DO AUDIBLE 24
Vigo, A Coruña
2024
Do Audible é un ciclo de concertos promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, coa colaboración de Vertixe Sonora, que procura a normalización da escoita de música contemporánea no noso territorio. A investigación de puntos de encontro entre a música, a ciencia, a tecnoloxía, a arte e o pensamento é o eixo central do ciclo, que busca favorecer o achegamento do público non especializado á creación artística contemporánea e a conquista dunha percepción musical máis consciente. Do Audible propón en cada concerto unha experiencia singular e reveladora que devolve a escoita ao seu lugar, como acontecemento capital do entendemento humano. Rachar fronteiras e romper formatos. Ou crear outros novos. Mostrar o diálogo e a interacción entre disciplinas, a priori, afastadas. Do Audible constitúe un ciclo que evoluciona para desafiar permanentemente a un público ávido de novas experiencias culturais de calidade.
Nesta ocasión presentamos dous concertos e unha serie de actividades que reflexionan sobre a vixencia e as implicacións do minimalismo como estética musical na actualidade. Serán dous eventos, ou máis apropiadamente, dous rituais de misticismo musical e sonoro a partires da repetición e o transo.
O minimalismo, posiblemente a expresión de maior éxito das surxidas desde as prácticas artísticas en todo o século XX, «adoita incluír por definición calquera música que se implemente cunha cantidade pequena, mínima ou limitada de recursos musicais» (Tom Johnson, compositor nado en 1939). Xurdiu como reacción á natureza subxectiva e representativa do expresionismo e contra calquera culto ao significado, metáfora ou simbolismo na arte. Na estética minimalista, calquera información entre a obra e o espectador é curtocircuitada, e a obra de arte aparece espida, como un “obxecto específico” neutral, que non significa nada por si mesmo.
A música de Ernesto Martínez (Cidade de México, 1953) acadou sona mundial cando o célebre compositor e saxofonista norteamericano John Zorn produciu o seu disco “Mutaciones” (Tzadik Records, 2004) incluído na serie “Composers”. Espertou así o mundo a unha música repetitiva que parecía interpretada por máquinas e non por seres humanos, unha versión do minimalismo lisérxica e acelerada coma unha ráfaga de disparos. A partires das técnicas de “entrelazamento” característico de moitos estilos instrumentais da música tradicional —como o ng’oma das mulleres Gogo, o dimbila dos Makonde, o mangwilo dos Shirim, o bigwala de Uganda, en Africa; ou o koketan de Bali en Indonesia, etc.—; Ernesto Martínez deseña microcontroladores que subdividen o tempo e distribúen as súas partes entre os intérpretes, permitindo así aos integrantes dun ensemble tecer texturas vertixinosas, coma “crochets” de virtuosismo musical deslumbrantes e humanamente imposibles.
O domingo 24 de novembro ás 18.00 horas no Museo do Mar de Galicia de Vigo poderemos asistir, en exclusiva mundial, á estrea da nova obra de Ernesto Martínez para conxunto instrumental ACCESO MÚLTIPLE POR DIVISIÓN DE TEMPO. E a través dela, José Edelstein, profesor de Física Teórica da USC e investigador no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías dará a coñecer as teorías cuánticas que tentan explicar o funcionamento do universo á máis pequena escala como a Loop Quantum Gravity (Abhay Ashtekar, 1986), unha teoría que presenta a unidade mínima indivisible no espazo-tempo, a “lonxitude de Planck”, un millón de veces menor que un electrón.
E o domingo 1 de decembro ás 12:30 horas no Museo de Belas Artes da Coruña presentaremos CANTO OSTINATO para catro teclados de Simeon Ten Holt (1923-2012). A primeira representación de CANTO OSTINATO tivo lugar o 25 de abril de 1979 en Ruïnekerk en Bergen (Holanda) e durou dúas horas, converténdose directamente nun dos grandes “hits” da estética minimalista. Unha obra na que o tempo —eterno, sen principio nin final— adquire unha significación ritual para converterse nun espazo multidimensional infindo onde flotan os obxectos musicais como esculturas sonoras que emerxen e desaparecen lentamente.
Para completar o ciclo DO AUDIBLE 24 nos días previos ou posteriores a cada concerto, organizaranse —respectivamente— unha serie de charlas e actividades en colaboración cos Conservatorios Profesional e Superior de Vigo coordinadas por Diego Ventoso e David Rodríguez; e coa Universidade de A Coruña baixo a dirección dos investigadores Vicente Castro e Rocío Chao. Esperámosvos!
domingo 24 de novembro, 18h | MUSEO DO MAR, Vigo
ACCESO MÚLTIPLE POR DIVISIÓN DE TEMPO
domingo 1 de decembro, 12:30h | MUSEO DE BELAS ARTES, A Coruña
CANTO OSTINATO
luns 25 de novembro, 18-21h | Lugar por determinar, Vigo
INTERLOCKING
xoves 28 de novembro, 18-21h | Lugar por determinar, A Coruña
OSTINATI DE INFINDAS TECLAS