Vertixe 12

Noa Noa

Saturday 26 October / 20:00H
Nemonon
Pontevedra

En Noa Noa (“perfumado” en tahitiano) surfeamos obras mestras francesas para flauta e electrónica en vivo de finais do século pasado acompañando a estrea de Alberto Carretero (Sevilla, 1985) especialmente concebida para este programa.

1987, 1992 e 2024, tres estadios da evolución da dixitalización dos procesos de música electrónica. O absolutismo do IRCAM os derradeiros decenios do século pasado. Obras que definiron o patrón ouro do cambio de século: a creación de superinstrumentos de infindas posibilidades combinatorias para a exploración da imaxinación creadora (metáfora dun posible transhumanismo?) Entón, da IA non se adiviñara aínda un mal xesto. Todo era optimismo evanxelizador. E así foise conquistando o paroxismo virtuosista: un instrumento só e electrónica. E miles e miles de novas composicións profesando a nova relixión tecnocientífica.

1893. Paul Gauguin pinta dez xilografías en París tralo seu regreso de Tahití. Debían ilustrar un libro –escrito xunto a Charles Morice– das súas viaxes e mostrar a arte do futuro. O libro nunca se fixo, pero aí está o diario. E con fragmentos do mesmo creou a finesa Kaija Sahariao (1952-2023) a voz da peza para frauta e electrónica que da nome ao concerto en 1992. Dirá: “Quería escribir, esaxerar, incluso abusar de certos xeitos de frauta que me perseguen desde hai uns anos, e así obrigarme a pasar a algo novo”. En Noa noa (1992) experimenta coa idea da simultaneidade (secuencial ou por superposición). E tamén con formas de traballo cooperativo xunto a frautista Camilla Hoitenga, o seu marido e músico electrónico Jean-Baptiste Barrière e o programador Xavier Chabot.

Catro anos antes en Xúpiter (1987), Philippe Manoury (1952), marcou un auténtico fito tecnolóxico. Anticipara o novo paradigma automatizando procesos de xeito que a música puidese desenvolverse completamente en relación coa interpretación instrumental sen intervencións externas. Todos os parámetros da música poden ser ahora simulados –para el “a simulación, como a imaxinación, é unha das características da arte”. No entorno de programación de Xúpiter (1987) traballaron Miller Puckette, Marc Battier, Olivier Koechlin, Cort Lippe e Thierry Lancino. O enxambre tecnolóxico de máis talento ao servizo do xenio musical. Conforme avanza a peza no tempo, as relacións entre o instrumento e a máquina vanse estreitando.

PHILIPPE MANOURY (1952) Xúpiter (1987)
ALBERTO CARRETERO (1985) Ditiramgo (2024)
KAIJA SAHARIAHO (1952-2023) Noanoa (1992)

ZAHIR ENSEMBLE Alfonso Rubio Marco frauta | Joan Bagès medios electrónicos