Vertixe 12

Ecos do posmodernismo

Thursday 17 October / 20:00H
Auditorio Martín Códax

O devir da estética musical é máis un camiño sinuoso cheo de viraxes que un sendeiro lineal e apracible. Consecuencia deste decurso, a apaixonante gama de procesos musicais evolutivos e involutivos que parecen alternarse ou superpoñerse de maneira caprichosa. O convulso último terzo do século XX, onde vangarda, neorromanticismo, minimalismo e poliestilización sucedéronse e coexistiron en tensión permanente –debuxando, non obstante, unha paisaxe caracterizada polo eclecticismo– é un exemplo paradigmático desta situación. «Ecos do posmodernismo» presenta unha mostra da pluralidade posmoderna finisecular e actual a través dunha mestura creativa de música e danza. Un proxecto pedagóxico colaborativo no que participan diferentes institucións da cidade.

PHILIP GLASS Opening (Glassworks) (1982) piano 
PAUL SMADBECK Rhythm Song (1984) marimba 
OWEN CLAYTON CONDON Fractalia (2011) cuarteto de percusión 
JOHN LUTHER ADAMS «solitary and time-breaking waves» de Stranged and Sacred Noise (1997)  cuarteto de percusión 
RICH O’MEARA Wooden Music (1980) dúo de marimbas 
JOHN ADAMS China Gates (1977) piano e danza 
NATHAN DAUGHTREY Rhyme or Reason (2019) quinteto de percusión e danza 

Susana Castro coreografías 

OS INTÉRPRETES 

Alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Vigo e Conservatorio Superior de Música de Vigo  Sofía Mariño Pereira (Opening)| Hugo Viceiro Diz  (Rhythm Song) | Pablo Carballeira Lamas, Diego Orge Fernández, Samuel Portas Rocha e Alfonso Riqueza Rea  (Fractalia) | Daniel Ameneiro González, Sergio Bouza Carrera, Gabriel Fernández Pérez e Xián Pena Puza («solitary and time-breaking waves» de Stranged and Sacred Noise)  | Pablo Soto Viceiro e Hugo Viceiro Diz  (Wooden Music) | Sofía Mariño Pereira (China Gates) | Pablo Carballeira Lamas, Diego Orge Fernández, Samuel Portas Rocha, Alfonso Riqueza Rea e Andrea Agra Estraviz (Rhyme or Reason)

Alumnado da Escola de Danza Susana Castro Laura Giráldez Soliño (China Gates) | Nuria Argibay Gallego, Dasha Pototskiy Bugarín, Nidia Regueira Muñiz e Marta Trigo Vidal  (Rhyme or Reason) | 

 

O POSMODERNISMO  

«Escribir poesía despois de Auschwitz é un acto de barbarie». Esta frase do filósofo xermano Theodor Adorno (1903–1969) reflicte con claridade a desconfianza nas capacidades da humanidade tras as atrocidades da Segunda Guerra Mundial. O serialismo integral de posguerra, auspiciado polo pensamento estructuralista de intelectuais como Jean Piaget ou Claude Lévi-Strauss, así como certa vangarda orixinada ó seu redor, podería ser examinado, como afirmaba o compositor e escritor Reginald Smith Brindle, como un camiño de obxectividade, un sistema que obrigaba a «eliminar a memoria, de forma que a herdanza do pasado fose borrada».  

     Boa parte das composicións da vangarda de posguerra partían do feito de conformar un universo propio e totalizante. A ruptura con calquera estrutura preformada ou con calquera bagaxe histórica de maior ou menor alcance era moeda corrente. Con todo, xa en 1958 o compositor italiano Luigi Nono (1924–1990) expresaba o seu distanciamento con respecto ó rigor imposto polas grandes narrativas do serialismo, a indeterminación ou a electrónica, o cal empezaba a percibirse como un novo academicismo. Na súa opinión e na de tantos outros, a vangarda entraba na contradición máis absoluta cando se facía norma. 

     O fin das ideas utópicas que se achaban no serialismo semellan ser tamén un reflexo do escepticismo dese momento en canto a calquera forma de progreso de tipo idealista. Cuestións como un canon rebatido, a idea do coñecemento superficial dos contidos e a falta dun referente acerca do que era unha «boa arte» fixeron que se producise un novo interese pola expresión musical, así como unha progresiva igualación da relevancia da música académica e a popular. 

     Desta forma, xunto con outros cambios de índole política e social, a partir de finais dos anos sesenta comeza a asentarse a percepción de que o que fora a modernidade entraba nunha nova fase. Os pensadores posestructuralistas empezaron a manifestar que a escala de valores ideolóxicos, estéticos e culturais desa época declinaba en favor de algo dispar, decantándose, a falta dunha nomenclatura claramente distintiva, pola voz «posmodernidade» para definila. Na adopción do termo tiveron relevancia as tendencias que xa viñan manifestándose en ámbitos como o da arquitectura, onde unha mestura de referencias estilísticas históricas, vernáculas e comerciais sustituíu á consistencia da estética modernista iniciada na década de 1920. 

      Os elementos conceptuais do posmodernismo desenvolvéronse en tódalas artes, así como na filosofía, a relixión e a ciencia. Algúns filósofos influentes como Jean-François Lyotard profundizaron nos seus postulados, incidindo na súa negación das «metanarrativas» que deron forma a gran parte do pensamento e a experiencia humana, incluídas ideas fundamentais como a historia, o progreso e a autonomía do individuo. Unha das máis cuestionadas foi a noción de que unha obra de arte ten un significado fixo determinado polo seu autor. No seu lugar, o pensamento posmodernista desprazaba o significado do acto de creación ó de recepción, que á súa vez depende da multiplicidade das nosas subxectividades e experiencias individuais.  

     As teorías posmodernistas na música implicaron a utilización dunha combinación ecléctica de estilos, entre os que destacan as tendencias neorrománticas e minimalistas.  Dentro destas, desenvolvéronse unha multitude de referencias ó presente e ó pasado coa utilización das técnicas máis diversas. Así, dende a experimentación tímbrica ata a recuperación de aspectos tonais, a tradición vangardista pasou a un segundo plano, facendo da poliestilización, o eclecticismo e a intertextualidade algunhas das súas sinais de identidade máis importantes. 

     Especial relevancia neste sentido tivo o movemento minimalista e as súas correntes adxacentes a partir dos anos oitenta, cristalizando un cambio de paradigma caracterizado por unha superación ou igualación de niveis. Tal situación resulta apreciable no seu impacto na cultura de masas, o cal supuxo que, por primeira vez en moito tempo, unha corrente de música de tradición «culta» establecese unha comunicación coa música popular.  

     Non obstante, e máis aló dos habituais relatos enfocados nas novidades estilísticas e estéticas, quizais non foi tan ousado o citado Smith Brindle cando a mediados dos oitenta afirmaba que «o Romanticismo non morreu con Mahler, nin desapareceu baixo os golpes antirromanticistas de Stravinsky». Da mesma forma, non sería tan atrevido dicir que o posmodernismo non é máis que unha consecuencia e unha continuación dun pasado que nunca chegou a desaparecer.