Música e Arte: Correspondencias Sonoras 2012
Concerto

De rastros, paisaxes e arqueoloxías sonoras

Tuesday 6 November / 20:30H
CGAC
Santiago de Compostela

Na tradición seguramente inaugurada por Alvin Lucier de facer audibles, coa axuda de medios tecnolóxicos, procesos e fenómenos acústicos naturais normalmente desapercibidos ao oído medio, atópase toda unha corrente de música electrónica e arte sonora onde a Natureza se nos revela dun modo novo e descoñecido, lonxe do uso da tecnoloxía como innovación en si mesma, e onde en ocasións, como na obra de Fernando Casás, promóvese unha ética de observación e non intervención; de “escoita natural,”  xa sexa para detectar a través do son as pegadas do tempo e do espazo, ou para revelar aspectos da realidade que doutro xeito nos serían inaccesibles.

O concerto, en correspondencia á exposición antolóxica de Fernando Casás o agora xa foi e o denantes será, producción do CGAC, consistirá, por tanto,  nunha selección de traballos de artistas de diferentes xeracións, coa finalidade de ilustrar a traxectoria dun tema esencial “a natureza” desde aproximacións tan heteroxéneas como a acústica espacial, a ecoloxía sonora, a fonografía, e unha corrente en auxe en distintos campos científicos, como é a sonificación de datos.

DE RASTROS, PAISAXES E ARQUEOLOXÍAS SONORAS – Ángel Faraldo
Ángel Faraldo – Estudos Sonoros 1 e 2 [2012]
Alvin Lucier – Opera with Objects [1997]
Mark Bain – StartEndTime (Fragmento) [2003]
Andrea Polli and Joe Gilmore – N. 16 April 2006 [2006]
Chris Watson – Ant-Steps [2006]
Hildegard Westerkamp – Kits Beach Soundwalk [1989]
Christina Kubisch – Five Electrical Walks: 1. Homage with Minimal Disinformation [2007]
Durán Vazquez – Home, Sweet Home: 5. Boat Dockage [2009]_

Os autores
O traballo do artista estadounidense Mark Bain (1966) xira ao redor da interacción entre acústica, arquitectura e as reaccións fisiológicas aos chamados infrasonidos. A súa obra é unha continua investigación dos efectos que o son, xa sexa inherente ou inducido, produce en estruturas xigantes, como edificios e outras obras públicas. Normalmente amplifica infrasonidos con axuda de equipamento seismográfico ou induce vibracións sobre alicerces para facer audibles as estruturas que intervén.

Joe Gilmore é un artista sonoro e de instalacións baseado no norte de Inglaterra. A súa música foi publicada en Alku, 12k/Line, Melange e Cut. É co-fundador de rand()%, unha emisora de radio por internet que transmite música generativa en tempo real.

Christina Kubisch (1948) é unha das artistas sonoras europeas máis relevantes. Estuda pintura, frauta e piano antes de dar o salto cara á música electrónica a mediados dos 70. En 1980 participa en Für Augen und Ohren, (Para ollos e oídos) a primeira gran exposición de arte sonora. Dende entón, no seu traballo predominan as esculturas e instalacións sonoras, que a miúdo utilizan luz ultravioleta, enerxía solar e indución electromagnética.

Alvin Lucier (1931) é un influente compositor estadounidense de música experimental e instalacións centrado na exploración de fenómenos acústicos. Foi profesor até a súa xubilación en Wesleyan University (EEUU) e un membro crucial da Sonic Arts Union, xunto a Robert Ashley, David Behrman e Gordon Mumma. Gran parte do seu traballo está influenciado pola ciencia e explora as propiedades físicas do son: resonancias espaciais, interferencias ou a transmisión de son a través de diferentes medios físicos. É autor de obras seminales da segunda metade do século XX, tales como Music for solo performer (1964), Vespers (1968) or I am Sitting in a Room (1970).

O traballo de Andrea Polli xorde naturalmente da colaboración entre artistas e científicos de varias disciplinas. Está interesada en sistemas globais e os seus efectos en individuos. Actualmente traballa en colaboración con meteorólogos, desenvolvendo sistemas para entender información climática a través do son.

Durán Vázquez naceu en Vigo en 1979. O seu traballo céntrase principalmente na creación de audio, obras para radio e actuacións en vivo. Na actualidade produce o programa Radio Mil Outeiros para a radioweb radio.rakumin.org. Os seus traballos de longa duración (até 12), así como diversas pezas curtas, foron editados desde 2003 por discográficas independentes e editoras en rede de música de libre descarga. Actuou en festivais de música electrónica e mostras como Sónar, ArtExSonora, Experimentaclub ou In-Sonora, e en institucións como o Instituto Cervantes de Berlín, o Goethe-Institut de Lisboa, o CCE de Montevideo, o MAMBA de Buenos Aires, ou o MARCO de Vigo.

Chris Watson é un dos rexistradores de sons de vida salvaxe e fenómenos naturais máis importantes do momento. En 1971 foi un dos membros fundadores do grupo de música experimental Cabaret Voltaire. A súa carreira como gravador de sons comezou en 1981, na Tye Tees Television. Desde entón, traballou como artista independente para cinema, radio e televisión, desenvolvendo unha paixón e interese particular por gravar sons de animais, habitats e atmosferas por todo o mundo.

Hildegard Westerkamp (1946) é unha compositora, educadora e artista radiofónica canadense. Dende que a principios dos anos 70 pertencese ao World Soundscape Project fundado por R. Murray Shafer, o seu traballo céntrase no son ambiental e a ecoloxía sonora, temas sobre os que ademais escribiu en abundancia. Concentrando a atención nos detalles da contorna acústica, Westerkamp achéganos aos espazos interiores e ocultos da contorna que habitamos. É membra fundadora do Forum Mundial de Ecoloxía Acústica (WFAE) e da Asociación Canadense de Ecoloxía Sonora (CASE).

***

Angel Faraldo (Ferrol, 1980) é compositor, artista sonoro e improvisador. Habitualmente traballa con medios electrónicos e/ou dixitais e está principalmente interesado na exploración sistemática de recursos mínimos par xerar condicións extremas.