Cos cursos ‘AGUZAR O OIDO’, Vertixe Sonora en colaboración  co MARCO dá continuidade a unha proposta de divulgación de música contemporánea que traza un mapa sonoro da música do noso tempo e a achega a un público amplo. Deseñado como unha serie de sesións independentes en torno a figuras esenciais da música dos séculos XX e XXI, convídase a oíntes non especializados e a melómanos irredentos a gozar da extraordinaria vitalidade da creación musical contemporánea a través de charlas minuciosas que combinan erudición e entretemento nunha linguaxe amena e accesible.

En cada sesión, dunha hora de duración, identifícanse as claves que transformaron as formas de escoita, as motivacións profundas que se agochan detrás de cada autor e as estratexias de percepción que nos permiten gozar e comprender as obras mestras do repertorio. Conectando a creación actual coa grande tradición musical occidental e non occidental e con outras disciplinas artísticas e literarias próximas ao gran público, cada sesión complétase con información complementaria que recolle bibliografía básica e audicións recomendadas.

 Organizado por Vertixe Sonora, con Emilio Lede como relator principal, e importantes especialistas convidados, co obxectivo de ofrecer unha visión panorámica desprexuizada e o máis comprensiva posible da creación musical.

 AGUZAR O OÍDO completarase con puntuais intervencións musicais a cargo dos solistas de Vertixe Sonora Ensemble, que permiten vivenciar experiencias de concertos de pequeno formato, e con actividades organizadas conxuntamente por Casa da Música do Porto e Vertixe Sonora na cidade do Porto.

EDICIÓNS ANTERIORES
AGUZAR O OÍDO (I). 23 23 CLAVES PARA ESCOITAR A MODERNIDADE
AGUZAR EL OÍDO (II). 23 MÚSICAS QUE CAMBIARON A ESCOITA