23.04-22.06 | IESdMOS

ALÉN DA ARTE SONORA E DA MÚSICA CONTEMPORÁNEA

6 pezas sonoras con alumnos de ESO e BACHARELATO e artistas convidados

Organiza Departamento de Música do IES DE MOS coa colaboración do Campus CREA s2i da UVIGO e Vertixe Sonora

http://www.crtvg.es/informativos/alen-da-arte-sonora-e-da-musica-contemporanea-3805533

A arte sonora abrangue tradicións artísticas tan diversas como a música contemporánea, a instalación, o arte de acción, o radioarte, a escultura, a poesía fonética, o videoarte, as artes dixitais… Esta variedade de aproximacións resulta especialmente atractiva nun contexto educativo porque ofrece posibilidades de achegamentos moi diferentes con potencial interese para unha ampla variedade de alumnos e alumnas, estimulando a curiosidade polo coñecemento e a creatividade dende unha visión estética en contidos de materias artísticas, humanísticas, científicas e tecnolóxicas.

Esta iniciativa afonda na colaboración do grupo de investigación de son do Campus Crea s2i da Universidade de Vigo, Vertixe Sonora e o Bacharelato de Artes do IES de MOS que se brinda como centro piloto para explorar as posibilidades experimentais que ofrece a creatividade sonora a nivel pedagóxico.

Por eso propoñemos neste contrato-programa a realización dun proxecto expositivo no que os alumnos desenvolverán 6 pezas sonoras baixo a supervisión de artistas do noso entorno que alimentarán a súa sensibilidade de cara á investigación sonora e cos que extenderán as destrezas necesarias para desenvolver iniciativas similares de forma autónoma.

Luns 23 de abril 14.30-16.15 MARIÑA ALONSO qué e a arte sonora?

Martes 24 de abril 14.30-17.30 BERIO MOLINA micro, ampli, corpo

Xoves 26 de abril 14.30-17.30 ALEJANDRA POMBO un erro colectivo

Venres 4 de maio 14.30-16.15 ENRIQUE TOMÁS sensitivo

Martes 8 e 16 de maio 14.30-17.30 MATEO MENA música concreta

Xoves 10 de maio 14.30-16.15 IGNACIO BARCIA o son como material

 

MARIÑA ALONSO qué é a arte sonora? breve achegamento teórico e análise da súa proxección actual

Luns 23 de abril | 14.30-16.15

A Arte Sonora, como campo artístico de natureza híbrida e imprecisa, representa unha traba para a súa definición máis académica; problema que vén acrecentado pola súa difícil cabida no museo. A idea desta comunicación é a de promover o coñecemento daquelas prácticas que se inscriben neste termo, pór en valor a súa importancia como renovadoras do discurso artístico do que son herdeiras, falar das narracións que establecen, e intentar darlle consistencia ao arnés teórico que as explica.

Mariña Alonso é historiadora da arte. Actualmente realiza a súa tese de doutoramento no Departamento de arte contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, exerce a labor de crítica en publicacións especializadas (exit-express, artecontexto, DARDO, etc.), tendo realizado varias reseñas e entrevistas a autores relevantes coma o fotógrafo estadounidense Ryan Mcginley ou a artista arxentina Amalia Pica.

BERIO MOLINA micro, ampli, corpo

Martes 24 de abril | 14.30-17.30

Crear diferentes accións xogando con tres elementos (micro, ampli, corpo) ós que se lles aporte outra idea, como poida ser: espazo, tempo, obxecto, presenza, drone, incerteza, voz… ou un compoñente adicional que os alumnos escollan libremente.

Berio Molina (Fonsagrada, Lugo 1979) é artista e programador. Gosta da arte dixital, interactiva, sonora e de acción. Foi membro do Colectivo de performances “Flexo” desde 1999 ata 2004 e co-organizador do Festival IFI nos anos 2002, 2003 e 2004. Formou parte do Colectivo sobre as paisaxes sonoras e auralidade aumentada escoitar.org desde os seus comezos no ano 2006 ata o seu cese de actividade no ano 2016. Foi membro fundacional da Comunidade de Arte e Acción libre Alg-a, así coma do Colectivo de creación escénica áIntemperie e do Fato bicéfalo Ohn. É co-administrador xunto a Isaac Cordal do Netlabel Alg-a, selo na rede onde se publican traballos de audio experimental.

No ano 2011 funda Pumpun xunto a Chiu Longina, estudo adicado ao desenvolvemento de proxectos multimedia, que deixa no ano 2016.

É licenciado na Facultade de Belas Artes de Pontevedra da Universidade de Vigo pola especialidade de Escultura. Estudou un Máster en Artes Dixitais na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona así coma un Máster en Computer Graphics Design no Rochester Institute of Technology de Nova Iorque (R.I.T) grazas a unha bolsa concedida pola Fundación Barrié de la Maza.

ALEJANDRA POMBO un erro colectivo

Xoves 26 de abril | 14.30-17.30

Situación de rodaxe colectiva no espazo público. A través dunhas pautas predefinidas potenciarase o encontro co concepto de erro como apertura, onde a toma de decisións fai das limitacións o impulso para exceder expectativas e ideas preconcibidas.

Alejandra Pombo (Santiago de Compostela, 1979) é licenciada en Artes Visuais pola Facultade de Belas Artes de Madrid, con máster en Artes Dixitais da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona e o PEI impartido polo MACBA. Actualmente acaba de finalizar a súa tese doutoral baixo a dirección do artista Juan Luís Moraza sobre os paradoxos da introdución da noción de performance na arte. Desde o 2010 o seu traballo artístico está orientado á experimentación coa imaxe en movemento a través de pezas vídeográficas como Stage (2011), Glade (2013), Dazzle (2014), Space (2015) e as súas películas It’s Called Listen (2016) e Wild Palms, esta última aínda en proceso.

ENRIQUE TOMÁS sensitive

Venres 4 de maio | 14.30-17.30

Obra colectiva con instrumentos electrónicos dixitais e interfaces musicais con sensores que permitan experimentar aos alumnos tecnoloxías sinxelas coas que probar novas sonoridades e tocar en grupo.

Enrique Tomás (Madrid, 1981) é un artista sonoro que adica o seu tempo á procura de novos camiños de expresión sonora na intersección entre música, arte e tecnoloxía. Tanto en performance como en instalación, o seu traballo céntrase na creación de contornas acústicas inmersivas mediante rangos extremos de dinámicas e frecuencias. Como investigador, é profesor asociado ao departamento Interface Culture da Universidade de Linz en Austria, onde desenvolve a súa actividade ao estudo e deseño de interfaces para a expresión sonora. Presentou a súa obra en museos, festivais e galerías de toda Europa e América como Ars Electrónica, Sónar, STEIM, SMAK, CTM, IRCAM, etc.

MATEO MENA música concreta

Martes 8,16 de maio | 14.30-17.30

Achegamento á “antiga” tecnoloxía da gravación magnética en auxe entre os anos 50 e 80. A través da utilización de radiocasetes, walkmans e cintas, aprenderemos diversas técnicas de manipulación creativa, que van desde a simple gravación de sons ata a creación de loops, modulacións de velocidade, duración, creación de saturación, distorsión ou fabricación de colaxes sonoros. Ao final do obradoiro o alumnado será capaz de crear a súa propia peza sonora de música concreta, pondo en práctica os coñecementos adquiridos na actividade.

Mateo Mena (Santiago de Compostela, 1983), artista sonoro e deseñador de instrumentos musicais electrónicos. O seu traballo está centrado no desenvolvemento de novos instrumentos analóxicos e na súa posterior utilización musical, ben en solitario ou formando parte de agrupacións como a Orquestra Metamovida. Compaxina esta faceta creativa con proxectos de divulgación científica, como os talleres Círculo tecnolóxico ou Música electrónica con materiais cotiáns, que viran ao redor de como nos relacionamos coa tecnoloxía e os formatos sonoros, abordada desde a estética do DIY e o aproveitamento de residuos tecnolóxicos.

Con estes proxectos participou en festivais como Imaxinasons (Vigo, 2015), Educación e escoita activa (Córdoba, 2016), Pontenciencia (Pontevedra, 2016) ou Sons creativos (Lugo, 2017) e en espazos de creación como Tabakalera (San Sebastián), MUSAC (León) ou Domus (A Coruña).

IGNACIO BARCIA o son como material

Xoves 10 de maio | 14.30-17.30

A peza propón activar significados e sentimentos, máis ou menos latentes e compartidos por calquera, na contemplación dun fenómeno físico cotián como é o remuíño que se produce nun líquido ao saír desde un contedor. Pretende proporcionar unha experiencia que aúne o visual, o sonoro e a presenza obxetual, considerando as dimensións espacial e temporal. Pode entenderse como unha escultura nun senso amplo, sendo trazos escultóricos a ocupación espacial ou a evidencia dos materiais utilizados. É significativo no resultado final a natureza deses materiais: desde a auga aos obxectos fabricados ou os dispositivos mecánicos, pero tamén hai que considerar o son como un material máis da obra. A intervención pretende promover a realización por parte dos alumnos de variacións que resulten da utilización dos mesmos procesos ou elementos.

Ignacio Barcia (Madrid, 1960) é Licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, e doutor en Belas Artes pola de Salamanca, onde foi profesor durante once anos. Desde o ano 1996 é profesor de escultura na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, centro do que foi Decano.

Dende 1990 expón individualmente o seu traballo de creación artística en diversas galerías de prestixio de Madrid, Barcelona, Valladolid, Sevilla, Zaragoza, Valencia… participando en diversas feiras de arte contemporáneo. Así mesmo, o seu traballo foi exposto en moitas exposicións colectivas de índole nacional e internacional en galerías e centros de arte de Vigo, Madrid, Barcelona, Bilbao, Burdeos, Valencia, Berlín, París, Hannover ou Amsterdam,

Comisariou e organizou diversas exposicións, en xeral vinculadas á súa tarefa docente. Desde 2014 ata 2018 foi coordinador da Sala X, Sala de exposicións do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.