Do Audible 25 presenta en exclusiva A ARTE DO GUZHENG, e IN VAIN, dúas producións orixinais que aúnan colaboracións internacionais, estreas de compositores de relevo e unha serie de actividades arredor das mesmas.

A ARTE DO GUZHENG para 10 músicos e recitadora será o 15 de abril ás 19h no Museo do Mar de Galicia en Vigo. Trátase dunha colaboración coa Bienal de Zagreb e o Hong Kong New Music Ensemble que procura a integración do Guzheng, cítara tradicional chinesa símbolo do taoísmo e das clases populares, nun contexto de música nova. Unha oportunidade para achegarnos á cultura e a poesía chinesa tradicional e disfrutar das últimas creacións de Sonja Mutić (Cro/Serbia), Angus Lee (HK), Camilo Mendez (Colombia/HK) e Pilar Miralles (España/Finlandia).

IN VAIN (Georg Friedrich Haas, 2000), é unánimemente considerada como “unha das obras mestras do século XXI” (Simon Rattle, 2021), ou “a obra máis importante dende o ano 2000” (Voz clásica, 2019). Nesta ocasión esta “lenta  e desacougante” viaxe microtonal da completa escuridade á luz, é o celme dun singular proxecto de formación en colaboración cos Conservatorios de Música de Galicia, a Universidade de A Coruña e o Cárcere de Teixeiro. Faranse dúas presentacións do proxecto que suliñan o proceso de reflexión e transformación personal que promove a obra. A primeira –a escuridade–, para o público en aberto, o sábado 10 de maio ás 23h da noite en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela). E a segunda –a luz–, unha actuación privada, para os internos, ás 17h do domingo 11 de maio no Centro Penitenciario de Teixeiro en Curtis, A Coruña.

Do Audible 25 é un ciclo de concertos promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, coa colaboración de Vertixe Sonora, que procura a normalización da escoita de música contemporánea no noso territorio. A investigación de puntos de encontro entre a música, a ciencia, a tecnoloxía, a arte e o pensamento é o eixo central do ciclo, que busca favorecer o achegamento do público non especializado á creación artística contemporánea e a conquista dunha percepción musical máis consciente. Do Audible 25 propón en cada concerto unha experiencia singular e reveladora que devolve a escoita ao seu lugar, como acontecemento capital do entendemento humano. Rachar fronteiras e romper formatos. Ou crear outros novos. Mostrar o diálogo e a interacción entre disciplinas, a priori, afastadas. Do Audible 25 constrúe un ciclo que evoluciona e desafía permanentemente a un público ávido de experiencias culturais de calidade.