Die Kunst sich an einen Tisch zu setzen
Neste enlace video e imáxenes de Roland Eckert sobre o evento. E aquí máis imaxes de Birte Hoffmann.
O 2 de outubro, na previa do Día da Reunificación Alemana, as mesas da localidade de Strodehne xuntaranse na praza para celebrar, ao ar libre, un acontecemento moi singular: unha Kaffeetafel, coa participación da vila ao completo.
Strodehne atópase en Brandenburgo (Alemaña), moi preto de Berlín, e as Kaffeetafel son merendas típicas para xuntarse, parolar, tomar chocolate, té, café… e tartas, moitas tartas. E dese xeito daremos comezo esta décima edición especial do Festival Vertixe con motivo dos seus dez anos de historia: unha “tola” colaboración hispano-xermana, que se inserta no rico e variado repertorio das Tafelmusik, «músicas para banquetes» de enorme repercusión na Francia e Alemaña dos séculos XVI e XVII.
Die Kunst sich an einen Tisch zu setzen. A arte de sentarse á mesa, é unha multitudinaria e singular merenda artística. Un traballo colaborativo deseñado e concebido por Ramón Souto (compositor), Ignacio Barcia (artista visual), Gabriele Konsor (artista visual) e Birte Hoffmann (fotografía) de Vertixe Sonora (Galicia) e Landmade. Kulturversorgungsraum de Strodehne (Brandenburgo).
Na Tafelkonzert de Strodehne participarán: cantantes, músicos, estudantes, o coro do pobo, a veciñanza… e haberá instalacións sonoras e instrumentos singulares para conformar unha grande obra colectiva na que todos os invitados á merenda serán tamén intérpretes.
Se queres sentarte á mesa e merendar connosco o domingo 2 de outubro, rexístrate en info[at]landmade.org.
Evento ao aire libre, trae roupa de abrigo!
Máis información: www.landmade.org
Lugar de celebración: Backofenberg 14715 Havelaue OT Strodehne