Presentación

Nacido en Vigo, David Rodríguez é licenciado en Percusión polo Conservatorio Superior de Música de Vigo, Máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo e doutor pola Universidade de Xaén. Grazas a unha bolsa da Fundación Barrié de la Maza, continuou a súa formación na Royal Academy of Music de Londres, onde estudou con Neil Percy, Simon Carrington, Dave Searcy, Eric Sammut e Colin Currie.

Obtivo o Posgrao en Interpretación en Timpani e Percusión, coa cualificación de Distinción, ademais do “Avedis Zildjian Award en recoñecemento á excelencia na Arte da Percusión” e o “James Blades in Percussion Performance Award”. Durante a súa formación como intérprete foi membro da Xove Orquestra Nacional de España (JONDE) e da Xove Orquestra Sinfónica de Galicia, ademais de colaborador da Orquestra Sinfónica de Galicia e membro doutras formacións locais como a Orquestra Clásica de Vigo e a Banda-Escola de Música de Beade. Así mesmo, participou en numerosos cursos e clases maxistrais con profesores como Nick Woud, Jan Pustjens, Lorenzo Ferrándiz, Nancy Zeltsman, Juanjo Guillem, Miguel Bernat, Bogdan Bacanu, Philipp Spiesser ou Joe Locke, entre outros. Traballou baixo a dirección de profesores como Sir Colin Davis, Mark Elder, Susanna Mälkki, Víctor Pablo Pérez, Jesús López Cobos, Alberto Zedda, Yan Pascal Tortelier, Pietro Rizzo, Jacov Kreisberg ou Gianandrea Noseda, entre outros. Entre 2008 e 2022 foi profesor e xefe do Departamento de Percusión do CMUS Profesional de Vigo. Posteriormente pasou a ser profesor de Percusión no Conservatorio Superior de Música de Vigo, cargo que ocupa na actualidade.