigo anuncia un lento proceso de reflexión personal e de transformación do protagonista en prisión, que lle permita respostar con verdade ás preguntas esenciais da existencia na máis fonda intimidade do ser. Ao igual que os obxectivos de reeducación, reinserción, rehabilitación e acompañamento das penas de prisión no noso país.
Unha renovación interior semellante, en canto que profunda e doente, propón Georg Friedrich Haas no seu extraordinario IN VAIN: unha viaxe inquietante e lenta da completa escuridade á luz. E a imaxe visual non é casual, porque a obra aposta por unha modulación paulatina da iluminación para alimentar o evoluir sonoro con densos e renovados significados.
E ao mesmo tempo metafórico, cando é a propia música a que acada a súa plenitude partindo dun material estremadamente reducido. A atención obsesiva e teimosa ás pequenas variacións de ton (por debaixo do semitono), a ausencia de «melodías» ordinarias, a disolución do ritmo en permanentes aceleracións e desaceleracións, os limitados modos de articulación… todo isto lévanos inevitablemente a centrar a atención no son e na forma, suliñando un tatexar dificultoso e incerto, camiño adiante.
Escuridade e luz. Noite e día. A través de dous concertos –para o público en aberto o sábado 10 ás 23h; e para os internos do cárcere de Teixeiro en privado o domingo 11 ás 17h– visitaremos a escuridade e a luz, transformando unha experiencia de concerto, nunha aprendizaxe de vida. Un proxecto de formación co profesorado dos Conservatorios de Galicia e os internos do Centro Penitenciario de Teixeiro que suliña a experiencia de estar vivo. Nunha coidada presentación da que se considera “unha das obras mestras do século XXI” (Simon Rattle, 2021), ou “a obra máis importante dende o ano 2000” (Voz clásica, 2019). Un momento de beleza sublime que permita consumar a nosa humanidade, para concluír que “o sentido máis elevado é a vida máis nobre” (Schiller).
IN VAIN desenvolveuse no marco de Cardinais 25 – Academia Vertixe Sonora co apoio da Dirección Xeral de Formación Profesional, Deputación da Coruña, Conservatorio Superior de Música da Coruña, Universidade da Coruña
Georg Friedrich Haas IN VAIN para 24 músicos
Cardinais 25 – Academia Vertixe Sonora
Director: Francesc Prat
Frauta: Julio Cabo, Clara Saleiro
Clarinete: Daniel Veiga, Pablo Piñeiro
Oboe: Ismael Vaquero
Fagot: Sandra Ochoa
Saxofón: Pablo Coello
Trompa: Simon Lewis, Jorge Fuentes
Trombón: Iago Ríos, Arturo Centelles
Acordeón: Norberto Prieto
Violín: Jacobo Hernández, Olga Alesandrovskaya, Beatriz Rodríguez
Viola: Raymond Arteaga, Raquel San Pedro
Violoncello: Pedro Vaz, Teresa Morales
Contrabaixo: Carlos Méndez
Arpa: Bleuenn Le Friec
Piano: David Durán
Percusión: Diego Ventoso, Juan Antonio Vázquez