Presentación

Naceu en Colonia (Alemaña) en 1974, comezou os seus estudos musicais no conservatorio da súa cidade natal e continuou a súa formación na Folkwang-Musikhochschule de Essen con Christoph Richter, onde no ano 2000 obtivo o seu diploma de honra. Posteriormente realizou un curso de posgrao coa profesora Ksenija Jankovich. Recibiu tamén clases de Yvan Chiffoleau en Lión (Francia), Siegfried Palm e Thomas Demenga, e no marco do Folkwang-Festival tocou nunha clase maxistral para Mstislav Rostropovich.

Durante os seus estudos colaborou coa Junge Deutsche Philharmonie e a orquestra de cámara desta institución, o Ensemble Resonanz, onde tivo a oportunidade de traballar con músicos como Lothar Zagrosek, Rudolph Barshai, Thomas Zehetmair, Tabea Zimmermann, David Geringas, Rainer Schmidt, David Shallon e Tatjana Grindenko. Entre os numerosos concertos de música de cámara cómpre salientar aparicións cos pianistas Vassily Lobanov e Pascal Devoyon, coa violista Diemuth Poppen e co violoncellista Dimitri Ferschtman.

En 1998 foi cofundador do “Ensemble eMeX”, especializado en música contemporánea, co que ofreceu numerosos concertos por toda Europa. Con eles tivo a posibilidade de traballar con compositores como Nicolaus A. Huber, Sven Ingo Koch, York Hoeller, Valerio Sannicandro, Erik Janson, Gerhard Staebler, Carola Bauckholt, Maria Cecilia Villanueva e Isabel Mundry, entre outros, na estrea das súas obras. Tamén estreou obras para violoncello solo de Luis Antunes Peña e Martin Schuettler. Foi ademais, entre 1997 e 2001, primeiro violoncello solista da Westphaelische Kammerphilharmonie Guetersloh, coa que interpretou en marzo de 2001 “Introduktion, Thema und Variationen” para violoncello solo e cordas de Hans Werner Henze, en importantes salas de concerto de Alemaña. No 2000 participou na oitava edición da academia orquestral da Bayrischer Rundfunk baixo a dirección de Mstislav Rostropovich.

Desde o ano 2001 é membro da Real Filharmonia de Galicia e forma parte de varios grupos de cámara, entre eles “Atlantic Arts Trio” co violinista Michal Ryczel e coa pianista Emmanuelle Janisz. Ademais ensina violoncello na Escola de música Berenguela en Santiago de Compostela. O seu labor pedagóxico comprende tamén colaboracións coa Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia (musica de cámara) e nos cursos de verán “Música en Compostela”, nos que no 2007 substituío a Marcal Cervera nas clases de violoncello. O seu especial interese polos grandes violoncellistas do pasado levouno a facer recitais e conferencias sobre Gaspar Cassadó, Pau Casals, Enrico Mainardi e Paul Tortelier.