140: Migratio #5
Entre 1860 e 1930, chegaron á Arxentina aproximadamente seis millóns de inmigrantes, un fenómeno coñecido como “a gran inmigración”. A grande maioría procedía de Italia e España, seguidos por franceses, alemáns, polacos, rusos e sirio-libaneses, entre outros. Ao abeiro do 140 aniversario do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950), figura senlleira na cultura, a política e a arte galegas, símbolo da emigración e o exilio galego en Arxentina, compositores de ambos lados do Atlántico —fillos, netos, bisnetos e tataranetos de migrantes— únense neste proxecto para celebrar este proceso a través da música: un éxito de integración sen precedentes que transformou por completo a cultura arxentina. Nun momento de criminalización da poboación migrante; e de forte cuestionamento dos procesos migratorios en Europa propoñemos un contexto de intercambio enriquecedor, vibrante e dinámico, que deu lugar a unha complexa fusión multiétnica deixando unha fonda pegada na identidade cultural do país.
Baixo o principio de que “gobernar é poboar”, o artigo 25 da Constitución Arxentina de 1853 fomentou activamente a inmigración europea para impulsar o desenvolvemento e o crecemento demográfico do país. Esta política viuse posteriormente reforzada pola Lei de Inmigración e Colonización de 1876. A Arxentina perdera unha parte significativa da súa poboación debido á Guerra de Independencia (1810–1825) e ás guerras civís (1814–1880), polo que precisaba con urxencia forza demográfica para o seu desenvolvemento. Escasamente poboada por comunidades indíxenas, esta política foi clave para a inmigración masiva —procedente principalmente de España e Italia— que tivo lugar a finais do século XIX e principios do XX: a chegada de man de obra para a agricultura, a gandería e a industria contribuíu ao crecemento demográfico e económico do país.
Un proxecto galardoado co Premio EFFEA Springboard da Fundación Europea de Festivaies para Artistas Emerxentes – EFFEA e o apoio dos Performing Arts Fund NL.